O Valedor do Pobo Galego, gardian do español

O Valedor do Pobo Galego, gardian do español

Don Benigno López González foi Xuíz da sección primeira da sala do contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Din que as súas sentenzas caracterizábanse por darlle a razón máis á administración que aos administrados, pero desde que foi nomeado Valedor do Pobo, o 17 de xullo de 2007, grazas ao consenso entre o PP, PSOE e BNG, vén destacando por darlle a razón ao administrado especialmente nas cuestións relacionadas co non uso do galego, é dicir, favorecendo aos castelán falantes, idioma, que como se sabe, non está en perigo de extinción.

O algodón non engana

O español é o idioma materno de máis de 424 millóns de falantes. Pola contra o galego o é de menos de 3 millóns. A porcentaxe de galegofalantes caeu do 61 ao 39% en só doce anos. Segundo o mapa sociolingüístico de Galicia referido ao ano 2004, elaborado pola Real Academia Galega, desde 1992 ata o 2004 duplicouse o número de persoas que só se expresan en castelán. Logo o galego non é ningunha ameaza para o castelán, senón ao contrario.

Pero non se trata de establecer batallas estériles entre idiomas e dialécticas entre os seus respectivos falantes, senón o de protexer un ben cultural, que forma parte dun patrimonio universal, da humanidade, aínda que non teña oficialmente ese título, como o é a muralla romana de Lugo, a Torre de Hércules da Coruña, o Camiño de Santiago ou a cidade de Santiago de Compostela. Por lóxica, por ecuanimidade e por sentido do cargo co que o favoreceron os partidos políticos que representan aos galegos no Parlamento de Galicia, o valedor debería de estar ao lado do galego que é a parte débil.

Dar a razón aos toca ovos

Pero o señor Valedor do Pobo, ao pouco de tomar posesión nunha entrevista en La Voz de Galicia, dixo o que pensaba sobre o galego e sentou doutrina sobre como se debía de ensinar o idioma de Rosalía, o que eu bauticei nunha carta de protesta como o método López, que consiste en encomiar o idioma galego cuns cantos tópicos, como precioso, sonoro, doce, para a continuación propor o seu ensino con suavidade, aos poucos, e con aprobado xeral para non causar un trauma ao alumno, e sobre todo a algúns pais. O criticable do método López é que non o aplica ás preciosas, doces e sonoras linguas de Cervantes, Moliere, Dante, Shakespeare, Tagore, Schiller, Camoens, e todas as que se queiran pór do noso diverso e rico mundo linguistico. O cal fai sospeitar que o galego tampouco lle merece a categoría de idioma.

Eu non estou en contra de que se respecten os dereitos lingüísticos se o que se pide é razoable, o que non me parece ben é que se dea a razón aos toca ovos que non teñen mellor cousa que facer. O valedor, no seu celo por cumprir coa súa función, recomendou á Consellería de Educación que retirase un libro de texto de 5º de Educación Primaria, que di unha verdade como un puño: "A lingua propia de Galicia é o galego". Así o recolle o artigo 5.1. do Estatuto de Autonomía. Fixo a petición dun partido político que se chama nada menos que Unión Progreso e Democracia (UPyD), que quere, para que non quede a menor dúbida, de que o castelán e o galego son os dous idiomas oficiais no territorio galego. Faltoulle tempo ao conselleiro de educación don Jesús Vázquez Abad, outro bo, para dicir que se vai retirar o libro. Recentemente o novo secretario xeral de Política Lingüística, don Valentín García Gómez, cualificaba a cuestión coma "un problema menor, e suscitou un debate que non era máis que facer unha aclaración a unha folla dunha páxina dun libro", (La Voz de Galicia, 4-02-2012). É dicir, a estas alturas da película, despois de trinta anos de autonomía, aínda hai quen cree preciso advertir que o castelán tamén é idioma cooficial.

Os números non teñen idioma

Outro exemplo do celo do valedor a favor do español. Recentemente instou ao Concello de Lugo a que emitise o recibo da auga dun consumidor en castelán para garantir os seus dereitos lingüísticos, parece que animado por Galicia Bilingüe. Pero se analizamos con certo detemento o asunto, non queda máis remedio que concluír que a razón de fondo da protesta ten que ser outra ben distinta da que se alega.

O recibo da auga é de fácil comprensión para unha persoa que saiba ler e escribir e cun cociente intelectual normal, como é de supor que ten o reclamante. A maior parte do recibo son números, xa que logo enténdense sexa cal sexa o idioma no que estea escrito. Despois veñen as palabras que anteceden ou preceden aos números, que son vintecatro, das que unha ducia teñen o mesmo significado que en español, e que poden chegar a trece se o trimestre é o segundo ou o cuarto: de, Lugo, recibo, trimestre, base, lectura anterior, actual, consumo, factura, contador e abonado.

Claro a min cústame crer que unha persoa castelanfalante, que vive en Galicia, teña dificultade para entender que Concello = Ayuntamiento, lixo = basura, rede = red, sumidoiros=sumideros, primeiro = primero, terceiro = tercero, auga = agua, cota = cuota, aboamento = abonamiento, saneamento = saneamiento, IVE = IVA e data = fecha.

Un prexuízo ideolóxico

Xa que logo compre facer a pregunta ¿estamos ante un problema de dereitos lingüísticos ou ante un prexuízo ideolóxico? Non se ten noticia de que os denunciantes manteñen a mesma actitude coa imposición do inglés no ensino, non como materia específica, senón como lingua vehicular de determinadas asignaturas, en pé de igualdade co galego. Ao contrario, están encantados de darlle pulo a unha lingua que nos é allea, coa que non temos nada que ver nin territorial nin culturalmente.

A este respecto é moi acaído o dito por Antonio Valdecantos que asegura que "ninguno de los participantes en las recias campañas de defensa del castellano frente a las políticas lingüísticas periféricas haya dicho una sola palabra sobre la imposición escolar y universitaria del inglés no es algo que deba sorprender a nadie, porque los guardianes del español y las instituciones del ramo han practicado, por activa y por pasiva, el mismo asentimiento complaciente que el resto del público". (El País, 4-02-2012).

Estamos pois ante o prexuízo ideolóxico dunhas persoas, e duns partidos políticos, contra o suposto perigo e ameaza que supón para a indisoluble unidade da nación española, a existencia en España doutros idiomas distintos ao castelán que, como a relixión católica noutros tempos, para eles é o único verdadeiro. Pero, para o caso dos partidos políticos, tamén está presente a necesidade de inventarse un inimigo para poder manter un discurso que lle permita subsistir.

O paradoxo é que os nacionalistas españois non so descoñecen que eles tamén o son, senón que ignoran como foi o proceso de conformación da nación española, e na súa obcecación e simpleza pretenden facer crer que falar galego, catalán ou vasco só é cousa de separatistas ou independentistas. Pois se así pensan, están equivocados. Véxase senón dous exemplos de nacionalistas españois, nada sospeitosos de ser separatistas, que por conveniencia política falaron linguas diferentes do castelán coa categoría de cooficiais. Fraga durante os dezaseis anos que estivo de presidente da Xunta de Galicia, falou en público en galego e castelán en privado. Pola contra, Aznar, que foi presidente de España oito anos, falaba castelán en público e catalán na intimidade. Rajoy, pola contra, nunca falou en galego.

Cambiar o sistema informático para emitir os recibos da auga en galego ou en castelán, ten un custo económico importante para o Concello de Lugo que non está disposto a facer porque os tempos non están para atender caprichos. Neste momento están para aplicar a doutrina Rajoy, que se basea no "sentido común", ese que debería de aplicar o señor Valedor do Pobo para os casos referidos. Pola súa banda o Concello de Lugo, segundo palabras do primeiro tenente de alcalde Antón Bao Abelleira, dará satisfacción ao cidadán reclamante "anque lle teñan que facer o recibo a man".

Pero todo isto evitaríase se nunha futura reforma da Constitución os catro idiomas que se falan en España estivesen en pé de igualdade. Esixir para o galego, o vasco e o catalán, nos seus respectivos territorios, o deber de coñecelo e o dereito de usalo, como o español.