Vivendas


As rúas eran estreitas e todas viñan dar ao peirao, o chan de lousas deixaba ollar nas súas beiradas, as rodeiras dos carros coma vellas testemuñas do transporte das mercadorías desembarcadas polos botes que atracaban aló, surtindo o reducido comercio.

No que atinxe á construcción, destacaban as casas de cartos ou da xente que en tempos fora podente e agora era menos, presentando vestixios arquitectónicos de vila mariñeira. Non habia un modelo xeralizable ou tipoloxía definida, mais ben as diferenzas eran económicas.

Vivendas situadas nas inmediacións do porto, albergan dous andares e mais o sobrado, muros dun metro de ancho por mor da estabilidade, mesturando na súa construción cachotaría nos panos coa cantaría traballada nos esquinais. Solainas descansando en grosos canzorros, varandas de madeira en toda a súa contorna e cuberta polo propio teitume, integrando no conxunto unhas travesas verticais para dar apoio. As fiestras con caravillas para que non se bateran co vento e por riba as tornachoivas de granito.

Dúas portas: a princiapal e a da horta. No primeiro andar o corredor morrendo na escada e a ámbolos dous lados os cuartos de día: a cociña con fogón e forno, preto del a artesa feita de madeira nobre, coas cuncas e pratos estibados no alzadeiro a mesa e as cadeiras arredor. Enfronte ó cuarto da leña ateigada de pólas e piñas e á súa carón a adega cos bocois de viño e o baño do porco salgado.

Subindo os chanzos caese nunha peza principal que da acceso ás alcobas compatirmentadas con paredes de barrote e pallabarro.

Outro tipo de edificacións completamente novas substituíanas en importancia económica e social: as fábricas de salgado. Distribuíanse ó longo das zonas areosas das praias, construcións que se dividían en catro partes: vivenda, almacén, e outras dúas para a elaboración do peixe, contando tamén cun taller de ebanistería para a confección das embalaxes.

Desenvolvíase a súa edificación en dúas prantas con cuberta de tella do país a dúas augas, deixando os parámetros da fachada á vista da pedra de cantería.

A vivenda co corredor ó medio e a un lado o despacho administrativo de contabilidade e pagamento de xornais. Estancia amoblada austeramente, mesa do escribinte con cadeira e libros de contas acomodados nun alzadeiro.

Á outra man do corredor, estaba o despacho do dono da industria, con mesa e varias cadeiras, alzadeiro, pinturas dos pataches e bergantíns. Alí levábanse os asuntos importantes que non debían pasar por mans alleas: negocios da salgadura e o seu transporte. Na metade do corredor, un pórtico separaba as estancias privadas da familia e a cociña con vertedeiro de mármore.

Afastándose un pouco, preto do porto, batíase cunha corredoira chea de silveiras e toxos, a lama facíaa intransitable no inverno. Nas beiradas, en dúas ringleiras, as casas dun remo con paredes de medianil. As vivendas eran de pranta terrea, empregábanse pedras de cachotaría ruín nos seus muros de escasa altura, para protexerse dos vendavais contando coa escasa calidade dos materiais empregados.

Poucas aperturas nas fiestras e na porta, o teitume á vista sen sobrado a dúas augas, a armazon formada coas trabes, pontons e cangos dando soporte ás tellas a dúas augas.

No seu interior, a lareira e dous cuartos separados por casqueiros de madeira a
compartir pola familia, separando vellos de mozos.

Na mesma edificación, compartindo espazos persoas e animais, un cortello para aqueles que podían dispor dun porco, e o capoeiro, así coma un pequeno espazo para gardar as redes e outros apeiros. Algo máis afastada, a cañeira.