Tempo de Nadal


O Nadal é unha das datas sinaladas do calendario é unha das festas máis importantes do ciclo anual. O calendario non é só un conxunto de números nunha folla dun almanaque, é un xeito de como unha sociedade entende e organiza o paso do tempo. E o Nadal é unha data importante nesa concepción cíclica do tempo, orixinando un conxunto de prácticas propias que hoxe van desaparecendo ou adaptándose aos tempos da uniformización global grazas ao consumismo.

O calendario é unha creación sociocultural que toda sociedade constrúe para dar respostas as súas necesidades económicas, sociais, políticas e simbólicas, como tamén para entender e adaptarse ao paso do tempo. Como calquera construción social o calendario tivo variacións ao longo do tempo histórico e mostra así as peculiaridades propias de cada sociedade. Así pasou de ter un carácter eminentemente práctico, de sinalar os labores agrícolas propios de cada mes e, arrastrados por estes, ía a vida social, a outro máis simbólico vinculado á relixión católica, pero tamén cun sentido práctico, no sentido de que o cristianismo fose penetrando e callando na vida cotiá das xentes para que estes se guiasen polos seus preceptos. Neste caso o Nadal é unha data importante na maioría dos calendarios vinculada a un feito concreto: o nacemento de Xesús, aínda que os datos históricos sobre este feito sexan escasos. Polo tanto a fixación da data do nacemento de Xesús non descansa nunha tradición histórica fiable, pero si sobre unha base do simbolismo do solsticio de inverno e unha nova renovación da luz, onde o sol é substituído por Cristo, cousa que se dá no século IV, como nova luz. Vellos símbolos que, pasados pola peneira do cristianismo, serven para transmitir novas mensaxes.

O calendario, como construción propia dunha cultura, mostra as relacións entre sociedade e territorio, mostra as peculiaridades de cada cultura, a orixinalidade da mesma. Por iso os etnógrafos clásicos galegos procuraron estudalo como un xeito diferencial, pero tamén como un xeito de vincularnos cunha memoria social, conscientes da importancia da memoria como ferramenta social para vivir máis alá do presente, para permanecer e transcender; conscientes de que a memoria é posible só sobre un espazo socializado. A memoria é un recurso cultural, unha orientación no presente; sen memoria estaríamos perdidos e seríamos fráxiles marionetas nas mans dos mercados e dos poderes. E o Nadal era, dentro das datas do calendario, a que máis envolvía a vida das xentes, a que tiña un carácter máis acolledor e, digamos, íntimo.

O ciclo do Nadal vai do 24 de decembro ao 6 de xaneiro, da Noiteboa ao día de Reis, da cea de Noiteboa aos presentes para os nenos do día de Reis. Agora empeza antes, cando os grandes centros comerciais nos inundan coa súa publicidade. Segue rematando en Reis, pero esta data vai perdendo predominancia, pois os presentes xa se dan o día 25 de decembro ou mesmo o día de Noiteboa. Costumes que se van alterando polas novas tendencias sociais. Agora son moitas as casas que se adornan, que fan o presebe ou colocan unha árbore adornada, mesmo se colgan fora, ao xeito americano, monecos que representan ao papa Noel. Pero o presebe só estaba na igrexa e Taboada Chivite, un dos etnógrafos que tamén estudou os ritos galegos do Nadal, dicía que era un costume urbano.

A igrexa, como sempre, non era partidaria das comidas nas festas, por iso declarou a noiteboa día de vixilia, prohibindo comer carne. Aquí está, en boa medida, o costume de comer bacallau nesta noite que se dá en moitas casas galegas. O bacallau era o rei da mesa nesa noite, agora segue estando presente en moitas casas, pero o marisco, que "antes" non se lle daba importancia e non se consideraba "comida" e mesmo se tiraba, vai ocupando máis espazo, aínda que a crise vai facer que moitos opten por viandas máis baratas.

Manuel Murguía di que na súa nenez había o costume, na Noiteboa, de deixar un sitio na mesa desocupado para que viñeran cear os defuntos da casa. Había tamén o costume de non recoller a mesa para que viñeran comer os que xa marcharan para a parroquia do Alén, pero en moitas casas pouco había que recoller e só quedaban as migallas. Unha imaxe de que había que deixar un sitio para o ausente tamén a vimos no filme irlandés "No nome do fillo" (Some Mother´s Son), de 1996, dirixido por Terry George e con guión de Jim Sheridan.

Outro costume que relatan os etnógrafos clásicos é o de tizón de Nadal ou de que esa noite non se apagaba o lume nin se varría a lareira. Na miña aldea aínda lembro unha señora que deixaba un pau de carballo no lume de noite para que se viñeran quentar os defuntos da súa casa. Pero iso era no tempo no que a lareira era unha das partes centrais da casa e á xente xuntábase ao carón do lume. Se había lume na lareira había vida na casa, por iso o primeiro que se facía nas casas labregas ao erguerse pola mañá era acender o lume, mostrar que se estaba activo, que había vida. E casa é, na tradición etnográfica galega, un concepto que vai máis alá do simplemente arquitectónico. Pero no contexto de hoxe nada disto ten xa significado.

Vicente Risco di que despois da cea "a xente toda adoita ir á Misa do Galo". Na miña nenez, aló na década de 1960 non lembro nada disto, non lembro sequera falar de que houbese misa esa noite na parroquia, tan só unha irmá do meu avó se quedaba a ver a que daban pola televisión. Si íamos o 25 e, despois, algúns rapaces ían polas casas e pola taberna cantando panxoliñas, despois pedían un aguinaldo. Eran sempre os mesmos e eran sempre tres ou catro, non había máis. Repetían despois para cantar os reis. Hai uns anos, na miña zona, un grupo de xente de Morquintián volveron a recuperar esta tradición de cantar os reis e ían por todas as aldeas cantando e pedindo o aguinaldo, pero xa non o fan.

Un día que tamén se celebraba era o 28, día dos Santos Inocentes, entón os nenos facíamos algunha trasnada ou broma aos maiores, como facerlles chegar algún envoltorio supoñendo que era un presente, pero ao abrilo podían atopar cousas sen valor ou porcalladas. Pero hoxe pouco se conserva disto e tan só nos lembramos do día dos Inocentes ao ler no xornal algunha nova rara ou esaxerada, pero realmente para a prensa que temos no país todos os días temos novas propias do día dos Inocentes.

Ano Vello e Aninovo nada tiñan que ver coas celebracións de hoxe. Uvas e todo ese aparato cerimonial érannos descoñecidos. Si, as tabernas non pechaban tan cedo e algúns homes, que non habituais da taberna, ese día estaban até tarde, pero nada de chegar á casa pola mañá.

Os nenos agardábamos polos Reis. Estes tamén teñen a súa evolución. Nun mosaico bizantino de Rávena, de comezos do século VI, xa aparecen os tres reis magos e os tres son de raza branca. O Baltasar negro aparece no século XV e representaría aos africanos, Melchor aos europeos e Gaspar aos asiáticos, as tres razas por entón coñecidas e simbolizaban a mensaxe universal do cristianismo.

Cando menos os Reis teñen unha presenza visual máis constante, pois atopámolos nos tímpanos de varias igrexas. No museo da Catedral compostelá podemos ver o tímpano da capela de dona Leonor, onde esta señora das terras de Xallas aparece axeonllada ao pé da Virxe ao tempo que os tres Magos.

E por Reis celébranse aínda, especialmente na comarca do Condado, os ranchos de Reis. En Hospital (Pedrafita do Cebreiro) había os reiseiros, digo había porque o despoboamento do rural tamén contribúe á perda de certos costumes ao non haber xente para realizalos. Pero hai uns anos, e grazas ao crego Mato, intentouse recuperar este vello costume. Os reiseiros son uns homes que se visten mantóns de cores e cobren a cabeza con sombreiros de palla enfeitados con fitas de cores e cantan na igrexa.

Os ranchos do Condado están máis en relación ás festas de Xan Xián e a Virxe do Leite e con danzas procesionais que se bailan na festividade destes santos que coinciden no tempo co remate do ciclo do Nadal.