A multinacional Lactalis xa campa ás súas anchas en Galiza. E a Xunta?

A multinacional Lactalis xa campa ás súas anchas en Galiza. E a Xunta?
Pésima noticia a que acaba de consumarse: a compra por parte da multinacional francesa Lactalis da división láctea do grupo agroalimentar Ebro Puleva

Pésima noticia a que acaba de consumarse a da compra por parte da multinacional francesa Lactalis da división láctea do grupo agroalimentar  Ebro Puleva.

Pésima para o presente dos e das produtoras de leite de Galiza que teñen unha nova preocupación no momento que atravesan a peor crise no sector da historia e que teñen que aturar cada día  un goberno que só exerce de tal para producir recortes nas axudas á produción.

Esta decisión converte a Lactalis no maior recolledor do leite producido en Galiza, con 1,5 millóns de litros diarios o cal deixa aos produtores galegos absolutamente a mercé dos intereses do sector lácteo francés, que ademais do control xa case absoluto da distribución terao tamén sobre a produción. O poder que xa viñan exercendo estas multinacionais da  distribución  na determinación dos prezos que perciben as gandeiras e gandeiros multiplícase no caso de Galiza co protagonismo que acadan no sector transformador.

Pésima para o futuro do sector lácteo galego que ve como o goberno de Núñez Feijóo deixa escapar por segunda vez en menos dun ano a oportunidade de que Galiza conte cun grupo líder no Estado.

O goberno do PP renunciou a integrar as grandes cooperativas, que ademais xa contan con experiencia no ámbito da transformación, na operación de aluguer da planta de Pascual en Outeiro de Rei, sen outra xustificación que o seu sectarismo partidario e na actual operación, a venta da división láctea de Puleva, acaba de malograr os avances que se tiñan producido para consolidar unha incorporación significativa do sector lácteo galego no ámbito da transformación coa implicación de capital financeiro e do mundo cooperativo galego na concreción dun grupo líder no Estado.

Liderado que está máis que xustificado á vista de que no ámbito da produción Galiza ocupa o primeiro lugar do Estado, xa que producimos o 38% do total do sector e o número de produtores supón o 52% de todos os que teñen cota asignada. Porén, no ámbito da transformación e da distribución a situación é ben diferente, consumándose coa venda de Puleva a consolidación da febleza das industrias galegas fronte ás grandes industrias e distribuidoras transnacionais. 

Pésima para Galiza por constatar que para o Goberno do Estado os sectores estratéxicos para a nosa nación son cuestións menores que non ocupan nin un minuto da súa axenda. Resulta enxordecedor o silencio da ministra Espinosa como simple espectadora das operacións de Lactalis facendo distintas adquisicións que a converten nun dos catro grupos de maior tamaño do sector transformador no Estado. Silencio clamoroso no caso de Ebro-Puleva si temos en conta que o Estado conta cunha participación do 6% do seu  accionariado a través da SEPI.

Pésima para as galegas e os galegos que  no canto de termos un goberno que exerza o seu poder para marcarlle as liñas vermellas ás grandes corporacións e aos grupos empresarias nas súas decisións, temos un goberno irresponsábel  que só se adica a mirar as carencias do goberno do Estado permitindo que acontecementos moi relevantes para o futuro do sector en Galiza se teña resolto de forma tan negativa.

Un goberno coa peor faciana neoliberal que neste caso cumpre as súas promesas, a de renunciar a que Galiza poida contar cun grupo lácteo forte con capacidade de incidencia nos mercados, de incorporar aos produtores e produtoras á cadea de valor e de vertebrar o sector lácteo.

Un goberno neoliberal que se nega a apoiar e a participar en proxectos empresarias promovidos polo cooperativismo galego, ao que lles nega o pan e a sal privándoo da posibilidade de participar do aproveitamento eólico, porque renega do "intervencionismo trasnoitado" ao tempo que lle entrega a Caramelo 5 millóns de euros para "internacionalizarse" o que en linguaxe común se chama deslocalización da produción a China.

Pésima a actuación do Conselleiro do Medio Rural que despreza o autogoberno coa súa renuncia a exercelo. Non se lle coñece ningunha actuación ou xestión para impedir a venda ao capital francés amosando novamente o seu desprezo e desinterese polo sector lácteo e o que é máis grave polo cargo que ostenta.

Un Conselleiro do Medio Rural que coa mesma cara que se nega a empregar os resortes que ofrece o goberno para catalizar a actuación do capital financeiro galego nos nosos sectores produtivos, manifesta sen arrubiar que "si una empresa francesa apuesta por el sector gallego, bienvenida sea".

Este mesmo conselleiro que logo de perpetrar esta traizón tira definitivamente a carauta de pseudogaleguista co que adoita disfrazarse este goberno de "travestidos", como bo señorito alleiro, así o alcumaría Castelao, descobre  onde  residen as súas verdadeiras preocupacións e que intereses defenden: "es una oportunidad perdida para consolidar un sector lácteo español sólido".