Valores dos chamados de "occidente"

Valores dos chamados de "occidente"

Fora do mercado -que é o valor supremo-, o consumo, o éxito e a imaxe corporal, pouco lle queda a gloriosa cultura chamada occidental de que chufarse. Tamén falan moito da democracia, pero cando falan deso é para poñerse a tremer, xa que o normal nestes casos é advertirnos de que van a impoñer a sangue e fogo, acompañado dunha forte dose de propaganda falsaria os seus "valores" e eliminar os dos outros.

Fai poucos días no intre de prender a radio do meu auto escoitáballe a un home rememorar varios substantivos que rematou chamándolle valores e que representaban, na maioría dos casos, o contrario do que hoxe defende occidente. De repente dixen: "Aínda seguen vivos os valores do patriotismo, do socialismo real e da esquerda". Mais non, iso era un espellismo inxenuo dun idealista decimonónico. Do que se trataba era dun adestrador de fútbol que lle pedía a equipa que adestraba que defenderan todo aquilo que hoxe en día non se defende nin nas escolas, nin nos fogares familiares, e moito menos nos medios de comunicación: " humildade, xenerosidade, honestidade, colaboración, sinceridade, laboriosidade, espírito de equipo, valentía, servizo, alegría, ... E todo isto -que foi cando me decatei de que ía o discurso- polo ben de todos os socios. Isto último era o mais rechamante, estábase a traballar polo ben da maioría, do colectivo das persoas, e non polo éxito do máximo goleador, dos accionistas de construtoras, dos vendedores de xogadores, dos mercados... Quedei sen saber si sería o adestrador do Lemos ou dos rapaciños de primaria do barrio das Gándaras de Lugo.

Non tratamos de poñer nunhas liñas un tratado de ética nin buscar os fundamentos xurídicos de valores e principios nos que se baseen dereitos e deberes individuais e colectivos, senón chamar a atención da brutalidade das mensaxes egoístas, perversas e inhumanas coas que o actual capitalismo está a golpearnos por todas partes e moi especialmente aos/as máis novos, e novas, que son, e os agresores sábeno, os máis vulnerables.

Como cuestión básica, non se nos debía esquecer a ninguén que os valores non son quimicamente puros. Teñen a ver coa condición de clase, nación e cultura, cando menos. Non esquecen Isto as clases dominantes nin quen os sirve e protexe. Aínda que logo nos metan nos miolos que todos pertencemos á mesma clase, a dos consumidores, con certas diferenzas; uns viven dos fondos de pensións ou dos negocios e outros mal viven do salario mínimo. O porqué das diferenzas? Eso xa ninguén o pregunta, como non aparece en ningún anuncio nin nas redes sociais...

Nada mellor que a pequena obra de teatro que dicía Castelao que lle gustaría escribir para divertir aos señoritos, cando unha labrega e unha meniña choraran pola morte dunha vaca e a fidalguía pola dunha cadeliña.

Fai pouco puiden observar como unha rapaza da alta sociedade defendía nun programa de televisión o labor humanitario da adopción dun can como un feito humanitario relevante coa seguinte frase: "Estes animais son os verdadeiramente orfos, a min os nenos non me preocupan".

Tan importante ou máis que os propios valores é sen dúbida a orde destes valores. A vida, a paz ou a saúde, quen máis quen menos vese obrigado a consideralos fundamentais para a súa felicidade. Pero, deféndese e aplícase este valor como universal? Na práctica non é así, xa que existen, agora no presente e non so no pasado, seres humanos que para sentirse satisfeitos precisan a morte, a guerra ou a miseria dos outros.

Podemos recoller dous exemplos moi esclarecedores destas actitudes: A lenda dos cascos dos soldados israelís "nacido para matar", ou a da famosa "princesa del pueblo" que dicía "yo por mi hija mato".

De acordo en que a vida é un dos máis grandes valores; pero cal é a orde que seguen os que se enrabian pola eliminación dun pequeno embrión de vida e aplauden que as potencias occidentais intensifiquen o reparto das riquezas propias dos pobos africanos destruíndoos, dispersándoos e intervindo militarmente como nos mellores tempos da colonización? Porque a democrática Europa, recollendo os valores de Italia, os principios relixiosos do Reino Unido ou a tradición democrática de Francia non lle aplican como mínimo a moitos emigrantes e refuxiados -e non vou a dicir ningunha barbaridade- as normas de benestar animal que son obrigadas para as granxas en Europa en canto a comida, residencia, repouso e traslado?

Cando aquelo que valoramos como bo e xusto para os seres humanos tanto individual como colectivamente non o universalizamos era mellor ter a boca pechada e dedicarnos a falar dos verdadeiros valores nos que se está a fundamentar a U.E. e mais OCCIDENTE; os valores da bolsa e dos fondos de inversión.

Pero o máis danoso, especialmente para a nosa xuventude é que a estamos a meter nunha calexa sen saída, debruzándoa nun noxento consumismo, egoísmo e carreira competitiva que se reflexa claramente nas frases "sé ti mesmo" "ti o vales". E radicalmente falso que estas mensaxes potencien a propia estima. No contexto e na sociedade na que se dan están a crear actitudes que en vez de facernos mais persoas, mais sociables e mais humanos lévannos a todo o contrario. Ninguén se vale a si mesmo, somos un ser social totalmente dependente e interdependente. Cando estourou a primeira guerra do golfo os fillos adultos dos xeques árabes que fuxiron a Exipto tiveron que aprender a atar os zapatos porque deica aquela facíallo a servidume. E o "ti o vales" é outra falsidade. Ninguén vale mais que ninguén e illado non serve para nada. E ademais, porque somos tan sádicos e conducimos deliberadamente a nosa mocidade cara un suposto paraíso de consumo e benestar cando lle acabamos de quitar incluso a posibilidade dunhas prestacións mínimas das que se beneficiaron xeracións anteriores, como é a dunha seguridade social pública? Como lle falamos de ser ti mesmo si os están anulando e pisando en cada ocupación que atopan, si é que a atopan? O egoísmo e o consumismo ao que nos está a someter este desnortado occidente lévanos a destruír e a eliminar aquelo que realmente nos fai humanos que é compartir e repartir bens,coñecementos e sentimentos. A voracidade do mercantilismo estanos deshumanizando, non nos deixa tempo mais que para consumir, producir e o tempo restante dedicámolo a vida contemplativa de imaxes e sons que sen decatarnos nos levan a actuar e sentir como rabaños de ovellas detrás dun chifre; e que non se dean por liberados desta praga os chamados intelectuais que son dos máis afectados.

Altruísmo, amizade, lealdade, compañeirismo; ou, ser colaborador, xeneroso ou desprendido están quedando ofuscados polos novos valores de ser triunfador ou triunfadora, impostor habilidoso, vaidoso e espectacular; e con todo esto e con un "bo corpo" podes e debes ser líder. Son os vellos valores das clases dominantes e das épocas e movementos mais reaccionarios. E por si fora pouco, en situacións de crise e sen unha oposición clarificada con outro modelo de sociedade e de valores corremos perigos de que se fortaleza a intolerancia e a xenofobia, o racismo, o machismo, o desprezo e a marxinación dos mais débiles etc. Todo doado de resumir nunha soia e ben conformada ideoloxía: O fascismo. E moi curioso o despiste ideolóxico existente no dito occidente cando a Berlusconi se lle está a chamar de todo menos aquelo que realmente o define. Temos moito que rescatar da memoria histórica en Europa e non para contemplalo como un feito do pasado senón do presente. As recentes intervencións da OTAN no corazón de Europa foron tan fascistas como as de Hitler, so que con un proxecto de desfeita ordenado e controlado, como o que se está a aplicar nos países árabes e en África.

O mercado, a democracia e a liberdade representan na actualidade en occidente conceptos totalmente sinónimos, e un so proxecto, aquel que teñen deseñado dende xullo do 1945 en Bretton Woods os amos do imperio occidental: O Banco Mundial, o Fundo Monetario Internacional, a Organización Mundial do Comercio e a OTAN. Nese proxecto nin as persoas como seres humanos, nin os pobos, nin a vida, nin a paz, nin a felicidade, nin as culturas, nin o medio ambiente, nin o altruísmo, nin amizade, que un ser humano civilizado ten que defender, están presentes. A democracia e a liberdade so se fundamentan en que uns poucos manteñan e aumenten o control dos recursos, das bombas e da información; e cando falen de que defenden valores xa sabemos de que valores se trata...