Xestas non son "gestas"

OLYMPUS DIGITAL CAMERA


Escribo en GALEGO, porque non pode ser doutro xeito. Porque todo canto vou contar das Fragas do Eume, ten que ser no noso idioma.

Teño que confesar que non domino o Galego. Nunca estudiei a súa gramática. Sempre, en todas as ocasións da miña vida, escribín en castelán. Como vou escribir no idioma que non domino, espero que se me disculpe se algunha verba me sae en castrapo.

Na escola de QUEIXEIRO apareceron no ano 1939, un tras outro, ata tres mestres chegados de fóra da nosa terra, falando un castelán cerrado, con grandes defectos de pronunciación, en absoluto intelixible.

Vestían camisa azul. Ensinábannos a rezar e a cantar "Prietas las filas", "Cara al Sol" e tamén "Alabado sea el Santísimo".

Obrigábannos a nomear a nosa querida parroquia como "Queijeiro".

Perdonaban as vareadas de rigor se escribíamos "Queijero" ou "Queixero". Eran verdadeiras aberracións, pero agradecíanche a boa intención.

Os seis anos seguintes, tiven o millor ensinante da miña vida. Con el aprendín moitas cousas ... pero, forzosamente, todo tiña que ser en castelán.

Nos sete anos do Instituto Concepción Arenal de Ferrol (1945 - 1952), o Idioma Galego era un OVNI.

Moitas parrafadas vounas escribir usando as verbas das xentes que coñecín na miña xuventude. Non será, estou seguro, un galego académico. Pero ha de ser auténtico.
Sei que me defendería moito mellor escribindo en castelán. Pero, neste caso, non podo. Sería completamente imposible, e tratarei de explicalo. ...........................................................................................................................

Non atopo o xeito de escribir en castelán os sofrementos enormes das persoas subindo dende as beiras do Río Grande ata o alto da Serra, cun saco de castañas ó lombo. Ou relatar como arrastraban, entre varios homes, aquela viga de carballo para repoñer a vella do alpendre, que xa estaba a piques de romper. Non sei contar en castelán, como se sube pola fraga arriba cargando cunha torada de freixo que serviría para cambiar o eixo do carro. Non sei como relataría en castelán as conversas das familias que teñen que dispoñer o traballo do día despois, cando hai moito onde escoller e non saben por onde empezar. Tamén e difícil, en castelán, contar como era moi doado dispoñer cal sería a comida do día seguinte, porque, agora sí, non tiñan moito onde elexir. Non hai maneira, en castelán, de relatar os sentimentos de sufrimento da familia que se dirixe ó mellor souto que tiñan no corazón das Fragas do Eume, a propiedade que máis apreciaban, a primeira vez que se achegan alí despois de saber que xa non son os donos daquela fraguiña, porque se quedou con ela o prestamista, cando non puideron pagar no seu prazo unha pequena débeda ... e aquel soutiño era o aval.

Tal vez puidera, en castelán, denunciar que nunca se tratou de averiguar porque os xiros que mandaban os emigrantes dende As Américas, precisamente para pagar ó prestamista, tardaban meses e meses en chegar dende LA Coruña ata PUENTEdeume.

En castelán poderíamos explicar cómo se secuestrou e se fixo desaparecer todo o caudal de auga do Río Eume, para transformar esa auga en recibos da luz.

En castelán poderíamos relatar as queimas das fragas, a mediados do século pasado, perseguindo ós fuxidos. .................................................................................................................................

Véxome na obriga de facer mención a outros motivos máis alegres, polos que, forzosamente, teño que escribir en Galego:

Non encontraría, no idioma castelán, a maneira de describir os camiños de carro que se adentran nas fragas ata os cargadoiros, onde se ramifican en múltiples sendeiros que nos achegan ata os máis escondidos e sorprendentes recunchos que salpican as peadas ladeiras diste paraíso. En castelán, non se pode relatar como unha miuda e suave orballada empapa felgos, torgos e piornas, ata enchelos de forza e vitalidade. Non pode describirse en castelán, a repentina aparición dun espeso nebueiro que deixa as mestas ramalleiras cheas de milleiros de gotas de auga que na silenciosa quietude da mañanciña, aparecen penduradas das árbores coma se foran brilantes boliñas de cristal. Non se poden contar en castelán os leves asubíos do ar nos bicos dos altos carballos e dos grosos castiñeiros; nin os máis fortes zumbidos que se escoitan nos piñeiros, que dende a altura dos montes, parecen vixiar calquer perigo que ronde á fraga. Sería moi difícil, en castelán, describir o suave e contínuo ruxibao das augas de tantos regatos, saltando de pedra en pedra, formando pequenas e numerosas fervenzas, que parecen querernos dicir que teñen presa por mergullarse no seu Río Grande. En castelán, non se poden nin mencionar siquiera as centenarias "corripas" escondidas nos misteriosos recovecos da silenciosa fraga, disfrutando do seu merecido descanso, despois de tantos anos de servicio á comunidade ...

Tal vez en castelán, puidéramos describir outras terras de planices case desertas, que de cando en vez aparecen atravesadas por ríos adormilados, que pasarían completamente desapercibidos, se non fora porque nos delatan a súa presencia esas longas ringleiras de choupos entristecidos ou de olmos aburridos.

Como estou decidido a escribir no noso entrañable idioma, se en máis dunha ocasión sufro algún inevitable erro ... amiguiños, disimulade.
(Do libro inédito: " OUTRO PORTAL ÁS FRAGAS DO EUME" )