Poesía, poetas e incomunicación. Do esforzo como estigma
A literatura, como manifestación artística e cultural que se ofrece á comunidade lectora, é en si mesma un acto de comunicación. Non debería pois existir como algo illado, separado da sociedade na que se produce. Porén, isto sucede, guste ou non, na medida en que o desinterese así o corrobora, sobre todo se pensamos na poesía. Así é que, de meditármolo ben, comprenderemos que, a pesar do triste abismo entre poetas e lectores/as, resulta difícil dirimir se é peor a indiferenza ao respecto dos textos poéticos, en tanto que sintoma dunha sociedade mecanicista, distante e fría, ou a nosa propia aceptación da situación ao normalizarmos a idea de que é a poesía un pracer reservado a unhas cantas persoas.
O asunto é delicado, certo. Tampouco non é a primeira vez que se formula, por suposto, mais non se pretende aquí, neste artigo, ser primicia de nada, unicamente lanzar unha pregunta ao aire, sen ánimo ningún de incomodar. Temos feito o suficiente? E é o suficiente a visibilización dos/das poetas a través dos medios de comunicación ou os premios? Non deberiamos ser menos "espectaculistas" e asumir o imprescindíbel traballo de campo que leva consigo a difusión dunha expresión estética que require, non tanto de moitas lecturas, como de certa sensibilidade que permita aprezar a beleza para poder gozala?
Tendo conta disto, vaiamos ao núcleo da ferida, á base, pois se a poesía é unha arma de creación e recreación, ben poderemos preguntarnos porque non se transmite isto a aqueles e aquelas que, amais de aprender matemáticas ou ciencias, por exemplo, deberían, fundamentalmente, aprender a vivir e a relacionarse? Coñece e valora o profesorado a literatura non "espectacular"?
A sensibilidade forma parte do proceso de aprendizaxe niso que adoitamos denominar "contidos transversais", mais a insensibilidade social persiste, así é que non deberiamos, unicamente, asumir que sistema educativo é defectuoso, mais facer algo ao respecto. O pragmatismo imponse, non só entre o alumnado, mais tamén, e moito máis grave, entre un importante sector do profesorado que menospreza as artes, principalmente a poesía. Daquela, da filosofía e das ciencias sociais mellor non falamos. Por esta razón, a reflexión nas aulas é practicamente inexistente e conta, ademais, co apoio tácito da maioría das persoas implicadas. De non ser así, alguén tería protestado, non lles parece?
Así é que, ante un silencio abrumador, xustificado por esa pretendida "normalidade" co seu absurdo "sentido común", poderemos ver como a poesía non importa, como pasou a ser algo "raro", por pouco frecuente e complexo, e, xa que logo, non apto para un alumnado ao que se entontece con pesarosas e prolixas análises sintácticas que, de certo, por algunha estraña razón, contan coa defensa de moitas das persoas que imparten estas materias.
De todo isto pódese inferir que a sintaxe é normal. A literatura, e, en especial a poesía, non parece selo. Mais a realidade deste tedioso asunto é que resulta máis doado aprender a analizar unha frase á rapazallada que achegala a un poema. O profesorado, consciente disto, elixe, preferentemente, traballar con textos narrativos. Confundiuse pois o difícil co imposíbel, dado o "presunto cripticismo" dos poemas que, visto o visto, converten a poesía nun labor soporífero, só apto para unha minoría da minoría lectora.
Poesía como ética e estética para unha elite? É isto necesariamente así, por puro determinismo, ou existen causas precisas que provocan tal "limitación" no potencial lector? É esta concepción elitista da poesía, ou da filosofía, unha construción cultural derivada da falta de impulso e entusiasmo, por parte dos educadores e educadoras? Porque fixemos desta idea da dificultade de interpretación dos textos estéticos unha causa que xustifique a súa ausencia nas aulas? Non terá isto que ver coa estigmatización daquilo que denominamos esforzo? Acaso ignoramos que esta ausencia de esforzo, pola nosa parte, en tratar o pretendidamente difícil nas clases, é outra forma máis de egoísmo, na medida en que favorece a nosa comodidade? Existe un certo fascismo brando neste exceso de protección que anula o pensamento propio e a capacidade de autocrítica dos rapaces e rapazas?
A sensibilidade é a gran ausente nos espazos dedicados á educación e formación dos e das adolescentes. Isto non se resolve cuns cantos contidos transversais a propósito da paz ou da igualdade entre sexos, por exemplo. Tampouco non con determinadas lecturas ad hoc que fan dos textos narrativos simples e infumábeis panfletos onde a realidade aparece mellorada, nunha especie de performance cursi, con personaxes teleolóxicos, na medida en que serven a dous fins determinados, a saber: pecuniarios e entontecedores. O fascismo brando trunfa. A sensibilidade perde.
,DESALFABETIZACIÓN: O PROCESO DE ENTONTECEMENTO LECTOR
Habitamos nun mundo de intereses creados no que os actos gratuitos suscitan gran desconfianza. Convertémonos en mercancía e, a pesar de que mercado e conciencia pertenceron sempre a territorios separados, con moito afán e coidado, demos en xuntalos creando o monstro: a devandita corrección política.
Fixémolo porque priorizamos o aspecto económico, utilizando o argumento da democratización da cultura. Valémonos pois do feito de que é un acto de comunicación, para escusármonos pola nosa procura desesperada de lectores e lectoras. Deixámonos atrapar pola cobiza. É máis doado vender o brando que elevar o nivel de lectura.
A estética da recepción, vén determinada por moitos factores. A formación literaria, neste caso, e a sensibilidade, son fundamentais. O extraordinario da narrativa e da poesía é a inusual beleza ou a delirante feladade, porque non, coa suciedade que isto implica, das súas mensaxes que, de seren excelentes, provocarán en nós o tan buscado estrañamento lector. Así é que o carácter insólito da disposición verbal e a consecuente catarse dunha lectura significativa forman parte dese compoñente de asombro, inexistente nos textos teleolóxicos, "escritos para" e "concebidos por", tediosamente previsíbeis.
Partindo pois desta idea, consideramos que a solución non é ofrecer peixes, mais aprender a pescar. A poesía, e, do mesmo xeito, a excelencia narrativa, deben ser introducidas no sistema educativo dende a infancia. Pode facerse, é máis, resultaría moi beneficioso, na medida en que desenvolvería a sensibilidade dos/das cativos/as para disfrutar e comprender estas mensaxes coidadosamente deseñadas. Só así poderiamos conseguir a tan arelada comunicación literaria sen renunciarmos á calidade, pois o receptor podería facerse cargo da parte que lle corresponde, a de recrear, dar forma, ampliar e, mesmo modificar a mensaxe orixinal, e non porque volva escribila, que podería, mais porque a interpreta dun xeito ben diferente ao propio autor ou autora, de certo, non sempre consciente de todas as posibilidades interpretativas dos textos que constrúe. Quen escribe está presente na obra. Quen le tamén. Eis o "extraordinario" da comunicación poética que flúe dentro da sociedade na que se produce.
Cómpre, xa que logo, determinar o momento idóneo para iniciar na lectura poética aos rapaces e rapazas. Tal momento, insistimos, non ten que se demorar até a adolescencia, coa escusa de que é nesta etapa na que aparece o pensamento significativo. Se non agardamos tanto para que a rapazallada lese un relato, ben poderiamos facer o mesmo coa poesía, pois tamén existen poemas sinxelos que poden servir de punto de partida para este fin
Finalmente, para concluír esta breve análise, de seguro incompleta, dada a complexidade do tema, mudaremos a nosa afirmación inicial. A literatura non é un acto de comunicación, só quere selo, pois, de non haber lectores/as, non existe como tal. Toda obra publicada é, xa que logo, unha obra incompleta na medida en que non é partillada pola comunidade lectora. O coñecemento da literatura e, en concreto da poesía, non se reduce ao estudo canónico da sucesión de visións sincrónicas dende o punto de vista historicista que ignora, con frecuencia, a recepción da obra até que se impón a evidencia. Lois Pereiro sería un bo exemplo disto.