Relativismo cultural? Non me toques o carallo!
Argumentando que o procedemento se levara a cabo en condicións sanitarias axeitadas e con anestesia local e apelando tamén á importancia desta práctica para a relixión da familia, recentemente o Tribunal Supremo da Finlandia absolveu unha nai acusada de agresión tras mandar practicar unha infibulación do clítoris á súa filla de catro anos por razóns relixiosas.
Escándalo! Pois, si que o é. Mais, como é que non saltou ás noticias e non souben nada deste caso de mutilación sexual non consentida no corazón da Europa desenvolvida? Porque a noticia non é verdadeira. Agora volve a relela, mais desta vez troca a vítima feminina por unha masculina, e onde pon 'infibulación do clítoris' le 'circuncisión'. É por iso é que a nova non transcendeu: polo peso do relativismo cultural. Quer dicir, mentres que repudiamos a mal chamada 'circuncisión' feminina, recoñecéndoa pola violación da integridade física que é, seguimos, porén, aceptando como 'normal' a circuncisión masculina. A lexislación española é elocuente a este respecto: "O que causar a outro (nota: o masculino aquí é 'xenérico, referido na práctica só á nenas) unha mutilación xenital en calquera das súas manifestacións (sic.) será castigado cunha pena de prisión de seis a 12 anos". Porén, séguese a mutilar nenos en todo o Estado por razóns relixiosas con total impunidade.
Esta nosa perspectiva cultural diferencial no que respecta á mutilación de nenos e nenas é un claro produto da deferencia para coas relixións abrahámicas, das que forma parte o noso acervo xudeocristián. Mesmo hai quen acusa de antisemita calquera que se opoña á circuncisión ritual xudía practicada nos varóns aos 8 días despois de naceren.
Mais abofé que non é o mesmo... De facto, a UNICEF advirte sobre o uso inadecuado do termo 'circuncisión feminina'. Mais esta distinción radica non tanto nas implicacións e riscos tanto físicos como psíquicos para a vítima, senón na natureza da intervención. De feito, recoñécense catro tipos principais segundo a OMS, que van desde a sección parcial ou total do clítoris (clitoridectomía) e a sección parcial ou total do clítoris e dos labios menores e/ou maiores (excisión), até o estreitamento da abertura vaxinal, con ou sen sección do clítoris (infibulación). Por desgraza, aínda hoxe se trata dunha práctica moi habitual en moitos países da África sobre todo, como por exemplo Xibutí, Guinea ou Somalia, onde afecta até 98% de todas as mulleres.
Cumpre recalcar tamén a dimensión patriarcal da mutilación xenital das mulleres, ausente no caso da circuncisión masculina, que non se trata dunha mostra da dominación do xénero socialmente dominante sobre o máis vulnerábel tendo como obxectivo (implícito ou explícito) inflixir dor e denegar pracer sexual.
Así que, até certo punto, non é o mesmo. Mais, por outra banda, existe un denominador común: tanto en nenos como en nenas, estas prácticas son claramente definíbeis como 'mutilación xenital non consentida de menores'. Loitar en contra do un non implica deixar de loitar en contra do outro, como ben demostra a política de orixe somalí musulmá, Ayaan Hirsi Ali, que milita en contra da mutilación xenital, tanto masculina como feminina.
Para que crea que se trata dunha exaxeración, non fai falta máis que comprobar a extensión e as consecuencias reais deste fenómeno: a circuncisión de neonatos é unha práctica común desde os EUA até a Asia central, pasando polo Oriente medio e a África occidental; segundo a OMS, en cifras globais afecta 30% de todos os varóns do mundo, o que se traduce en 661,5 millóns. Así as cousas, calquera complicación, por baixa que for a súa incidencia relativa, vai afectar necesariamente moitas persoas en termos absolutos.
Os supostos argumentos médicos que barallan algunhas das persoas que defenden a mutilación xenital infantil non consentida de crianzas varóns non son máis que un pretexto a posteriori para encubriren unha práctica cultural e relixiosamente asentada. Arguméntase, por exemplo, que a circuncisión temperá evita o cáncer de pene (o cal non ficou demostrado cientificamente). Mais, aínda que fose certo, do mesmo xeito non amputamos as dedas do pé de oficio para evitarmos uñas encarnadas, nin extirpamos o apéndice para evitar posíbeis peritonites no futuro. Para evitar contaxiarse da SIDA ou doutras doenzas sexualmente transmisíbeis (outra suposta vantaxe da circuncisión) están as camisiñas. Pola outra banda, no entanto, están as posíbeis complicacións derivadas da circuncisións, entre as que destacan as seguintes: fimose (pois si!), dehiscencia da ferida, desluvamento, hemorraxia, estenose e úlceras do meato, fístulas uretrocutáneas, infeccións (hepatite, tétano...), neuromas, pene enterrado, deformidades (acrocordóns, hipospadias, cicatrices, torsión...), gangrena de Fournier, amputación do pene ou do glande e mesmo morte en casos extremos (case 120 casos cada ano nos EUA, segundo un estudo recente). Se aínda hai quen fica con dúbidas a cerca da gravidade das consecuencias físicas e a lexitimidade de permitir que se siga a expor menores sen o seu consentimento aos riscos potenciais da circuncisión masculina por respecto ás tradicións relixiosas (propias ou alleas), convídoo a visitar as seguintes galerías de imaxes.
En definitiva, oporse á circuncisión masculina rutineira non resta importancia á sempre necesaria campaña contra a mutilación xenital feminina, xa que -malia as diferenzas que as separan- ambas coinciden en seren prácticas bárbaras herdadas de supersticións relixiosas, das cales xa vai sendo hora de nos desprendermos. Como din as mulleres con toda a razón do mundo: "O noso corpo é noso!". E o noso tamén!