Saudamos a AGAL no seu XXX aniversario

Saudamos a AGAL no seu XXX aniversario

Este ano marca o 30º aniversario da fundación da Associaçom Galega da Língua, máis coñecida polo acrónimo AGAL, constituída en 1981 após a aprobación do Estatuto de Autonomía da Galiza e a "imposición unilateral das normas oficiais" (Freixeiro Mato, Lingua galega: normalidade e conflito, páx. 124). Especialmente tras a publicación do Estudo crítico das normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego e o Prontuário ortográfico galego, a AGAL tornouse definitivamente a pedra de toque do reintegracionismo moderno, inscribíndose na longa tradición do galeguismo de reivindicar a unidade do galego e do portugués, desde Castelao até Carvalho Calero.

Despois da Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG), fundada en 1976, a AGAL é unha das máis veteranas organizacións independentes que segue a traballar a prol da normalización do galego. Non esquezamos tamén que estas dúas asociacións estiveron, xunto coa Asociación de Escritores en Lingua Galega e a Federación de Asociacións Culturais Galegas, na orixe da creación da actual Mesa pola Normalización Lingüística, fundada en 1986 tras o Encontro sobre o estado actual da normalización lingüística (carta fundacional).

Ao meu entender, un dos papeis máis destacados que desempeñou e segue a desempeñar a AGAL consiste en recalcar a unidade do galego-portugués, servindo de contrapeso permanente para evitar a fosilización que trae consigo o hiperdiferencialismo (en teoría a respecto do español tamén, mais só en teoría...) que teñen defendido determinadas persoas e que non faría máis do que relegar o galego a unha situación de fraqueza atrofiada, abocado a un isolacionismo (nunca mellor dito) extremo.

Valla, pois, esta efeméride de escusa para darlle os parabéns polo seu constante traballo en defensa do galego como lingua propia da Galiza.

Presidida desde 2009 por Valentim Rodrigues Fagim, autor, entre outras cousas, do libro O galego (im)possível, aínda (e tristemente) vixente dez anos despois da súa publicación, a AGAL segue co seu labor a prol do galego, valéndose das tradicionais ferramentas en papel, entre as cales destaca a revista Agália, fundada en 1985 e con cen números editados xa, conseguindo imporse como unha referencia de estudo filolóxico da máis alta calidade, para alén de colaboracións literarias orixinais, reseñas, etc. E, xa máis recentemente, unha editorial propia, Através Editora, lanzada o ano pasado...

Mais a Associaçom tamén non fica allea ás posibilidades que ofrece a rede, coa consolidación do Portal Galego da Língua, inaugurado en 2002, como sitio de predilección para @s amantes do galego, albergando un leque de ferramentas de referencia de grande utilidade, desde o Dicionário Electónico Estraviz, até o prontuario de dúbidas Falar con jeito, pasando polo Dicionário de Fraseologia, conformando un elenco de recursos moi interesantes para a correcta utilización da versión culta da nosa lingua, sexa cal for a grafía que se utilizar.

Eis o quid da cuestión: é posíbel escribir nun galego xenuíno independentemente da ortografía. Obviamente non coincido con AGAL na conveniencia de loitar para a restitución a curto prazo da grafía histórica do galego. Mais sigo a me considerar ideoloxicamente reintegracionista, se ben -por razóns que teñen máis a ver coa precarísima situación da lingua galega na sociedade do que con argumentos propiamente filolóxicos- me decanto persoalmente pola grafía españolizada (recoñézoo) da RAG, reformada en 2003 tras acadar un amplo consenso, reforma que considero positiva, aínda que non totalmente satisfactoria. Do mesmo xeito que tamén existen autoras/es que, ao mesmo tempo que reivindican a recuperación gráfica do galego, publican a súa obra ou parte dela na mesma grafía españolizada que a priori rexeitan. No entanto, non vexo aí ningunha contradición real, pois, como xa dixen noutro artigo, concibo o reintegracionismo (que non 'lusismo', xa que o país de referencia será sempre a patria galega) non como unha simple cuestión de ene agás e ces cedillados -de facto, non faltan exemplos de castrapo escrito á portuguesa que dista moito de ser galego reintegrado, por moito çom, ese duplo, xota ou acento circunflexo que houber- senón como un compromiso real coa lingua xenuína da Galiza, con independencia do español, sen renunciar á variedade diatópica interna do galego-portugués, mais sen caer na trampa do isolacionismo enxebrista que nos debilita fronte ao poderío do dominio do español.

Fago miñas, pois, as palabras de Teresa Moure (Ecolingüística. Entre a ciencia e a ética, páx. 68):

"[...] concordamos coa necesidade de acudir ao portugués na procura dun referente para formas léxicas ou gramaticais que non chegamos a desenvolver pola anormalidade do noso contexto social, que privou a lingua dunha vertente culta. No entanto, non utilizaremos o criterio de confluencia co portugués para ilustrarmos a nosa importancia no mundo, entre outras razóns porque non parece autorizado o argumento de que as linguas sexan máis relevantes por contaren con máis ou menos falantes."

Dito doutro xeito: abonda con que o galego sexa noso, lingua da Galiza, mais recoñecendo a unidade lingüística coa familia galego-portuguesa fronte "ás lóxicas opresoras do estado" (ibidem).

Así, a calquera que ame a lingua galega e traballe para a súa defensa e recuperación como lingua nacional da Galiza con independencia do español, a pesar das tentativas ao servizo do españolismo, por medio da consabida divisa divide et impera, de crear fendas no amplo e diverso abano de organizacións que defenden o galego, cumpre recoñecer que hai moito máis que nos une do que nos divide, e que desde a pluralidade e o respecto podemos unir forzas ao servizo da única verdadeira lingua nacional da Galiza.

Así que os meus votos máis sinceros para o futuro, que o voso suceso o é de tod@s @s amantes do galego. Avante co galego, lingua da Galiza!