Para que serve a Historia?

Para que serve a Historia?
Todo o mundo insiste na importancia de coñecer a Historia, e existe unha demanda considerable por parte dun público diverso. Pero ¿trátase dunha mera curiosidade ociosa? ¿dunha estéril ocupación erudita? ¿ou serve para algo máis profundo?.

Partamos da premisa indiscutible de que a Historia é unha ciencia (procura descubrir a realidade con métodos verificados); e ademais unha ciencia exacta (pois a realidade só aconteceu dunha maneira: tal como aconteceu, o cal non admite interpretación); incluso -xeralmente por desgraza- unha ciencia aplicada (que o poder emprega con finalidade perversa).

Agora ben, respecto á súa utilidade (e deixando á parte a perogrullada de que a Historia serve para que vivan os historiadores) téñense formulado varios e coñecidos tópicos, por regla xeral ilusorios, cargados de esperanza inxenua.

É moi coñecida esa frase de que «a Historia xulgará», coa que procuramos confortarnos fronte a inxustiza do presente, confiando en que o futuro nos vai resarcir cunha especie de implacable xustiza milenarista. A propia Historia se encarga de demostrarnos positiva e amargamente que isto non acontece case nunca... ou que tarda tanto en facelo que resulta intrascendente. Así, os peores criminais se benefician do efecto analxésico do decorrer do tempo, que na práctica fai prescribir os seus delitos. A Historia dominante (a que se publicita masivamente) foi sempre orgánica, "aduladora do Estado", e o relato histórico triunfante é o dos vencedores. Obviamente, o papel da Historia non é facer xustiza... nin serviría de nada que se encargase diso, pois no seu código as penas son virtuais.

¿Que dicir desoutro tópico de que «o pobo que ignora a súa Historia está condenado a repetila»?. En primeiro lugar: a Historia non se repite nunca, pois o tempo modifica indefectiblemente as sociedades, e mesmo aqueles acontecementos que externamente se asemellan, teñen no fondo pouco en común. Pero é que ademais é moi dubidoso que os humanos aprendamos do pasado para evitarmos erros futuros. Na Historia non hai erros: o futuro ven determinado pola correlación de forzas presente e ningún "erro" conxuntural -simple anécdota no océano da Historia- é quen de variar o desenlace do complexo proceso histórico. Por fin, iso que consideramos "erros" repítese sistematicamente in saecula saeculorum amén. Quen non o crea, que mire a Historia e o comprobará.

Coido en cambio que levaba razón abondo Cicerón cando aseguraba que o pobo sen Historia era coma un neno, sen pasado, e por tanto sen personalidade definida. Por aquí van as cousas. A Historia saca á luz a compacidade resistente dunha sociedade ao longo do tempo, a súa secular dialéctica interna, na cal se vai xerando diacronicamente a sí mesma en relación cos veciños; pon de manifesto os seus rasgos de identidade e de sociabilidade: faise nación e expresa a súa existencia.

¡Claro que é útil a Historia!, ¡moi útil!; para uns e para outros. Para os que pretenden consolidar a sociabilidade, o espíritu cívico e a reflexión crítica sobre si mesmos. Mais tamén para aqueloutros empeñados en manter o dominio dunha sociedade sobre outra (dunhas persoas sobre outras). Para estes a terxiversación histórica constitúe un recurso imprescindible, dimensión ideolóxica do seu arsenal ofensivo, destinado a evitar a toma de conciencia do dominado e que este, coñecedor do seu pasado colectivo, se constitúa en persoa social dotada de memoria.

Pero a partir de aquí xa non nos movemos propiamente no terreo da Historia como ciencia, senón no da súa utilización espúrea, tal como acontece coa aplicación de calquera outro saber científico. Entramos no ámbito da "ideoloxía historiográfica", actividade que se exerce principalmente a través dos programas escolares, establecidos desde logo co concurso de persoal orgánico especializado, pero que se decide naturalmente en instancias políticas, non científicas.