O sexo como forma de coñecemento

O sexo como forma de coñecemento

Eu, que habitei na raposeira e tiven a pel pegada á terra, négome a vivir escindida entre pensamento e pracer, entre teoría e práctica, aspiro a experimentar todo de todas as maneiras, como desexaba Álvaro de Campos, e que na miña apertura nunca desespere a esperanza. A teta sobre o sol. Olga Novo.

Con estas palabras de Olga Novo (Lugo, 1975) iniciamos o noso percorrido a través da pel. Anúnciase neles o que virá. Sen complexos. E o que virá ha ser un informe erótico que se explicita, verso a verso, deixando á vista do/da lector/a unha vontade clara de soltar o aire que permanecía fechado, un aire enfermo de ausencia, mais non só de ausencia de amor. En absoluto, pois o que se quere soltar, sobre todo, é o desexo dun sexo libre, e, xa que logo, facer fronte á coerción social.

Búscanse os confíns daquilo que revolve as entrañas: o anhelo de experimentar unha cadencia perturbadora. O motor do corpo encendido. A velocidade lenta. Os golpes de amor nas costas. Esta voz poética sexi, unha voz grave e ronca de muller que encolle e estira o corpo ante o pracer intuído, mais propicio para aumentar o outro, amosa a desinhibición dun suxeito activo que rexeita o imaxinario sexual feminino construído dende unha perspectiva androcéntrica, sempre vinculada ao pracer xenital. Reclámase a práctica autárquica na procura do pracer, parte esencial esquecida en favor dun coito totalitario que non sempre pode permitir o orgasmo ao que este eu-poético libertario non quere renunciar. Así é que a muller, a voz ronca que dicíamos nas liñas anteriores, dá conta, por exemplo, dunha das posturas que máis lle compracen. Demanda, mediante o uso do imperativo -tamén moi presente na erótica poética masculina comentada no anterior artigo- ser investigada por detrás, sen agardar a proposta do amante: "máis aló desta luz/permanezo de costas/ámame pola borda.". Comprácese pois na acción. Pode pasar de amante a amada sen temor.

A declaración de intencións de Olga no limiar faise tamén interesante polo que significa para nós, as mulleres. Nel explica que viviu "na raposeira", que tivo "a pel pegada á terra". Comprendemos, porque ela propia nolo explica, que desexa liberarse da escisión -inherente á calquera acusación moralista-, entre teoría e práctica, pensamento e paixón, e, xa que logo, das outras que de aí derivan: matrimonio/ amor, fecundación/ sexo, realidade/ilusión, e, menos evidente talvez, pero necesaria, coito/pracer.

Non quere permanecer ancorada nesa ágora infectada de cinismo e represión que desnaturaliza os afectos, que os limita ás convencións sociais, constituíndose no cárcere modélico de usos e costumes. Pretende saír dese espazo enfermo, do seu aroma rancio e abafante. Autodeterminarse. Así nolo indica nas páxinas iniciais deste delicioso libro, A teta sobre o sol: "Desde tódolos confíns da terra e dos tempos se sabe onde residen a beleza e a verdade, aínda que todo se cale e todo se tema porque a paixón se controla furiosamente baixo o disfraz do decoro, baixo a presión da conveniencia, baixo as sete chaves do inferno da mentira e do desamor. Por iso onde escribamos lugar entenderán patria e onde digamos desexo entenderán provocación: todo se distorsiona nos ollos que miran pero non ven e nas palabras que xulgan pero non crean."

Daquela, xa que estamos situadas neste punto, na demanda de liberdade, na declaración de autodeterminación sexual, pensamos que ha ser útil volver ao diagrama de Bourdieu que empregamos no anterior artigo e lembrar aqueles conceptos, palabras, termos -como se prefira- que, tradicionalmente, se asociaron ao ámbito do feminino, con connotacións pexorativas, pois actuaban como separadores porque carecían de carácter racional -terra, humidade, líquidos, casa, interior...-. A racionalidade, sábese, foi certamente sobrevalorada como método de aprendizaxe en oposición ao coñecemento intuitivo, sempre asociado á imaxinación, á maxia e, xa que logo á subxectividade. Presentábanse ambos ámbitos, a razón e a paixón, como excluíntes, co sufrimento que isto implica para a humanidade. Olga recupera este imaxinario desprezado, situándoo nun lugar de honra e privilexio. No canto de sentir vergonza, enorgúllecese. Así é que na construción do poema a reivindicación dese léxico é constante. Maniféstase no seu uso continuado e desacomplexado. Marca a diferenza. Nisto, afonda bastante máis na problemática da desigualdade entre sexos -proba evidente de que a aprendizaxe de Olga Novo a este respecto si foi significativa-do que o fixo a sonora erótica de Castaño no seu ciclo de erofanías (Vivimos no ciclo das erofanías) onde se masculiniza o suxeito feminino outorgándolle un poder de dominación que non deixa de ser unha emulación do patriarcado.

Olga Novo non se afasta das mulleres precedentes, dálles visibilidade: deixa pois ver a forza de seu nesa mesma febleza que as tipifica inxustamente como domésticas, interiores, fráxiles e temerosas. Fortes para o que conviña, certo é -téñase conta da dureza do traballo que a muller realizaba no campo-. Sabe que sabiduría ten de ser conservada, pois non é excluínte da autodeterminación emocional e sexual : " éramo-las únicas habitantes do fósiles./ baixabamos torrenciais no anaco primeiro da mañá/ despois de a contraluz (...) daquela eramos faunas", "ti e mais eu, muller abrenticia de pantrigo/ na frela de debroca-la tristura á par do río...", "uva planetaria dos ritos esganifada,/ abrochas xenerosa e mineral/ denantes do espacio e da auga; pastora." (Nós nus)Obsérvese o uso da primeira persoa do plural que contribúe a defensa da muller na terra -non sobre ela- que, noutros casos, se singulariza na terceira persoa pero segue aludindo á colectividade feminina, pois coa metonimia "uva planetaria", por exemplo, o eu-poético refírese unha vez máis a todas aquelas que conseguiron, a pesar da dominación masculina, sobrevivirse a si mesmas. O adxectivo "planetaria" dá, xa que logo, idea da inmensidade desa "Muller" especial e necesaria, algo que trae a nosa memoria outros versos de Lupe Gómez: "As mulleres/ somos unha explanada". (Pornografía)

Daquela, revisa ese mundo ao que nos confinaron e opta por poñelo en valor dende unha perspectiva nova que rexeita calquera imposición moral de "bonequización", mesura e silencio. E xusto nesa pretensión de Novo, que se observa ao longo do poemario, atopamos a recuperación daqueles versos de Lupe -publicados anteriormente en Pornografía- que fan referencia, dun xeito máis directo, a todas as mulleres do campo borradas inxustamente do discorrer político e social :" As mulleres que cruzan o corredor/ da miña casa levan a saia/ tocando os nocellos e teñen/ a fronte colorada. Algo rota, como os tendais/ de moitas casas", "No meu pobo/ só había un costume,/ camiñar co pelo solto/ e os peitos caídos."

Entendemos pois que Olga reivindica o sexo como "práctica científica" xa que, na medida en que calma incendios que dispensan certo sosego, permite coñecer a realidade dende unha óptica animal, oculta por vergonza. Son eses incendios e esa loucura os que Olga intenta berrar no seu libro -"pero non me pidas/ que entrada en ti non deixe detrás a forza elemental/ o incendio todo" (Nós nus)-. E nesta demanda non existe só a reclamación do orgasmo, mais tamén da expresividade verbal e dunha certa forma de nos mover, con mans e brazos, lonxe da estética harmoniosa á que se nos ten obrigado. Rexéitase, obviamente, tal imposición do artificio porque se interpreta como un xeito de violencia.

Así é que, debemos deixar claro que a presenza dun léxico do "propiamente feminino" ten, no caso desta escritora, un valor esencial importantísimo, pois recolle parte da experiencia da vida no campo, principalmente no seu libro "Nós nus". Neste poderoso poemario, sexo, orgasmo e sensualidade, mestúranse co mundo animal de vacas e galiñas. Da familia. Dos coitelos e demais armamentística agraria -sachos e gadañas, por exemplo-, imprescindíbel para vivir da terra, unha terra que ten aquí un valor ancestral, na medida en que deixa ver non só a muller na aldea -como sucede en Pornografía- mais tamén a anterioridade primitiva disto, algo que confire ao poemario un interese, dende o noso punto de vista, maior, na medida en que o enriquece, pois vai máis aló do canto á vida na aldea. Vexamos algún exemplos do que estamos a dicir:

"a buscadora de gran/ agarra coa man o carbón ardendo/ ela é a que fala desde o escombro./ aprende a brasa/ e así como sénte-la ruptura, ela rtorna a escribir no ventre femia animal (...) a que escribe manifestos nas paredes do útero/ mentres te espera no rigor do inverno,/ coas pernas enganchadas polos xuncos/ resiste o poema entre o sangue e a placenta/ resiste o pedregal"

"coa miña pel podes facer inxertos nas mazairas./ algunhas conservan estirados os nomes que gravei a navalladas/ tódalas tardes ó volver da escola./ acostumada a tirar por un poema como por un becerro/ cando lle saen as patas/ (...) entón é cando corren polo meu peito rabaños de cabras/ que non se dirixen a ningunha parte"

"a min déronme a luz no centro mesmo dos castiñeiros", "igual que a manteiga a derreterse ó sol/ así escorrego/ e descendo deica a hora prima do luar/ (entrementres vou como aluvión)/ e vós estades atentos ó ritmo con que axito badais/ e quizais sintades aperturas de chairas polo peito/ porque hei arar en vós/ ata que máis non poida./ (...) e dixo esganifar inmemoriais cantigas que me baixan en tropel por entre as tetas"

Recoñecemos nestes versos e noutros tantos máis que conforman este poemario de Novo, Nós nus, o que tan atinadamente explicou no seu día Carmen Blanco ao respecto da presenza dun bestiario nun cosmos esencialmente vexetal que recupera a raíz, a terra. Comprobamos entón a reivindicación da vida e da liberdade que se reclamaba nese limiar aclaratorio de A teta sobre o sol, escrito pola propia autora, unha liberdade que parte da superación da división entre pensamento e paixón. Así é que o sexo, en tanto que experiencia -non sempre pracenteira, pois pode implicar tamén dor,- é concibido -e isto xa o apuntamos máis arriba- como unha forma de coñecemento necesario. E na propia narración da aprendizaxe do sexual, advírtese o animal -os becerros, as cabras, cervas, bois, peixes, delfíns, aves-, o devandito microcosmos vexetal -montañas, xuncos, fragas, lagoas, bosques, o pole, raíces da terra, pereiras, mazairas, mazás, praderías, vales, mimosas, río,- e a simbiose do corpo feminino co corpo do animal que consegue amosar o que se pretende: a apertura desas fiestras pechadas, acadada a golpe de instinto, na medida en que cre na existencia dun animal en nós. Xa que logo, non obviaremos esta asociación da muller coa vaca ou coas cabras expresado cunha audacia que, no seu día, tanto gustou á comunidade lectora:

"Contigo comín as raíces das árbores da vida primeira/ escampo e sei/ que acabarei saíndo das ubres das vacas"

"somos coma un canado de leite polo desfiladeiro (...)/ os nosos tetos migratorios ou dedos espigados/ son a úvula crecente das carrupas."

"Entón é cando corren polo meu peito rabaños de cabras"

Porén, ademais dese vínculo da muller co animal -que tamén se observa en Lupe, como veremos máis adiante- Novo dá tamén conta doutro fundamental, dado o decorado no que a aprendizaxe se desenvolve, o do corpo co vexetal. Emprega para isto imaxes, nalgúns casos tan audaces coma estas, "mesturo a sombra coa resina que me sae das vértebras.", "porque visitas Viena cunha dozura de pintor a olla-la miña uva húmida".

Así é que a terra, ligada ao feminino, é constante na obra desta poeta, e, como tal, abrangue todo. Eis a importancia dese bestiario inherente á natureza e ao corpo, como estensión do animal ou vexetal, que se acompaña desas músicas que configuran o mundo perdido, máis aló da propia aldea -bruar das bestas, gaitas, malladoras, o mecanismo da rocas e os muíños, cancelos, o bufar de animais, a campá matinal, ou tamén, o estrondo da auga no lugar en que nace- pois se achegan ao ancestral, e máxico.

"estaba destinada a xerfa e dolmen/ porque tiña vontade de loucura/ e tódolos ciclos do entusiasmo"

"medas de lis para ti, no tempo nómade sen millo,/ porque penétra-las fragas da tribo onde as mais/ enormes que amas, somos meigas ou hippies/ ou talvez cervas muando o húmido crémor/ do teu bico embrión de silex"

"saberás que o teu corpo aínda garda correntes prehistóricas."

"intúe-la baixada dos astros/ e recoñece-los ciclos da terra..." "erámo-las únicas habitantes dos fósiles"

"xalundes, desde as maiores altitudes/ albiscabámo-la disposición de bailes iniciáticos!"

Vemos pois, nestes fragmentos, a presenza do telúrico e do ancestral en perfecta cohesión, algo que ten interesado moito ao ecofeminismo cuxa principal arela é recuperar a presenza da natureza, de certo invisíbel nas sociedades occidentais que se limitan á defensa retórica do medio ambiente. Vivimos como individuas plastificadas. Por esa razón, o que Olga aporta nesa visión memorístico-poética da muller na terra, resulta de gran valor, insistimos nisto, non só pola riqueza léxica, mais pola recuperación da relación desa Muller co mundo natural.

É nese desexo de pór os ollos no vexetal, de vivir en liberdade, coa consecuente desinhibición do instinto castrado, onde aprezamos unha visión postnaturalista. Quérese volver á escena primitiva de montes e bosques, á interacción da muller coas plantas, para traer á memoria a capacidade de liberdade anterior á domesticación. Ela, quen escribe estes versos vitalistas nos pradairos, non soporta a coerción social, por iso di que leva o Courel "na costura das bragas". Como Lupe, que para ir máis lonxe, decide quitalas, aconsellándonos a nós que o fagamos tamén, para sentir o aire no sexo. Para vibrar. A intención en Lupe non é tanto recuperar, mais colocarnos diante do espello. Provocar a reflexión sobre a necesidade de inocencia.

A SEXUALIDADE COMO COMBATE EN LUPE GÓMEZ. A SEMELLANZA POÉTICA CON OLGA NOVO

Non sei o que digo. / Nunca o saberei. / Abrín o cuarto prohibido. / e agora estou dentro. Pornografía. Lupe Gómez.

Lupe Gómez (Fisteus, 1972) ten sido inmensa. Recoñezámolo. Ábriuse de par en para para nós: deixounos ver o sangue polos bordes. Meteunos naquel cuarto cósmico con ela. Gozámola na brevidade. Soubemos que o abismo podía vivir nun par de versos coma estes, "a muller é/ un cristal/ atravesado por / unha patria" ou nestoutros tan desacougantes, "O amor foi un trallazo moi forte que rompeu a ventá", "Tírannos/ ao fondo da / nada".

Por todo isto, por eses versos mínimos e desacougantes, polo xeito de profanar os mapas do corpo feminino, adentrándose nas súas grotas máis fondas, sen doces suaves, nin licores de almíbar, é polo que, como mínimo, provocou algún efecto en nós. Pódemola amar como poeta. Ou cuestionar esta intención de provocación, que, para os máis escépticos, levará implícito un certo afán exhibicionista . Cada quen que elixa. Nós, pola nosa parte, recoñecemos en Lupe o mérito, no seu día, de facer fronte á corrección política dos textos eróticos anteriores, con metáforas a modo de desculpa. Ela colleu, sen pudor, a palabra e liberouna de si mesma. Construiu unha casa propia. Singular. Nela disparou o instinto, porque Gómez escribe dende as entrañas. Así é que da irracionalidade poética de seu, de trallazo en trallazo, resulta estrañamente lúcida nalgúns versos moi concretos que desconcertan, pois deixan unha porta medio aberta.

Na abertura do que semella incompleto en Pornografía é onde aparecemos nós, os lectores e lectoras, que sentimos certa insatisfacción. Que é o que pasa con eses textos de Lupe? Pois o que sucede, simplemente, ao noso modo de ver, é que nos deixan a medias. Con ganas de máis. Non existe conclusión na conclusión que se presenta. Son pensamentos en espiral, colgados no baleiro, ensanguentados. Por iso, posteriormente, ten decepcionado un pouco, porque a pretensión de situármonos diante dun cadavre máis directo, xerou unhas espectativas que non se corresponderon co nivel poético acadado, na medida en que se apreza certo continuismo discursivo que poderíamos entender como un anocoramento poético: "Os teus dedos na miña braga con regra" . Nós queríamos máis: algo realmente novo.

En todo caso, continuamos pendentes do que escribe, porque sabemos que volverá a atronar co seu harpón. Estamos certas de que o fará, pois respira poesía por todos os poros da pel, a pesar do continuísmo que criticamos aquí. Daquela, aínda perseguimos nos seus poemas a liberación. O sangue. A regra. As bragas.

Queremos descomprimirnos e recoñecemos que nos presta ler os seus poemarios porque xeran en nós ese efecto. Así é que, por estas causa, é polo que nos segue interesando o que denuncia, na medida en que non hai escapatoria posíbel. Neste sentido, observamos a semellanza entre ela e Olga, pois como esta última, posúe un espírito independente cuxo vínculo máis recoñecíbel é a terra, ese "bico embrión de silex" que dicía Novo. Ambas ispen o corpo (Nós nús: "inzámonos trasmundos/ en lucerías/ nós/ nús" , "e deixo esganigar inmemoriais cantigas/ que me baixan en tropel por entre as tetas"), porque só na nudez senten a liberdade.

"Ter unha casa/ sobre un monte. / Dende alí, co corpo/ de HEIDI, rachar as/ costuras do vestido/ e pasear encoiro.", "A miña infancia/ na miña aldea/ foi un parto/ que me rompeu / a cabeza", "Estaba soa na eira/ e saquei o xerxei/ e púxeno sobre as pedras no hórreo." "Soño con volver/ á chaira: marcada/ polo silencio da tarde,/ levantando/ a terra cos pés ó/ correr." (Pornografía, L. Gómez)

E nesa unión coa terra, ambas poetas, dan conta tamén do corpo feminino, da asociación e proximidade, mesmo dunha certa simbiose, entre a muller e o animal (lembremos os tetos, as ubres, cabras de Olga Novo).

"Coma se non puidese empreñar/ eu/ empreñaban as vacas e ás veces/ montaban unhas as outras. Era/ chistoso", "Unha noite soñei que saían animais dos meus ollos. Cada animal saía por unha vea. E a escuridade fíxose máis profunda." (Pornografía, L. Gómez)

Así é que observamos que existe unha similitude na poética de ambas autoras, na medida en se sitúan no terreo do postnaturalismo, mesturado no caso de Olga co surrealismo que se apreza no emprego de imaxes brillantes -que, a pesar de poder parecer excesivas, como manifestou Xosé Manuel Eyré no seu día, non molestan nin distraen a atención lectora do que cómpre- e no de Lupe cunha tendencia ao minimalismo poético, tan de moda nos últimos tempos, e do que agardamos sexa quen de saír para parir algo realmente diferente do seu traballo anterior.

Son semellantes tamén Olga e Lupe, nas referencias constantes ao corpo, non únicamente ás partes máis visíbeis, mais ás outras ("uva húmida", en Nós nus, Olga Novo. e "abertura roxa na boca" en "Os teus dedos na miña braga con regra"). Isto permítelles rachar as costuras, porque tanto unha como a outra, precisan expresarse, máis ou menos abruptamente. Eis a causa dese léxico explícito, presente nas dúas autoras, que, contemplado dende o tradicionalismo crítico, resulta pouco estético: cú, tetas, bragas, regra...

Chama tamén a atención a importancia do movemento para as dúas, pois se en Olga aparecen os "bailes iniciáticos" e a petición de posturas determinadas para amar ou ser amada (Nós nus), en Lupe atopamos algo semellante que, ao noso modo de ver, resulta, neste caso concreto, máis interesante, na medida en que se adentra no terreo da percepción masculina ao respecto dos movementos aos que se nos obriga como mulleres, sempre dende a visión patriarcal:

"Antes dicíanme/ que colocase ben/ unha perna sobre a outra./ Que fose feminina./ E eu nin sequera sabía/ onde tiña as pernas."

Estamos, xa que logo, ante dúas voces moi importantes da poesía galega dos últimos anos que se reclaman amantes da terra e da expresividade natural que dese amor deriva. Dende un punto de vista feminista, considérase necesaria esta denuncia da dominación, pois é de seu angustiosa. Valoramos entón que se fixese así, a través da terra e do corpo, algo fundamental dada a condición de "privado" que se lle conferiu á muller e mais ao campo co obexectivo de excluílo da ágora, e, xa que logo, da racionalidade, das artes e da política.

Para concluírmos este artigo, pensamos que cómpre facer visíbel, por unha banda, o pensamento intuitivo de Lupe, capaz de arrastrar e seducir, e, pola outra, o de Olga, máis estruturado e fondo, cunha base non só literaria, mais feminista e política, algo que aprezamos especialmente pola súa vontade libertaria que lle permitiu a acceder ás zonas de sombra para poder así cuestionar, non só a realidade, mais a ela propia. A autodesmitificación é un paso adiante para poder crear sen condicionamentos externos. A escasa presenza de ambas autoras nos actos fainos pensar que non son fácilmente seducíbeis pola fogueira das vaidades. Isto, que semella máis persoal, é de natureza exclusivamente política.