Talibanismo lingüístico

Talibanismo lingüístico

"Durante a miña etapa no cargo non serei un talibán, nin co galego nin co castelán. Repito: non son un talibán, nin do español nin do galego"
. Quen así se manifesta é o novo Delegado do Goberno español na Galiza, Miguel Cortizo, nunha recente entrevista nun xornal, após a súa toma de posesión da nova responsabilidade institucional que ostenta. Descoñezo a norma que leva a que de xeito sistemático cada Delegado do Goberno español, unha vez que accede ao cargo, teña que soltar tal cantidade de baballadas, normalmente orientadas a atacar a nosa identidade e os nosos dereitos. Semella que a estulticia é un rasgo inerente a esa responsabilidade institucional.

Somos talibáns aqueles que falamos e defendemos a lingua galega? Somos acaso sospeitosos de obedecer as directrices do Mullah Mohammed Omar? Conformamos a Plataforma Queremos Galego, ou as tribos de Ghilzai? Bonita maneira a que utiliza o Sr. Cortizo para caricaturizar os que defenden o idioma propio do país, e para se situar nunha preciosa equidistancia entre "talibanismos", fundamentalmente -non nos enganemos- para que todo se manteña exactamente igual, isto é, para manter esganada a lingua galega e negados os dereitos de galegas e galegos, realidade especialmente rotunda e verificábel na actitude lingüística da propia Delegación do Goberno español e da administración periférica española radicada na Galiza.

Por suposto, o Goberno español non é talibán. Entre outras razóns porque non sería xusto alcumar de tal xeito a quen envía tropas de ocupación a Afganistán para combater (entre outros ao propios talibáns) ao servizo dos Estados Unidos. Talibáns non o son, evidentemente. Actuemos con rigor, e digamos que, no caso galego, a práctica lingüística dese Goberno pasa por negar a existencia do noso idioma e mesmo vulnerar o marco legal e normativo hoxe vigorante neste ámbito.

E con que nos encontramos? Pois que 28 anos após a promulgación da Lei 3/1983 de Normalización Lingüística, que estabelece a forma galega (enténdase: a orixinal, propia e xenuína) como única oficial na toponimia do noso país, o Goberno español segue a manter a deturpación e españolización da mesma en documentación oficial, contratos, BOE, provincias e matrículas marítimas, sinalización de estradas dependentes do Ministerio de Fomento, etc. Ou que 11 anos de vixencia do Real Decreto 1465/1999, de 17 de setembro, que estabelece criterios de imaxe institucional, parecen non seren suficientes como para asegurar a presenza da lingua galega en impresos, documentación, publicacións, cartaces, indicacións, etc., de portos, aeroportos, estacións ferroviarias, Capitanías Marítimas, ISM, e outras instalacións que, sendo dependentes do Estado, están localizadas na Galiza. Ou que se siga a incumprir, por boa parte do funcionariado, o que determina o Estatuto Básico do Empregado Público (artigo 54.11), no referente ás garantías de atención en lingua galega aos administrados. E os "talibáns" somos nós?

Eles tampouco son talibáns. O que si son é dogmáticos e fanáticos. E conculcan a legalidade. Iso si, queda mellor simplificar e infantilizar o conflito lingüístico que padecemos ficando no medio, posibilidade material e metafisicamente inviábel para quen ostenta unha responsabilidade desa dimensión política. Nin a favor do galego nin do español. Non se pode impoñer o español nin o galego. Nin Galicia Bilingüe nin Queremos Galego. Que marabilla! Cun pequeno matiz: Que mentres se defende esta tese, paulatinamente, acelérase o proceso de substitución ligüística do galego polo español. E iso é o que queren.

Sigo a reiterar o meu desconcerto. Confeso que non sei o motivo que leva a que todas as persoas que pasaron por esa responsabilidade teñan que pasar a atacar o noso. Lembremos mesmo o "galeguista" Domingo García-Sabell, que sen reparos levou a Lei de Normalización Lingüística ao Tribunal Constitucional, para que teñamos o "deber" (isto si que é imposición, non é?) de coñecer o español, mais non o galego. Esa é a equidistancia da que gosta o Delegado (Virrei) do Goberno español nesta verde, tranquila, bretemosa e pracenteira colonia chamada Galiza.