Voando desde O Porto: de Cacifos e Agasalhos

Voando desde O Porto: de Cacifos e Agasalhos
Cando temos que voar directamente a un destino no extranxeiro, aos galegos, resúltanos mais práctico pillar o avión no PORTO que recurrir á nosa tríada de aeroportos, que sempre nos obrigan a pasar por Madrid ou Barcelona.

É de admirar o emporio de hotéis, aparcamentos e servizos que rodean ao aeroporto do Porto.

Lembramos os tempos qen en que este aeródromo locia o nome de PEDRAS RUBRAS, en alusión ao lugar e freguesia da sua ubicación.

Agora pasou a chamarse SÁA CARNEIRO, seguindo a moda de mudar o chamadeiro natural dos aeroportos para nomes de sonados políticos .

Esperemos que non se contaxien de tal estilo os nosos papáns dirixentes e mantellan os tradicionais nomes de , LAVACOLLA, PEINADOR e ALVEDRO.

Daquela, cando viaxabamos desde o Brasil, ao estarnos próximos do Porto, a hospedeira da VARIG, anunciaba que : “ estábamos prontos a POUSAR, no aeroporto de Pedras Rubras”.

Agora úsase a palabra ATERRAR , copiando do inglés “to LAND”, cando entre nós, “aterrar”, sempre foi botar terra para atuar algo.

En Cangas, chamamos, O ATERRADO, á zona da alameda que se “aterrou”, ou sexa onde se roubou zona do mar, deitando terra.

Ben mais fermosa sería usar a palabra POUSAR na linguaxe areonáutica ; pousan os paxaros, e por tanto, tamén pousan os avións.

Ainda atopamos alí outra palabra que nos emocionou profundamente; é o que chaman os portugueses de CACIFOS, ou sexa os compartimentos que ofertan no aeroporto, para gardar as equipaxes baixo chave.

Alí figura a palabra, en letras enormes, coa sua traducción ao inglés : CACIFOS / LOCKERS.
Ao ler aquela verba, unha chea de lembranzas infantís, loguiño nos viñeron á tona.

No noso ambiente rural, do Carballiño, chamábamos de CACIFO a unha daquelas xanelas cegas que había nas cortes ou nas adegas, e que se usaban como contendores para pousar alí as fouces, os adibais, ou os diferente obxectos de uso no mundo rural.

Ollar esa palabra, hoxe cuase desaparecida na nosa fala, locindo súa frescura e utilidade ao pé do inglés, lévanos a pensar no moi diferente futuro que teñen as palabras segundo veñan dun país colonizado ou dun país normalizado.

No primeiro, estas vetustas palabras desaparecen sendo sustituidas polas do país colonizador ; e no segundo, seguen vivas , útiles e actualizadas no mundo moderno e no uso internacional.

Pero, esta palabra, CACIFO, ainda tivo mais recorrido na nosa vida profesinal.
Nos noso tempos de traballo no Instituto de Cangas, á vista da cantidade de libros e material que carregaban os nosos alumnos, decidimos colocar, nos corredores do centro, uns móveis metálicos , ao xeito de armariños, para que cada alumno poidese gardar baixo chave o seu material de estudo e deporte.

O primeiro obstáculo para acometer tan práctica instalación, foi a estreitez dos corredores dos nosos centros de ensino.

Que tipo de arquitectos diseñan os centros onde non se poden usar uns corredores folgadamente?

Daquela, o noso centro participaba do proxecto europeu Comenius, de xeito que estábamos ligados a un centro de ensino portugués radicado en LEÇA DE PALMEIRA, ao pé de Matosinhos.

Chegamos alí, unha delegación do noso centro, levando como atención unha fermosa cerámica de Sargadelos, de cando ainda transmitia o espíritu de Seoane e Díaz Pardo.
O colega que portaba o presente, saudou ao director portugués con unas palabras como : “ Aquí lle traemos, desde a Galiza, este AGASALLO”.

A resposta do directivo portugués deixounos un pouco surpresos : “ Un agasalho ? , mas eu nao tenho frio!”

A funesta teima dos galegos, de tomar as palabras cultas desde o español !

Para os portugueses, un “ agasalho” é unha prenda de abrigo, tal como un xersei ou unha rebeca; nunca é un “ presente”.

A “ Festa do Agasalho”, en Portugal é unha especie de tómbola benéfica, onde se recolle roupa para os desabrigados no Nadal.

Pois ben, o bon do director explicounos o xeito de xestionar alí os contendores de material dos alumnos, que alí chamaban, como era natural de, Cacifos!

Veremos un futuro onde as “taquillas “ dos nosos centros de ensino sexan substituidas polos enxebres e internacionais, CACIFOS ?.