Pardo de Cela, un capítulo da revolta galega

Pardo de Cela, un capítulo da revolta galega

O 21 de xaneiro de 2013, Eduardo Pardo de Guevara, Director do Instituto Padre Sarmiento, e Xesús Vázquez Abad, Conselleiro de Educación e Cultura, anunciaban con todo boato, co favor da oficialidade e, por suposto, dos medios de comunicación a conta do primeiro, da descoberta do testamento do Mariscal Pedro Pardo de Cela. A nova en cuestión nada tiña de novidosa, posto que o 4 de agosto de 2012, o profesor de Ortegal Xosé Carlos Breixo, daba conta no marco das Xornadas de Historia de Foz do referido achádego. Aínda máis, Xosé Carlos Breixo, que traballaba con esta documentación desde 2008, xa fixera público en 2010 nas páxinas do “Heraldo de Viveiro” os aspectos máis esenciais do documento testamentario que como non podía ser doutro xeito estaba redixido no idioma de nós.

Non é preciso moita análise para concluír que as motivacións da oficialidade non son outras que tentar achegar máis confusión arredor da figura do Mariscal, particularmente nun momento no que a aparición de nova información arrombaban con aquelas teses que pretendían calar o papel que obxectivamente xogou na historia de Galiza. Mesmamente resulta curioso que o propio Pardo de Guevara recoñeza que se sabía do documento desde 1985, o que evidencia o intereses por silenciar a nosa Idade Media e particularmente a revolta do que os galegos e galegas fomos protagonistas, ou que a grande contradición entre o testamento e as teses centrais mantidas polos nosos clásicos sexa a data morte, cuestión sen ningunha relevancia.

,A marxe dos feitos que vimos de referir, que deixan en evidencia a desvergoña da oficialidade e as miserias da investigación en Galiza, o realmente importante, tal como indica de xeito sumario Xosé Carlos Breixo nesta conferencia de 2012 que hoxe vos achegamos, é o descoñecemento sobre Pardo de Cela, o muro de silencio que desde o poder se fecha o seu arredor, a lectura precisa que sobre o seu papel e a súa vida se ten feito desde a historiografía nacionalista, a análise axeitada da mesma para contextualizar ao Mariscal no marco dunha insurreción galega xeralizada e a persistencia dunha vontade aínda moi firme a finais do século XV de dotar a Galiza dunha estrutura de Estado segregado da órbita dos Trástamara a pesar das altas cotas de soberanía das que dispoñía o país.

A palabra de Xosé Carlos Breixo fica con vos para falarvos dos días e os feitos de Pardo de Cela naquela Galiza do século XV, unha palabra que nos informa de xeito testado sobre a biografía do Mariscal como resultado dun proceso de investigación de máis de vinte anos, unha palabra que somete ao cribo unha amplísima información sobre o resistente da Frouseira resultado do estudo nos arquivos galegos e españois, unha palabra que desvela o contido do testamento do Mariscal e por suposto unha ampla información sobre a súa revolta, os seus últimos días, a súa negativa a pactar nas últimas horas a cambio de non perder a vida, e por suposto a represión que contra os seus, a comezar pola muller, fillas e parentes, se inicia após a súa morte alongándose preto de medio século.