Olimpio Liste e a memoria do rural galego

OLYMPUS DIGITAL CAMERA
Olimpio Liste e a memoria do rural galego

Os que andamos nestas cousas da tradición galega, na arqueoloxía, tras as pegadas do pasado, da memoria, dos vellos artefactos ou arredor da ciencia da xestión dos museos que é a Museoloxía, sentimos as perdas do noso. Sentímolo ben que Olimpio Liste fose chamado a pasar as cancelas do Trasmundo. Mestre baril de cousas e saberes galegos do pasado, agora xa entre as señas luminosas da Santa Compaña, entre os seus grandes admirados e a ringleira sen fin de anónimos labregos, mariñeiros, artesáns, romeiros e feirantes dos que agarimou e nos transmitiu as súas mañas. Algo máis que un referente na busca do pasado ou legatario dos humildes bens da “Galiza Santa de romeiros e xograres”, as ferramentas do traballo, parte da memoria, a gardar na arca da Historia dun pobo buscavidas. Triste nova cando o sol decae en nostalxias pra meternos no Outono e o agro se prepara para futuros. Cando por algures se celebra en folión ó San Cibrao, santo entre os magos, sabedor de remedios e tesouros.

Xente como Olimpio, na compaña da súa dona e seguidora Fina Fernández Mosquera, fixeron o que non son capaces de facer as administracións, con tantos medios e pese a tanto aparato “cultural”. Burocráticas institucións, máis de reunión tras reunión e de impreso que da salvagarda e potenciación real dos elementos orixinais, identitarios nos que acouga a distinción nun mundo que se uniformiza. Polas obras coñecerémolo: Olimpio Xavier Luis Liste Regueiro é un pontevedrés nacido no 1932, cando tantos conflitos se anunciaban, e semellantes referencias da “boa vila” queren dicir moito ós que andamos nesto: mestre formado entre humanistas, como Modesto Rodríguez Figueiredo, colaborador desa universidade de galeguidade que é o Museo de Pontevedra, onde Filgueira Valverde e Alfredo García Alén eran sabios dispostos ós que acudir. Mestre na Xunqueira pontevedresa,especializado no ensino dos cegos e xordomudos, realidade e metáfora á vez que leva ó pragmatismo de saber atoutiñar, aplicar a sensibilidade, sentir, enxergar as cousas. Entón agudo observador, atento e agasalleiro cos amantes das tradicións, cos milmañas e cos estudosos. Amigo da conversa e sempre a espreitar no camiño, cos ollos ben abertos na procura daquelas ferramentas, artefactos en desuso que complementan o crebacabezas da cultura de Galiza.

Elementos do traballo que supoñen segredos, habilidades e técnicas precisas de emprego e coas que tamén se construíu o idioma. Obxectos que recolleu agradecido, tantas veces privándose e gastando do seu, simplemente co lecer de poñer a salvo e entregar ó estudo as pegadas do pasado con toda a súa memoria e teorías arredor. Co recollido por Liste poderíanse explicar varios museos sobre etnografía galega e iso foi o que fixo, pregarse pacientemente ás posibilidades, deixar de banda o desalento, probar e seguir a abrir camiños para mellor futuro, onde xa tantos mestres precursores había, Risco, “Xocas”, Fernández Oxea, Taboada Chivite.... Primeiro conseguir as pegadas reais da Historia, despois conservalas, sensibilizar... e as técnicas expositivas xa son aspectos que as modas e os museólogos decidiran en función das posibilidades e dos continentes arquitectónicos.

Así é o que non podía ser doutro xeito:avivar o lume da memoria. Olimpio Liste, máis preocupado polo real que polas sedutoras luces do virtual e do catálogo. Disposto a colaborar, a asesorar, a axudar en canto significa a rehabilitación e revitalización do noso patrimonio cultural, alí estaba onde se lle chamaba, tanto fose ante un humilde muíño, forno, hermida, como a carón dun castelo, pazo ou catedral. Sempre disposto a recibir, a ensinar, a explicar e presumir do seu besadoiro exposto en Oseira: trinta e cinco metros de arado, que nos seus tempos foi arrastrado por 11 xugadas de bois... Pro final agasallar con algunha vianda, un brinde, unha publicación... Non deixaba saír dos seus espazos de memoria sen asinar no libro de visitas, sen tirar e compartir unha foto, a que despois facía chegar como lembranza, agora memoria do museo e historia particular, estampa sepia, nostálxica, engrandecida pra nós. Moitas experiencias etnográficas como a do besadoiro foron recollidas en vídeos, como fórmula explicativa. Tarefas de etnoarqueoloxía, de documentación e de museoloxía que compartiu coa súa filla Araceli, profesora de Belas Artes en Vigo.
Desa casta de xente sempre houbo e aínda sigue habendo en Galiza: dende as experiencias de Enrique Peinador en Pías de Mondariz, até o Seminario de Estudos Galegos, así como dende 1975 o esforzo do Colexio de Arquitectos de Galiza pola creación, formación e consolidación do Museo do Pobo Galego. Colectivos e individuos preocupados por poñer a salvo algo que vai medrando e pode incluso devoralos, pois o paso do tempo, a couza, a humidade, a falta de espazo e o enigma do futuro son ameazas constantes sobre tan fráxil patrimonio. Lembramos a colección de obxectos etnográficos que reuniu o bergantiñán Benigno Eiríz, hoxe nunha casa de Alija del Infantado; a colección de Elixio Rivas na congregación paul dos Milagros de Baños de Molgas, a colección formada polo sacerdote Xosé Lago Cambeiro en Riotorto, Muxía; a que Narciso Luaces montou nas súas casas da aldea de Meixido en Ortigueira, a de Ourantes no concello ourensán de Punxín, a que o mestre Xosé María López Ferro abriu no Colexio Monte Caxado das Pontes, como a do Colexio da Capelada iniciada por Secundino García Mera, coa axuda de colegas, alumnos, labradores ... E moitas outras, principio de museos, agora sorteando ese debate ameazador sobre o seu futuro, coa ameaza do acontecido, hai anos, coa colección de Xosé Solla, en Arcade.

Olimpio Liste, nos anos setenta, puxo mans á obra, gobernou a casiña nas inmediacións do Mosteiro de Oseira, en terras de Cea, herdo da súa dona Fina, a que foi parte da hospedaría monacal desamortizada. Así axudou a salvar e revitalizar coa instalación da súa colección etnográfica unha parte do contorno deste grandioso recinto do cister. Na xornada inaugural do 24 de setembro do 1972 alí estiveron ofrecendo pulos de ánimo Xoaquín Lorenzo e mesmo Ferro Couselo, encantados por comprobar que a sementeira dos “bos e xenerosos” daba os seus froitos. Liste tentou adecuar tan diferentes contidos a continentes reutilizados, incluso, nos anos noventa conveniou co concello de Pontevedra para a concesión do renovado Pazo de Mugartegui na Pedreira, pero ó final o proxecto de museo etnográfico non callou.

Endexamais se apoderou del o desánimo, no 1999, acorda co Concello de Vigo, consolida e declarase de Interese Cultural a Fundación Liste, polo que no 2000, cédeselle un edificio dos anos cincuenta na rúa Pastora desta cidade que permite abrir o Museo Olimpio Liste da Cultura material galega. Espazos que acollen as sección dedicadas ás labores do agro, ós artesáns e ás crenzas. Centro que medra, cunha importante biblioteca e documentación, xa de obrigada referencia para os estudos da antropolóxía. Legado, instalacións e saberes que comparte coa súa filla Araceli, pese á crise e a tempos nada xenerosos. O nome nimbado de Olimpio Liste, sempre a pe e obra, co sorriso de Daniel,con esa imaxe galante, impoluta, de loito en respecto a ancestrais tradicións, ilumina os camiños das orixes da cultura galega.