Olladas foráneas


A comezos do verán chegaba ás librarías un libro, titulado Antropoloxía das mulleres galegas, con varios ensaios antropolóxicos cun tema xeral: unha aproximación desde o campo da etnografía ás mulleres galegas. A peculiaridade e que todos os ensaios están asinados por antropólogas estranxeiras (unha comparte o traballo co marido), de aí o subtítulo do mesmo: As outras olladas. O libro está editado por un antropólogo vigués, Enrique Alonso, quen leva varios anos traballando en Timor-Leste, e a canadiana Sharon Roseman.

Non vou negar que a Antropoloxía, como saber social ou ciencia, é filla do imperialismo e que medrou academicamente á sombra do colonialismo, non só buscando un paraugas protector, senón dándolle cobertura e apoio. Así, en 1879, un tal John Weslley Powell, que non era antropólogo, senón soldado e outras cousas máis, convenceu ao congreso americano de que a antropoloxía podía axudar a manter aos nativos, os indios, tranquilos, é dicir, dentro das súas reservas. Un dos “pais” da Antropoloxía, Franz Boas, alporizouse cando se enterou que uns colegas pasaran información antropolóxica ao Departamento de Defensa recollida en países sudamericanos durante a I guerra. Anos máis tarde, en 1946, o congreso americano solicitará o servizo dos antropólogos ante unha demanda de devolución de terras por parte de varias tribos indias. Froito deste encargo agroma, en parte, outra póla deste saber: a etnohistoria. Ao respecto, hai un libro dun nativo cun significativo título: Custer morreu polos teus pecados. Nel critica as actitudes dos antropólogos no sentido de que “os colonos europeos chegaron e quitáronnos as nosas terras, o noso medio económico de vida, a nosa autonomía política. Agora os antropólogos róubannos o último que nos quedaba: o poder definirnos como o que somos”. E poderiamos falar de Vietnám, de América latina, etc.

Mais non todas as antropoloxías beben desta corrente máis occidentalizada. Hai outra centroeuropea, que mirou máis cara ao este, menos cara a “pobos primitivos”, máis cara a “pobos con historia”, aínda que tamén se encadre dentro doutra tradición imperialista. Esta corrente afonda nos elementos diferenciadores e, atendendo ás necesidades históricas do momento, axudando a crear un discurso de identidade. Vinculado a este discurso agroman os movementos nacionalistas nos que se revaloriza e redescubre o rural, as falas autóctonas, as institucións forais, o dereito consuetudinario, o interese pola literatura oral. Todo isto contribuíu á afirmación identitaria en momentos nos que a busca das raíces era un obxectivo básico en moitas nacións europeas, nas sen estado e nas con estado.

,As cousas van cambiar tras a II guerra mundial e a independencia dos países do mal chamado terceiro mundo. Entre outros, aparecen os “estudos de campesiñado” e unha mirada sobre a periferia europea, onde estamos nós. Pero este paso xa empezara a darse algo antes. Así, Robert Redfield xa marchara ao Iucatán en 1928, rompendo o pacto académico segundo o cal os antropólogos debían centrarse exclusivamente nos “pobos primitivos”. Redfield inventa as “folk society” ou sociedades nas que os primitivos son agora os campesiños. Pero tamén temos que dicilo claramente: por unha banda os novos países non vían útil o traballo dos antropólogos, por outra era unha cuestión de comodidade, de seguridade, pois algúns antropólogos non se sentían xa seguros nos países do terceiro mundo. A este respecto unha anécdota persoal. Hai algo máis de vinte anos chegou por aquí unha antropóloga inglesa para recoller material para a súa tese. Cando lle preguntei por que elixira Galiza non dubidou un momento e a súa resposta foi algo así: quería ir ao Perú, pero agora hai moita violencia (Sendero Luminoso); ademais, miña nai está moi maior e desde aquí, se pasa algo, estou na casa nun par de horas.

Este cambio de obxectivo vai traer por esta Europa, aínda rural, a numerosos antropólogos e antropólogas co obxectivo de facer traballo de campo, recoller material para as súas teses e poder facer carreira académica. Desde entón somos “terra de conquista antropolóxica”, e a expresión non é miña, senón do antropólogo Honorio Velasco. Isto foi moi criticado e falouse mesmo de descoñecemento e desprezo do local, de neocolonialismo. No estado español foron demoledoras as críticas de Isidoro Moreno e mesmo as do sempre máis cabaleiroso Caro Baroja: en que parte de España quere vostede asentarse? Non sei, en España. Ben, saímos de Madrid, ten vostede A Mancha, País Basco, Galiza, Estremadura. Si, como os estremeños foron os primeiros conquistadores podo comparar un pobo de aí con outro de México. Estremadura 1960, México 1590.

Pero as cousas cambiaron, e cambiaron moito. Hoxe seguen vindo antropólogos aquí co obxectivo único de cumprir cun ritual académico. Hai un caso distes no libro que hoxe traemos aquí. Mais non todas as antropólogas e antropólogos que fan entre nós o seu traballo de campo son así. Coñezo e manteño amizade con varias delas e, en varios casos, sei da súa relación constante coa xente que lles deu información, sei da súa preocupación para que o coñecemento producido reverta dalgún xeito na sociedade, sei do seu compromiso coa nosa lingua. Podemos non compartir algunhas das súas apreciacións, pero necesitamos estas miradas foráneas para saber como somos, para reflexionar sobre nós mesmos.

Volvendo ao libro direi que a maioría dos traballos presentados son de difícil acceso, mesmo para o mundo académico. Polo tanto, e neste sentido, ben vido este libro porque nos achega a outras miradas que, doutro xeito, sería difícil achegarse. Miradas, que como se di na introdución, poden enriquecer as discusións sobre o sistema de desigualdade, un contrapunto para a reflexión, non para a descualificación. Algúns dos traballos presentados aquí son xa un clásico da Antropoloxía, como a historia de vida de Carmen, do casal suízo dos Buechler e que ben merecía unha tradución total. Outros, por exemplo, son importantes achegas para entender o papel da muller migrante nunha sociedade transnacional. Todos pretenden unha achega ao suxeito desde a dinámica social actual e non desde paradigmas míticos.