Reivindicando o noso patrimonio industrial

Reivindicando o noso patrimonio industrial

O ano empezou con moi malas novas para o noso patrimonio: derrube da fábrica de lapis Hispania de Ferrol, peche do Arquivo Pacheco, do Museo Liste e do Centro de Artesanía, os tres en Vigo, e poderíamos seguir. Menos mal que unha investigación ven demostrar o que os labregos sabían desde hai séculos: a validez do hórreo para conservar o millo O que fai falta agora é que se cultive millo para poder gardalo e o rural siga vivo.

Pero non quería falar agora dos hórreos e da desagrarización do rural, senón do chamado patrimonio industrial, que está nunha situación semellante ao dos hórreos: entre o abandono e a desidia das administracións.

O patrimonio industrial

Como consecuencia dunha visión disciplinar, elitista, monumental e substancialista, até a década de 1960 todo patrimonio era histórico-artístico. Só formaban parte do patrimonio aqueles elementos cunha carga de beleza, historicidade ou excepcionalidade. O cambio vén dado polo avance social no tema e a cualificación do patrimonio artístico e histórico como cultural, pois isto implicaba pasar de mirar só aos elementos dese patrimonio a entendelos como bens representativos dunha sociedade e a esta con capacidade para seleccionar e definir os elementos que forman o seu patrimonio cultural. Pero o problema segue estando nunha visión aínda reducionista e elitista sobre o patrimonio cultural por parte das institucións que teñen que velar por el.

Brevemente subliñarei algunhas achegas teóricas desde o campo do patrimonio e dos museos que contribuíron a este cambio. En primeiro lugar a italiana comisión Franceschini que cos seus traballos, entre 1964 e 1967, institucionalizan o concepto de "ben cultural", é dicir, que a razón para preservar un elemento patrimonial está nos valores que representa e non nos seus aspectos formais. Así calquera manifestación ou testemuño que consideremos significativo pode formar parte do noso patrimonio cultural e quen pode lexitimar isto é o propio grupo social que creou ese ben.

Outro paso importante vén dado pola denominada Nova Museoloxía que propoñía ir máis alá da triada clásica de edificio-coleccións-visitantes. Agora fálase de territorio-patrimonio-comunidade. É dicir, son os grupos sociais nun territorio os actores principais do quefacer patrimonial e museísico e, así, van aparecer numerosas propostas museísticas e patrimoniais á marxe das estruturas de poder, propostas que teñen como fondo un recoñecemento das peculiaridades propias.

E para rematar este percorrido habería que falar das diversas propostas da UNESCO. Pero todos estes cambios non serían posibles sen os movementos sociais aparecidos desde finais da década de 1960, sen os procesos de descolonización que, no campo do patrimonio, podemos resumir como unha reivindicación dunha especificidade social até entón non incluída nunha visión elitista mantida polos poderes dominantes.

Fago este repaso apresurado para concluír que os cambios sociais, ideolóxicos e teóricos propician un replanteamento do que é e non é patrimonio, replanteamento que posibilita a incorporación de novos elementos e de outros patrimonios, como poden ser aqueles que falan dun proceso industrial, como máquinas, naves industriais, que co paso dunha economía fordista a outra baseada no consumo e servizos, na deslocalización e na man de obra máis barata aínda, foron deixando obsoletas. E aparecen entidades que velan pola súa conservación e promoción, como o TICCIH (The International Committee for the Conservation of the Industrial Heritage).

Os cambios sociais tamén inciden na idea de que o patrimonio cultural é unha construción social que se dá nun tempo e nun lugar concretos. Son os individuos, como membros dun grupo social, os que determinan e seleccionan que elementos son merecedores de protección, porque para eles simbolizan un conxunto de referencias sobre si mesmos, porque os relacionan cun espazo social e cun tempo histórico, algo que dálles un sentido de pertenza e de continuidade, é dicir, un sentido de identidade colectiva, de nós, que os une e diferenza. Entón o patrimonio ten un valor simbólico ou significativo para as persoas, que simboliza recordos e vivenzas, que identifica ao grupo social, abstraccións de experiencias fixadas en formas perceptibles.

Pero aparte de todo isto o elemento patrimonial, e neste caso queremos referirnos ao patrimonio industrial en concreto, o ben cultural é tamén un documento que nos fala dun pasado colectivo, de modos de produción, de organización do traballo e organización ante o traballo, de vivenzas persoais e vivenzas como membros dunha determinada colectividade. O patrimonio, concepto que evoluíu co devir social, é máis que un testemuño do pasado, é un referente para reforzar a memoria colectiva.

E a cidade de Ferrol ten moito que dicir neste aspecto. Son moitos os ferroláns e as ferrolás que teñen como referente vivencial a actividade fabril.

O patrimonio industrial en Galicia

No noso país hai patrimonios que teñen máis valor que outros. Todo o relacionado co eclesiástico ten sempre prioridade, outros como o etnográfico semella que non teñen valor algún. E o mesmo ocorre co industrial e iso que na Lei do Patrimonio Cultural de Galiza que tamén integran o o noso patrimonio cultural os bens mobles, inmobles e inmateriais de, entre outros, interese científico e técnico. Pero aí quedou todo. Falta un labor de inventariado que permita primeiro coñecer o que temos e permita despois actuar sobre ese patrimonio; falta vontade política para recuperar esta parte do noso patrimonio que incide que, nalgúns aspectos, fomos unha sociedade dinámica e punteira. Por exemplo en Ferrol, cidade cunha importante tradición industrial e obreira, instálase, primeiro nun galpón no peirao e seis anos despois nunhas novas dependencias no Ferrol Vello, a fábrica de lapis Hispania en 1934. En 1964 un dos promotores funda outra empresa, Industrial de Lapis S. A.(ILASA), que se instala en Canido. Ferrol era nese momento un foco importante na produción de lapis que competía con outro importante centro produtor como era Barcelona, e foino até que chegaron os lapis fabricados en China.

Hoxe derrubáronse as vellas naves industrias -alguén podía falar do escaso valor arquitectónico- que falaban dun proceso industrial diante da piqueta da especulación, bórranse pegadas de como fomos nun determinado momento do noso estar aquí. Pero a parte do valor tanxible está o intanxible, digamos o relacionado coa cultura obreira, o saber como vivía e traballaba a xente nesa fábrica, a súa memoria, as súas reivindicacións laborais e salariais, en definitiva, o vivir de homes e mulleres normais.

O patrimonio industrial dáse nun contexto capitalista.