O Parque de Arte Rupestre de Campo Lameiro
O Centro de Interpretación de Arte Rupestre de Campo Lameiro forma parte da Rede Galega de Patrimonio Arqueolóxico, que contará con outros centros que tentan a salvagarda e darlle rendibilidade á visita a parques arqueolóxicos, como serán inicialmente o da Cultura Megalítica que se establecerá nas coruñesas Terras de Soneira; o da Cultura Castrexa nas ourensáns do San Amaro e abrindo ó Castro de San Cibrao das Las e o da Época Romana na mesma cidade de Lugo. Non quere dicir que estes puntos sexan únicos en tal legado patrimonial. Pois como en poucos países manifestacións da Prehistoria, da Protohistoria, da Idade Antiga, Media, Moderna ou Contemporánea abondan por toda Galiza. Si ben estes puntos considéranse antolóxicos. Prioridade pois na súa conservación e potenciación, así como na experimentación de novas iniciativas. Criterios museográficos serán os que se aplicarán, entón profesionalidade. Algo sempre inacabado que irá parello coas novas tecnoloxías.
A oferta para o ocio multiplícase máis alá do sofa-cama. Visitar un distes espazos é un convite a saír da casa e entrar nas raiceiras do que somos.
Para acercarnos a Campo Lameiro hai moitas rutas nas que non perder o tempo. Os que vaian dende Pontevedra farano seguindo o río Lerez, pasando por preto do Mosteiro do San Benitiño, deixando Xeve...Tamén se pode facer por Mourente, Viascón, San Xurxo de Sacos, terras dos arxinas, os canteiros xornaleiros que recorreron o mundo... Até aquí chegarán tamén os que veñan de Ourense, deixando atrás a ondulada serra do Testeiro, Soutelo de Montes, Cerdedo e tantas lembranzas de arrieiros como de gaiteiros, de emigrantes. Paisanaxe fotografada por Virxilio Vieitez, paisaxes pintadas por Virxilio Blanco... Os que veñan de Compostela, poden encamiñarse por Caldas de Reis, cara Moraña...deixando nunha banda o Santuario dos Milagres de Amil, a pedra fita da Lapa de Gargantans...Ou ben poden seguir pola Estrada, subindo por Tabeirós, polos montes de Sabucedo, onde as greas de bestas bravas xa nos meten na Prehistoria. Para chegar a Forcarei onde podemos facer parada e fonda no mosteiro cisterciense de Acibeiro, reconvertido nun confortable instalación hoteleira. Paraxes vixiadas polas cimas do Coco, o Testán. Montes, Terra de Montes, que cantou e musicou o gaiteiro Aquilino Cachafeiro e os seus irmáns... E novamente Sóutelo, co seu Museo Etnográfico, un esforzo de amor á terra, Terras de Cerdedo presididas polo Seixo, monte Sagrado, altares ben estudados polo profesor Carlos Solla. E sempre nos esperan as aldeíñas de Serres, Pedre, co bo saber dos canteiros...
Arte rupestre, que ten como soporte as grandes laxes, as penedas, covas, acubillos e a mesma natureza. Enigmáticas gravuras, insculturas ou petróglifos, que dende os máis remotos tempos confirman a necesidade que os seres humanos temos por deixar mensaxes que expresan crenzas de vida e morte, amor e fecundidade por medio. Película, libro de visitas do pasado. Pegadas, que como todo, teñen a súa orixe, o seu desgaste e a ameaza da desaparición.
Para comprender todo isto e máis, compre visitar o Centro Arqueolóxico de Campo Lameiro, e a partir de aquí, axudados con mapas, facéndonos algo arqueólogos, meterémonos no monte, nas súas perspectivas e vida, como o fixeron os pioneiros que o estudaron e deron a coñecer. O Concello de Campo Lameiro ofrece varias rutas: Penalva co Castro de San Antoniño, como un observatorio dominado toda a fértil paisaxe, decatándose das posibilidades para o gando, a caza, a pesca... no curuto e tras a capela está o relevo da serpe arrodeado de lendas fecundativas e de mouras conselleiras, gardadoras de tradicións... O gran cervo insculturado na laxe da Rotea de Mendo. Os petróglifos da Pedra Boullosa... situados en inmediacións de nacedoiros de auga limpa, ós que acostuman ir abeberar as bestas bravas do monte...algo ben coñecido polos cazadores... Campo de Matabois ... eidos abertos, outros coutados por valos de pedra, curros... e na parte baixa hortas, escenarios da vida dun remoto pasado. Tentamos compor o crevatestas da Arqueoloxía da Paisaxe.
O edificio do centro de visitantes é resultado dun concurso convocado pola Xunta de Galicia, do que saíu gañador o Estudio rvr Arquitectos, formado por Alberte Redondo, Marcial Rodríguez e Xosé Valladares. Edificación como un valo contemporáneo que abre as portas a área arqueolóxica do entorno da aldea de Parada, arredor do Outeiro de Cogoludo e do altar da Pena furada, os que foron observatorios para os vixilantes cazadores de fai máis de tres mil anos, da Idade dos Metais. A unha e outra banda do pórtico dun centro que recibe, non pode faltar o que compre para antes e despois da visita: informarse, beber, comer, desbeber...coller forzas e quizais, aproveitar para mercar -á volta- aquilo que nos tenta. Entrando, á esquerda está a cafetería e un servizo de restaurant ou self-service, que deberá experimentar e ampliarse, e si o fai atendendo a tradición e á innovacións culinarias, moito mellor. Quero dicir que os herdos e saberes ancestrais, como é o xamón, os embutidos, o queixo, a empanada, cun bo pan que caracteriza a zona, acompañado de sidra ou cervexa, non poden faltar. Esta tradición non traizoa. Nesa maxia de saber valer e servir están as claves de futuro económico. Na mesma área existe unha tenda con guías, mapas, souvenirs, o que logo irase complementando en función das necesidades: impermeables, gorros, paraugas...e todo o repertorio inspirado no amplo mostrario de temas que aparecen nos petróglifos. Compre experimentar, romper cos tópicos establecidos que seguen a dicir que a cultura non vende, nin da votos. Cuestión de maxín, de xestión.
Na banda dereita deste pórtico de entrada está o centro de información e a area expositiva que nos introduce ós petróglifos: os temas que se representan, dende as simples cazoletas ás cruces, os ídolos, a secuencia de temas curvos, espirais, circos concéntricos, labirintos, as armas, os animais, o cervo sobre todo, as trampas, as escenas de doma, monta e caza.... Un apartado especial lembra ós estudosos, pioneiros e arqueólogos, ó autor do Corpus Petrogliforon Gallaecia, Carlos Sobrino Lorenzo Ruza, inventario que debuxa, fotografía detalles, conxuntos, moitos incluso xa perdidos. Á memoria ven o esforzo divulgativo de Castelao nas "Cruces de Pedra na Galiza", de Cuevillas, de Ferro Couselo, autor das "Cruces de Termo"...e logo a bibliografía do italiano Anati, nos anos setenta, estudoso da arte rupestre de Brescia... as posteriores indagacións de Antonio de La Peña, e máis modernamente de Manuel Rey. Arredor desto madura a ciencia da Arqueoloxía, a que leva a clarificar como eran, como vivían, como se relacionaban , en que crían...a conservar e transmitir a súas pegadas nesa ansia de domesticación do medio. Sigue o discurso expositivo coa reconstrución dunha cabana, ambientada con elementos de caza, afumados, curtidos, o xeito de vestirse.... armas e instrumentos de pedras duras de seixo para labrar...e poida que tamén cores para pintarse os corpos e quizais para ós mesmos petróglifos. A virtualidade, as proxeccións axudan, acércannos ás diferentes teorías sobre os motivos dos petróglifos e que se estenden por todo o mundo, en relación coas alucinacións dos chamáns, coa caza, coas crenzas sobre o principio e o fin.
Despois desta introdución, guiados por monitores do parque ou simplemente por un folleto, facemos o itinerario circular: descubrimos como as siluetas dos cervos se encamiñan ós nacedoiros, ás brañas, onde quizais eran apresados por trampas, redes, ou cribados por lanzas ou frechas.... e sempre os enigmáticos circos, dalgúns deles parte como un suco que pode facer alusión ás fontes...a auga como principio da vida. Non en van nas cantigas medievais, o cervo e a fonte asócianse, o que aínda fai o cristianismo. Nese andar atopamos coa reconstrución experimental dun poboado da Idade do Bronce, precisamente acudindo á etnoarqueoloxía e ós vestixios aparecidos na mesma área na que se construíu o Centro. Cabanas circulares cubertas de xesta cosidas. A teoría e a praxe da xestión patrimonial e algo sempre inacabado.