O libro das Seniguais e do único Senigual
A editorial Galaxia vén de presentar O libro das Seniguais e do único Senigual, da prolixa escritora e investigadora María Rosa Lojo, con imaxes de Leonor Beuter. A casa editorial galega non aforrou esforzos para ofrecer ao público un luxoso volume de extraordinario gusto. Grande en formato e enorme en calidade artística, acada unha perfecta simbiose entre texto e imaxes fotográficas. A través dunha explosión de cor e imaxinación, Beuter dá vida aos seres fantásticos que ateigan as páxinas desta obra.
Damos inicio á lectura ávidos de curiosidade, pois desexamos saber todo sobre os enigmáticos personaxes. O primeiro dos epígrafes «Natureza e propiedades da especie. As Siniguais. A súa definición improbable» suxire a aplicación dun método científico ao estudo duns seres dificilmente susceptíbeis de taxonomización. E é que, malia nos servir dos trazos coñecidos das bruxas ou as fadas, o seu xeito resulta ben novidoso. Tanto é así que Isolina, a rapariga fisterrá que fugazmente as contempla, decide bautizalas cun nome que defina a súa singularidade: «as Siniguais».
Asindo o seu caxato, ollámolas a coroaren con orgullo un rolo de fío, escorregando acrobaticamente entre máquinas de coser, sobre tesoiras, agullas de calceta... ou simplemente en levitación. Non esquezamos que son seres do vento. Lémbrese tamén que veñen ao mundo da forma máis bela endexamais soñada, froito dunha decisión colectiva, envolveitas en luz despois dunha explosión xorda nos nosos costureiros.
A narración de Lojo é intensamente lírica e deita creatividade. Mais, para alén do universo fantástico orixinado, posúe tamén un nivel simbólico de lectura, só accesíbel ao lector adulto. A aparición dun novo personaxe no ecuador do volume advírtenos disto. O solitario Sinigual, único no seu xénero, teima en perseguir libélulas de cuxa cópula xorde unha estraña criatura: «Será unha libeliña deforme, segundo vos parámetros zoolóxicos, e segundo vos artísticos de vangarda, unha visión de fermosura inusitada».
Mentres tanto, a vida das Siniguais transcorre entre toda xénero de aldraxes e crueldades. Talvez o sal, sorte de bálsamo en que se bañan polas noites, logre limpar as súas feridas. Con todo, Isolina carece de apócemas máxicas que abranden a dor. Desde que cheirou o aroma a canela que aqueles seres desprenden, segue o seu rastro.
En definitiva, O libro das seniguais e do único senigual propón un fascinante percorrido a través de paisaxes que nos resultan familiares e, simultaneamente, ignotas. Nelas descubrimos un mundo marabilloso que desperta reflexións necesarias acerca da condición humana. Asemade, a autora aprofunda nas súas raíces galaicas, motivo central da súa produción novelística. A unión entre a vella Galiza e o novo mundo, tan presente no volume, refórzase agora ao ser publicado na lingua de Rosalía. Por fin, felicitamos encarecidamente as autoras e animamos a editorial Galaxia a seguir publicando as aventuras destes estraños seres.