A empresa privada avanza na Sanidade Pública galega

A empresa privada avanza na Sanidade Pública galega
Nesta crise que estamos a vivir, estamos xa chegando a un estado acorde, de crise emocional, no que a cidadanía aceptamos todo o que nos boten por riba

Que cada un de nós puxera 500 € por cabeza para regalarlle a Bankia, ou o escándalo das preferentes de Nova Galicia Banco, xa case nin se comenta nas tabernas e dixerímolo cunha rapidez abraiante, nun aletargamento que xa nos tarda en estourar.  Os discursos máis neoliberais dictados polos (nunca fartos) mercados, van calando profundamente e, a diario, reprodúcense nas rúas de xeito automático. Así, un dos discursos que máis calou entre nós é que non hai diñeiro para a educación e a sanidade. Por iso onde antes tiñamos un cartaz de “terreo intocable”, hoxe mexan por nós e dicimos que poalla.          

O colonialismo ou o imperialismo fixo unha expansión fundamentalmente territorial e, ao que estamos asistindo agora, é a unha expansión que quere chegar a todos os ámbitos nos que se poida obter beneficios. Eidos que a loita popular tiña absorbido, como o estado do benestar. Os servizos que hoxe chamamos sociais foron historicamente privados. É dicir, a xente ía ao médico se tiña diñeiro para pagalo, e ía á escola se tiña cartos para pagala. Pero a loita popular, fundamentalmente obreira, conseguiu nos países que chaman “desenvolvidos”, que eses elementos, tan esenciais, saíran do mercado. O que está a facer agora o capitalismo é, simplemente, recuperalos.          

É indignante ver como agora os mercados xa non teñen que esconder o seu poder real. O que antano se facía ás agachadas nos despachos do escurantismo, onde os representantes políticos se axeonllaban fronte é banca; agora, a diario, os Primeiros Ministros esbardallan respondendo aos mercados, actuando por e para os mercados, e non teñen reparos en recortar hoxe en hospitais e colexios para mañá dárllelo ás mesmas empresas privadas que orquestraron a crise (normalmente dirixidas por amigos defenestrados de Ferraz ou de Génova).

Por iso hai agora un desexo dos que gobernan, dirixidos por eses mercados, de destruír todo o estado do benestar, de destruír todo o que é colectivo e público para deixarlle espazo ao mercado. Así, aproveitase un momento no que as clases traballadoras están completamente impotentes e desmanteladas para deixar campar ás súas anchas aos mercados, que poden facer o que queiran. O capitalismo sempre ten que expandirse, e cando non se expande estamos en crise. Pero a medida que se vai nucleando moito, queda moito menos espazo para expandirse.          

Un espazo que é moi larpeiro son os servizos sociais das clases medias: todo aquelo que é público restrinxe oportunidades ao privado, polo que hai que eliminalo. O obxectivo é mercantilizalo todo, até as relacións persoais (redes sociais).          

Mensaxes como que a Seguridade Social é insostible ou que Galiza ten unha sanidade que non se pode permitir é simplemente unha falacia.          

Nos últimos 20 anos mentres que nos países da OCDE o gasto sanitario aumentou un 4,7 %, o estado español só destinou un 2,72 % mais. Máis nos últimos tempos o gasto público destinado á sanidade tense reducido considerablemente en todo o territorio español. Ademais o incremento do investimento na sanidade privada foi aumentando. Así, mentres que no ano 1.980 o 81% dos orzamentos dedicados á sanidade era destinado á pública, hoxe reduciuse ao 70%, mentres que a Sanidade privada recibe máis diñeiro público para facer negocio.          

Nun estado onde a fraude fiscal ascende aos 45.000 millóns de euros (25% do PIB fronte ao 12% medio europeo), e onde o 71% desa fraude realízana os máis ricos, decídese facer a vista gorda e recortar, dunha soa, 7 mil millóns de euros na sanidade de todos e todas.          

Nos anos que Feijoo leva á fronte da Xunta de Galiza os recortes na Sanidade Pública galega xa ascenden a 300 millóns de euros que, para facernos unha idea, é, aproximadamente, o que custa contruír un centro sanitario coma o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago. O dato diferenciador entre un goberno de dereitas e un de esquerdas atopámolo na seguinte comparanza: o goberno de Fraga mantiña un incremento do gasto anual en sanidade de entre un 5,2 e un 6,6%, mentres que na época do Bipartito de esquerdas chegou a subir un 11,7% no ano 2.006. con Feijoo a cifra baixa até un 2,8 %, e prognostícase que sexa negativo para o vindeiro ano.          

As consecuencias destes recortes non conseguen mais que deficiencias nos servizos: eliminación dos servizos de tarde, privatizacións, eliminación de máis de mil camas en toda Galiza, un constante deterioro da asistencia sanitaria, a paralización da contrución de 66 Centros de Saúde e a construción dos hospitais de Vigo e Pontevedra segue en Satnd by, o que xera máis listas de espera. A construción deste último concedéuselle a Bankia cando xa se sabía que tiña que ser intervida. E así todo queda na casa.          

Algunhas das privatizacións máis importantes están a cambiar por completo a nosa sanidade pública para sempre. A externalización da Central de Chamadas (112) foi feita a empresas que teñen os seus centros na América latina, coa conseguinte explotación da clase traballadora daqueles países e o aumento do número de parados en Galiza, ademais das evidentes dificultades na comunicación.              

Ao privatizar practicamente a totalidade do servizo de informática o que se conseguiu foi regalar a intelixencia aos mercados para que así o sector privado, saiba perfectamente cales son os puntos fracos do Servizo de Saúde Galego e tiren oportunidade de negocio deles.          

Ademais a supresión de radiólogos nos hospitais comarcais ou a eliminación de ambulancias camiñan cara a precarización dos servizos. Pero a desfeita non ten límites e chega ao desmantelamento das áreas sanitarias, nomeadamente a do Barco, que fan da sanidade galega un modelo baseado na competencia e no mercado. Esa precarización tamén a sofren os traballadores sanitarios que teñen que soportar de novo os contratos lixo e unha carga de traballo maior por mor de só cubrir un 10% das prazas do funcionariado que se xubila.            

As novas leis fan cambiar a Constitución nun verdadeiro Golpe do Estado que deixa sen cobertura sanitaria a todos os estranxeiros e estranxeiras residentes en Galiza, rompendo por primeira vez o principio de universalidade intrínseco á nosa sanidade. Pero non son os únicos que se quedan sen atención sanitaria. Por exemplo, os mozos e mozas de máis de 26 anos que non traballaran (que cada vez son máis); e as mulleres que non cotizaron nunca, e que se divorcien da parella, quedan excluídas do sistema sanitario co novo modelo que ideou o Partido Popular.            

O co(re)pago xa é unha realidade imposta por Feijoo. Pero como en todo, as artes da dereita dictan facelo sibilina e paulatinamente, para que non asuste e para non levantar ás bases sociais. Os pensionistas teñen xa que pagar un 10% dos medicamentos, pero os que cobren menos de 18.000 € anuais terán que abonar o 40% do gasto en farmacia. Esto supón unha nova taxa que grava a enfermidade. Unha taxa que se aplica aos que menos poden, mentres que os ricos seguen a pagar menos impostos e a xerar a fraude devandita.