The Beatles e as nacións celtas

The Beatles e as nacións celtas

Países célticos, fonte de dinastías de músicos que saben acompañar, cantar e contar ó acontecer. Herdeiros dos bardos e dos eskaldos, os poetas de noutrora, cantores de sagas. Espontaneidade arredor dunha pinta de sidra ou de cervexa, do lume, marcando ritmo cun pandeiro ou batendo contra unha táboa. Xemidos e aturuxos entre o son do roncón e o laido da zanfona, o cantar polo nariz que esvaece na paisaxe. Sobre esta cuestión xa temos predicado moito. Tampouco somos os únicos con tal teima. E aquece neste tempo, cando o couto máxico de Ortigueira e a forza do instinto convocan ó seu Festival Céltico Internacional. Aquí cadrélanse en irmandade nostalxias comúns entre pobos do occidente atlántico. Trátase de reforzar os vencellos culturais célticos. Na música, nas letras... si o buscamos tamén atopamos un adn cultural céltico que identifica e distingue, incluso nos máis músicos de maior sona da contemporaneidade, The Beatles.

No ano 2008 saíu a luz o libro "The Beatles and Ireland" de Michael Lynch e Smyth Damian, o que a través de entrevistas, fotografías, testemuñas e a investigación desvelan as raíces e tendencias célticas do grupo. Respecto a Eirín sempre declararon que "tiñan centos de curmáns e parentes por aquí". A beatlemanía resiste, medra e ten capital en Dublín. Tamén os escoceses reivindican ter parte nesta historia, xa que denantes do parto, "The Silver Beetles" tiveron as súas primeiras actuacións polo norte de Scotland, debido ás relacións con Edimburgo a través do malogrado creador e compoñente do grupo, Stutcliffe Stuart, orgulloso da súa nación escocesa. Cousas que lembra Ken Mcnab en "The Betles and Scotland".

Nos primeiros anos do século XX, acontece unha desas crises globais con causas mais de pelotazo humano que divino, e conseguintemente, fame i emigración. Moitos irlandeses, galeses, escoceses, bretóns, asturianos, galegos toman o camiño das Américas ou establécense nas grandes cidades en auxe, aventúranse en traballos arriscados que outros non querían, nas estadas dos rañaceos, nos estaleiros, altos fornos... Unha desas cidades foi Liverpool, no Mercseyside, a que emproa ó océano, entre brétema, fumegar de chemineas, sereas de barcos e son metálico. Cidade movida pola industria navieira e o tránsito portuario. Son os sórdidos anos corenta da segunda guerra mundial, arredor dos que naceron os catro Beatles. O acontecer e os escenarios da vida vannos conformando.

The Beatles sempre reivindicaron as súas orixes célticas e senón recordáronllo: os Lennon proviñan do Ulster e pasan por Dublín, de onde foi seu avó que era cantante. O seu apelido OLeannain é inglesizado. A familia da súa nai, Xulia, proviña de Gales. John Wiston Lennon recibe o nome do seu avó paterno e o segundo ven a ser como un vestixio de guerra, en lembranza de Winstón Churchill. Creador soidoso, propenso ás lembranzas dos escenarios infantís, non dubida en darlle ó seu fillo con Yoko o nome de Seam, a versión en gaélico do seu nome. John pasa os veráns da súa infancia en Durness, o punto máis noroccidental da Gran Bretaña, volve con Yoko na etapa final dos Beatles, sufrindo un accidente automobilístico nas pechadas curvas dos Highlands e que lle costa inesquecibles semanas de ingreso hospitalario.

Os Mccartney, por parte materna e paterna proceden da verde Erín, dan o paso a Galloway en Escocia e finalmente a Liverpool. Manteñen no fogar tradicións católicas irlandesas. A súa nai morre cando Jean Paul tiña 14 anos, entón o seu pai regálalle unha guitarra para contar e cantar penas e ledicias. O país da humilde e cantada peixeira Molly Mallone estará sempre nas súas miras de ida e volta. Para a súa voda coa modelo Heather Mills elixiu o rosado Castelo Leslie de Glaslough, no condado de Monaghan, de onde precisamente proviñan os seus ancestrais. Na hora de crear grupos nunca dubidou en acompañarse de grandes músicos irlandeses. Pero tamén e tivo unha atracción especial por Escocia.

Igualmente o batería Ringo Star que presume de bisavoa irlandesa, de Galway.

Despois de Let di Be, do londinense concerto da terraza no edificio de Sevile Road, número 9, o que marca a súa ruptura, Mccartney vaise para Escocia, para unha granxa en Mulle Of Kintyre. Pasea, escribe, pinta, compón, forma o grupo Wings, con algún compoñente irlandés, aquí editará a famosa balada Mulle of Kintyre, acompañada de gaitas. Tema que se converte nun novo himno céltico, común e central nos seus concertos nestas nacións atlánticas, nos que saúda en gaélico. Son anos nos que edita o álbum Ram, con tantos ecoares atlánticos, incluso cunha canción retranqueira e provocadora alusiva a John e a Yoko. Álbum que ilustra cun símbolo, o primeiro plano dunha lauda ovella Scotland. No 1972 e ante as matanzas no Ulster o recen creado grupo Wings, no que estaba o virtuoso guitarrista Henry McCulloug, comprométese coa causa do IRA a través da canción "Give Ireland back tho the Irish", a que, pese ás advertencias, traeralle problemas coa produtora EMI e súa prohibición na Gran Bretaña, pero será número un en Irlanda e noutros países. Contraditorio comportamento do Beatle, que non dubidará en recibir honores, medallas e títulos da súa graciosa e imperial maxestade. Pese a que tampouco participa en moitas das televisivas cerimonias de Buckingham. A súa compañeira, a newyorkina Linda Eastman, ecoloxista e fotógrafa, sentía unha atracción especial pola cuestión céltica, polas paisaxes verdes, montañosas e ribeirás co océano maior, ideal para a súa causa integralmente ecoloxista. En Campbeltown de Mulle of Kintyre dedicáronlle unha estatua e no seu museo ten un apartado do tempo alí vivido pola parella. O vídeoclip de "Mulle of Skintire" pon de manifesto estas predileccións: cabalos, mar, ruínas dun castelo, xente popular, gaiteiros escoceses... e como final unha cachela en noitiña de solsticio iluminando a cara da tribo. Non queda aquí a cousa, Mccartney, sempre desafiando as súas mesmas posibilidades como músico, acomete o segundo grande proxecto orquestral, despois do Oratorio "Ecce Cor meum" ("Veleiquí o meu Corazón" que tamén é o logo do seu escudo de armas, como Sir). Trátase de "Standing Stonne", musicalización dun poema elaborado por el, dedicado precisamente ás súas raiceiras célticas, estreado no Royal Albert Hall o 14 de Outono do 1997, interpretado pola Real Orquestra Sinfónica de Londres. Cd ilustrado na capa cunha fotografía de Linda: un menhir nun solpor, a rotulación tipo céltico e como logo o trisquel insculturado nas chantas do monumento megalítico de Bruna Boyne, Newgrange inglesizado... Cd hoxe moi buscado polos coleccionistas.

Despois da rotura John Lennon escolle New York para vivir, farao na parte oeste do Central Park, no misterioso edificio Dakota, onde Polansky roda "A Semente do Diaño" coa malograda Saron Tate. "Building" que os esoteristas ven en relación coas forzas do diaño. John & Yoko dedícanse á vida familiar, asistidos por Rosaura López Lorenzo, a pontevedresa de Mourente que lle ensina a facer empanadas, segundo as memorias desta na casa dos Lennon. Naquel entón inician unha importante campaña mediática contra os imperialismos, contra a política estadounidense de guerras; contra os ingleses no Ulster, fanno a través de performances, coma a roda de prensa na cama nun hotel de Montreal, de manifestación, grandes rotulos e cancións como "Imagine" ou "Give peace a chance", un xeito de cánticos bárdicos á paz. No 1971, un día 1 de agosto, paséanse por Londres cun cartel de "Victoria para o Ira ante o imperialismo británico", farano igualmente en New York... John está nas miras do FBI e da CIA... Canta i edita "Sunday bloody sunday" reclamo de Irlanda para os irlandeses, ante as 13 mortes do "Domingo sanguento", o 30 de xaneiro do 1972, cando os paracaidistas británicos disparan contra as manifestacións en Londonderry, onde se cantou a canción de Jhon, feita un ano antes "The Lucck of the Irish". Feitos que, intemporalmente, se contaxian a outros grupos e o seu amigo Paul, entón en Escocia.

O que máis fonda raiceira irlandesa, labiríntica e e joiciana ten é George Harrison, liña xenealóxica que se perde en Normandía e no século XIII, tamén é o que que sinte unha atractiva inspiración cara ó mundo oriental. Na súa música ecoa o céltico en fondo e forma, en letra e música. Todos lembramos "Here comes the Sum", o cántico a unha alborada, apropiada como banda sonora para escenas de solsticio, cando o sol na mañanciña fura entre os pórticos de pedra e ilumina a negrura das cámaras funerarias. As lembranzas de veráns na illa escocesa de Skye, a fonda amizade co cantoautor Donovan, de Glasgow, que acompaña ós Beatles na experiencia co gurú na India, autor do himmo "Atlantis"...

O doutor coruñés Chema Rios, recoñecido especialista na cuestión Beatle, busca datos sobre as pretensións de Lennon de facer o Camiño de Santiago xunto co pintor Dalí e outros creadores nos anos da efervescencia hippie... Antonio Dolano por medio. Relacións culturais, anécdotas, que entran na Historia.