Os mártires da Liberdade
Tiña Rosalía de Castro nove anos e sendo raíña de España Isabel II, presidía o goberno do Estado o xeneral Narváez que implantou unha ditadura que levou a desencadear os acontecementos dos que estamos a falar. Acontecementos que teñen que formar parte importante e a forman da historia de Galiza como pobo, como nación, acontecementos que deben residir na memoria histórica das galegas e galegos e fornecer a súa conciencia como tales. A loita dos mártires de Carral é unha loita pola defensa da soberanía do noso pobo fronte o centralismo madrileño e como dixo Xavier Vence no propio acto “somos o exército desarmado do nacionalismo que ten como norte a defensa das clases populares e a soberanía”.
Foi o 2 de abril de 1846 na cidade de Lugo cando o coronel Miguel Solís e Cuetos disolveu o Consello Provincial e a Deputación, levantándose en contra do goberno de Isabel II presidido polo xeneral Narváez. Despois súmase o día catro Santiago que conta dende o primeiro día cun batallón literario formado por universitarios apuntados unha vez que Faraldo e Romero Ortíz, dos que falaremos posteriormente, os acenderan cos seus discursos na Universidade na actual Facultade de Xeografía e Historia. Posteriormente o nove tócalle a quenda a Pontevedra e o dez a Vigo e Tui. A Coruña e Ferrol seguirán con Narváez e iso será unha importante eiva para o triunfo da rebelión.
Data importante temos no 15 de abril cando se reúnen en Compostela as tropas do sur mandadas por Rubín de Celis e as do Norte de Solís. Tómanse importantes decisións constituíndose en primeiro lugar a Xunta Superior de Goberno de Galiza encargada de todo o poder: militar, económico, administrativo e xerencial do movemento; sendo nomeado Presidente Pío Rodríguez Terrazo. A Xunta decide publicar un órgano oficioso da mesma “La Revolución” da que foron publicados tres números e foi redactado polo anteriormente nomeado Faraldo, que tamén é autor do Manifesto asinado por todos os membros da Xunta.
Neste manifesto defínense claramente os dous principais obxectivos do levantamento, o primeiro adicado ao Estado e o segundo con varios puntos xa claramente nacionais onde se rebela o protagonismo da primeira xeración galeguista no control político do levantamento e onde xa se denuncia que Galiza era unha colonia da Corte de Madrid.
A reacción de Narváez foi a de enviar tropas ao mando do xeneral Gutiérrez de la Concha para reprimir aos levantados e o 23 de Abril en Cacheiras tivo lugar o enfrontamento entre ambas forzas. Era moita a superioridade das tropas do goberno central que ganaron a batalla e entraron en Santiago a saqueo e pillaxe, “premio” que lles fora prometido.
,
Foi, dixo Murguía, unha curta primavera de 24 días de ilusión e progresismo contra o goberno de Narváez e Solís refuxiado cos seus en San Martiño Pinario entrégase sendo levado xunto ao comandante Victor Velasco e dez oficiais fóra de Santiago para a súa execución temendo que esta puidera provocar un motín na cidade. Despois dun primeiro intento de fusilamento en Ordes chegan a Carral onde a complicidade dalgún membro do goberno municipal permite un xuízo sumarísimo no mesón do Concello, cheo de irregularidades e que ten como consecuencia a condución de Solís ao adro de San Estevo de Paleo onde é fusilado. A caida da noite fai que o resto dos mártires foran asasinados na carballeira entre Carral e Paleo.
Os membros civís das xuntas foron encarcerados ou se exiliaron a Portugal como Romero Ortíz e Antolín Faraldo, despois de estar detidos na illa de Peniche e isto danos pé a comentar a parte máis política destes acontecementos históricos. Irrompe na historia de Galiza unha nova xeración universitaria de licenciados entre 1840 e 1846 liderados por Antolín Faraldo, licenciado en medicina e escritor que puxeron as bases para o levantamento militar e participaron activamente nel na súa fundamental parte política.
Esta xeración definiu claramente o seu compromiso intelectual e político con Galiza descubrindo unha realidade na que había un país, un idioma, unha arte, uns costumes, unha terra. Constituíron de feito a primeira xeración galeguista e fixéronse chamar provincialistas porque defenderon a unidade do noso país diante do intento de partilo mediante a administrativa división en provincias que creou as nefastas deputacións. Defenderon a única provincia, a recuperación do antigo Reino, concepto que non quixeron utilizar dado o seu declarado republicanismo.
Descubriron a conciencia nacional, a traxectoria histórica dende os celtas até hoxe, a liña dun pobo que o foi durante séculos sen perder a súa identidade. Faraldo, no estudo que fai de Galiza, mesmo chega ao concepto de identidade. Denuncian, así mesmo, o atraso e a prostración de Galiza motivada por unha política centralista que define unhas prioridades en base a outros intereses económicos e políticos. Apelan ademais á unidade das e dos galegos aos que convocan a unha acción política a través do seu movemento que valora todo o galego.
Concluímos que é a través do coñecemento da nosa historia, da percepción dos feitos e das ideas que nos legaron os bos e xenerosos que foron entendendo a voz dos piñeiros, que seremos capaces de acadar a conciencia nacional maioritaria que o noso pobo, Galiza precisa.