O privilexio


Son docente no ensino público e considérome un auténtico privilexiado.

Privilexiado por non ter que soportar os rigores do clima para gañar o pan do que vivo.

Privilexiado por exercer un oficio que escollín de modo consciente e con plena intencionalidade.

Privilexiado pola intensa experiencia afectiva que supón o trato diario cos mozos e mozas do noso país, e tamén polo coñecemento empírico que aporta sobre entornos sociais e circunstancias familiares de carácter moi heteroxéneo.

Privilexiado por ter a oportunidade de asistir, en primeira liña de praia, ao desembarco das modas culturais e tendencias ideolóxicas que condicionan a actitude vital dos nosos adolescentes, e que definen o seu modo de se enfrontar ás incertezas do porvir.

Privilexiado por poder defender, no microcosmos da escola, aqueles valores educativos que van máis alá do fetichismo tecnolóxico ou da nostalxia reaccionaria, para deste xeito non contribuír ao esquecemento daquelas mestras e mestres que, en tempos aínda máis ventureiros cós actuais, nunca renunciaron a promover a liberdade e a desterrar a ignorancia, sempre desde o compromiso con valores cívicos e democráticos.

Privilexiado por compartir espazo laboral con tantas compañeiras e compañeiros que entregan horas extra da súa vida a crearen pequenas burbullas de ilusión e coñecemento: un conxunto de profesionais conscientes en todo momento da transcendencia do seu compromiso, que se expande desde os contidos específicos de cada materia cara ámbitos tan imprescindíbeis como a educación emocional e afectiva, a coeducación, o ecoloxismo e o pacifismo, a promoción dos hábitos lectores, a defensa do idioma... Profesionais que exercen o seu labor máis alá dos límites que establecen horarios e normativas, e que aínda non enviaron o entusiasmo á papeleira de reciclaxe.

Son docente no ensino público e, a pesar das evidentes eivas do sistema educativo, todas as horas que adicamos a convivir co noso alumnado non poden nin deben definirse como unha especie de "carga lectiva" que recae, con fatiga bíblica, sobre as nosas costas (e ogallá algún día os cerebros máis lúcidos do ámbito sindical reflexionen sobre as connotacións pexorativas que conleva o abuso irreflexivo de tan horríbel sintagma nos seus boletíns informativos).

Son docente no ensino público e, contra a opinión das autoridades educativas que (des)gobernan este país, defendo que a escola foi e será sempre un ámbito onde se exerce de modo consciente o exercicio da política, no sentido máis amplo da expresión. Pois cada escolla que atinxe á organización do ecosistema educativo, por moito que se enmascare dunha suposta neutralidade tecnocrática, agocha un posicionamento ideolóxico, un compromiso con determinados valores éticos e sociais que condicionan, para ben ou para mal, o tipo de educación que recibe (ou padece) a mocidade galega.

Son docente no ensino público e entendo tamén que o gremio do profesorado debe acometer con maior intensidade o exercicio da autocrítica, para non seguir aceptando como norma tácita un conxunto de malos hábitos que dificultan a procura da excelencia educativa; porque semella necesario manter sempre activo o principio de autoesixencia pedagóxica, se non queremos ir caendo, curso tras curso, no pozo negro da desidia. Pois calquera de nós, a pouco que se descoide, pode engadirse a esa procesión de caladiños que vai convertendo pequenos privilexios en dereitos adquiridos, rutinas pedagóxicas en preceptos inmutábeis, intereses persoais en pactos de claustro, resignación e indiferenza en actitudes que perpetúan o desencanto e a rutina.

Son docente no ensino público e non me arrepinto de intentar exercer o meu oficio coas únicas ferramentas pedagóxicas que nunca deben deixarse esquecidas na casa: dunha banda, paciencia infinita, e da outra, contaxioso entusiasmo, aínda que a semente do esforzo adoite derivar en froitos serodios que case nunca chegamos a albiscar cos nosos ollos.

Son docente no ensino público e non comparto de ningún modo a actitude daqueles políticos que, á mantenta, reducen o alumnado a cifras, o coñecemento a burocracia, a autoridade a decreto, o plurilingüismo a sarcasmo.

Son docente no ensino público e aínda non chegou a hora da resignación, quizais porque eu tamén quero un futuro mellor para o meu fillo.

Porque, como ben afirmou Eduardo Galeano, a Utopía serve para que sigamos a camiñar na procura do horizonte.