A morriña, a nómina e Irlanda

OLYMPUS DIGITAL CAMERA
A morriña, a nómina e Irlanda
De como un emigrante galego en Irlanda realiza unha síntese perfecta da crise baixo a óptica do capitalismo máis agudo

Entrevista a un galego emigrado a Irlanda. 28 anos, enxeñeiro informático que atopou unha magnífica oportunidade laboral nunha empresa israelí de software instalada en Dublín. Emigrante galego que consegue un traballo nun país que nos últimos anos destacou por ter acadado importantes cotas de desenvolvemento económico e, polo tanto, tamén de ocupación laboral a base de investir en moitos aspectos, sobre todo, en atraer empresas foráneas. Empresas iso si, nas que salientaban descendentes de emigrantes irlandeses que apostaron por volver os seus ollos á súa terra natal á hora de investir.

E velaí que un emigrante galego se despacha definindo a Irlanda como fracaso dun modelo económico. De cal? Aí esta o cerne da cuestión. A continuación indica que en Irlanda, ademais de problemas comúns a toda Europa (burbulla inmobiliaria, etc.), non construíron infraestruturas e si "gastaron moito en axudas sociais, que en definitiva non son un investimento" (literal).

Isto é un exemplo nidio da confusión sobre modelos económicos, da fixación da mensaxe capitalista sobre as súas razóns desta crise. Subverter a información para ancorar a explicación no polo oposto da realidade. Conseguen transmitir que quen provocou o conflito non é o modelo vixente,  senón que nun exercicio de funambulismo manipulado,  acaban convertendo a un posible modelo alternativo, diferente e coherente, na causa, no culpable, cando nin tan sequera chegou a nacer.

A simple frase de que as axudas sociais non son un investimento define con absoluta claridade o sistema: a xente a un lado, o imperio da empresa sobre as persoas, o imperio do privado sobre o público. O lema: a sociedade sobra, bastámonos nós. Os que dominan dende a fortaleza empresarial, dende a atalaia do capital.

Irlanda a pesar de compartir e engordar moitos problemas comúns ao resto de Europa, resistirá mellor e, xa segundo estudos, recuperarase máis rápido ca outros Estados europeos.

Isto ten tamén uns alicerces políticos. Un século despois da súa independencia do Reino Unido a estrutura política irlandesa estivo afianzada nunha clara autoestima nacional (cos matices sobre idioma que se consideren).

Morriña si, pero a nómina polo que vale.

As últimas declaracións do noso compatriota en Irlanda, deixan ben claro o modelo imperante e a incapacidade crítica que arrinca as raíces "por un puñado de dólares". 

Pregunta: Bota de menos Galiza? Resposta: "Si claro, pero a morriña pásame en canto lle boto unha ollada á miña nómina". Case que sobran os comentarios.

O salario de cadaquén é importante, pero facer xirar unha análise deste tipo ao redor dunha nómina, sen ter o mínimo acerto para definir a que se debe a súa condición de emigrante nun país con notables similitudes ao noso, define a manipulación do sistema e a anulación  da máis mínima capacidade para alentar unha explicación fóra da néboa imperante que cega calquera camiño, máis aló do ditado polos de sempre.

Oxalá que ninguén teña nunca que sentir a maldita "morriña" por unha nómina. Pero para iso menos morriña, máis acción, máis nación. En Irlanda algo comezaron por aí.