O legado cultural da auga

O legado cultural da auga

Desde 1982 o ICOMOS (International Council on Monuments and Sites) organismo dependente da UNESCO, ven convocando a xornada de cada 18 de abril como "Día Internacional dos Monumentos e dos Sitios". Así é que desde este recuncho do confín do mapamundi non queremos faltar á chamada de atención para animar a considerar o legado cultural como recurso de distinción, isto é de identidade, o atractivo reclamo diferenciador dos Nós fronte á despersonalización e uniformización. O tema elixido para o ano 2011 é "O legado cultural da auga", ese ben imprescindible, que escasea, embotéllase e tamén se contamina.

Aproveitamos a ocasión deste novo santoral laico para caer na súa liturxia desde o país da chuvia, a que se recibe en gárgolas monstruosas que en carantoñas arremedan cara unha terra farturenta en nacedoiros, mananciais, minas, pozos e fontes, moitos delas arrodeadas de lendas e aínda de cultos pagáns. País de lagoas, de arroios, ríos e mares polos que aínda navegan barcos ou balsas de tecnoloxías populares, augas con enerxía poder nutricio. Auga dos ríos nos que habitan fadas, as Anas Mananas, señoras de pozos con remuíños que anualmente reclaman as súas vítimas, herdeiras das Ninfas e das Nereidas clásicas.

H2O, transparente, inodora, insípida... a AUGA, así con maiúsculas, un dos "Catro principios da Vida" para os filósofos presocráticos e así se levou e se invocou nos máis antigos altares, en fontes, en estanques, escenarios acuáticos que reclamaban ofrendas... inseparables dos tesouros das "mouras" de cabelo de ouro. Auga de Venus, de Neptuno e de Tritón, auga do Bautista e do bautismo, da purificación e da redención. Arqueoloxía de templos, ninfeos, termas, balnearios, encoros, canles, cisternas, aceas para os muíños, para os batáns, para os curtidoiros, para as fábricas de papel ... ben o sabían os herdeiros medievais dos saberes clásicos, os monxes, aqueles que edificaban as súas multinacionais, os mosteiros, nas ribeiras "sacras" dalgún río: auga para horta, sempre verde, pro gando gordo, pra lavarse, para apagar o lume e a sede... Hoxe para comercializarse, para embotellarse case como perfume en transparencias coquetas, catarse en ritual e servirse para saborear o todo e a nada no que implica a vida.

Nos castros póñense ó descuberto os alxibes e nas entradas destes habitats os chamados "monumentos con forno", aqueles que inicialmente se asociaron cun carácter funerario, e agora faise con saunas nas que recibir ou despedir ós viaxeiros que chegaban á tribo. Estructuras que terían un carácter hixiénico e propiciatorio, quizais en relación con algún numen e ritual. Espazos sacros para a auga, o lume e o vapor, seguramente mesturado con aromas de plantas medicinais, loureiro, ourego, artemisa ... para envolver e purificar o corpo. Saberes herdados por curandeiros e meigas.

Imprescindibles fontes no camiño, na encrucillada, arredor das que naceron cidades, coa nostalxia da Fonte de Castalia en Delfos, da de Aretusa en Siracusa, da de Nemausus en Nimes... E velaí que "Pontevedra é boa vila, da de beber a quen pasa a fonte da Ferrería", como a luguesa fonte da Pinguela tras pasar a Porta Miñá ... as Burgas, unha das "tres cousas" das que se gaba o Ourense nacido das augas do Miño e do culto á imaxe dun escarnecido Cristo aparecido no mar de Fisterra. Ourense é cidade de fontes exclaustradas de Oseira ou de Ribas de Sil, como a Fonte do Ferro... as fontes ilustradas da Coruña, a de Santa Catarina, coroada por Neptuno, a da Fama, na Praza de S.Andrés, nutridas polos depósitos de Visma, sorprendente enxeñería de canles e acueductos... e aquela popular e cantada fonte de Santa Margarida, á que se lle atribuían tantas propiedades, naquel entón tan solicitada na mañá polas leiteiras. Fontes das que, ás veces, a lenda popular di que foron feitas nunha noite polo Demo ou pola súa nai.

Templos e Santuarios naceron arredor ou sobre a arqueta dunha fonte, sobre as que corre algunha lenda: Santiaguiño do Monte en Padrón, Santa María de Gundián, os Milagros de Amil, O Corpiño de Lalín, o Rial de Entins en Outes, Santa Margarida de Montemaior en Bergantiños, San Martiño de Mondoñedo en Foz, Santa Comba de Bande, os Milagres en Molgas, Santa Mariña de Augas Santas en Allariz, en relación co Castro de Armeá e a cristianización do conxunto por medio do martirio de Santa Mariña, a que decapitada, a súa cabeza deu tres brincos pra nacer tres misteriosas e abundantes fontes. A fonte é imprescindible a calquera campo de romaría, para dar renda solta ó animismo panteísta, lavarse, secarse e deixar o mal no pano atado a unha ponla. Por algo Ero de Armenteira deixou pasar nun tris trescentos anos enxergando o canto dun paxariño sobre un árbore e unha fonte.

Fontes que centran o "Hortus conclusus" esa recreación do Paraíso centrado pola "Fonte dos Catro Rios" en harmonía xeométrica, pitagórica dos claustros, dos labirínticos mosteiros galegos, como a Fonte das Nereidas de Samos que tanto inspirou.

"Fons Vitae", ás veces resultado de complexos sistemas hidráulicos feitos en pedra machembrada, planificados por grandes mestres de todo tempo: Casas Novoa no Claustro de San Martín Pinario, a Fonte compostelán dos Cabaliños de Pedra feita por Pernas no 1825... a Fonte de Ponteareas do decimonónico canteiro Xosé Cerviño, a Fonte do Cristo do Porriño, das primeiras obras de Antonio Palacios; a Fonte das Paxariñas na Coruña, deseñada polo arquitecto e pintor Antonio Tenreiro... e as outras fontes, con estanque ou xa sen estanque pero con chafarís en xogos de auga e luces multicolores e cambiantes.

Fontes, estanques dos pazos, xogando co buxo, cos magnolios, os camelios... para apagar a sede dos camiños de cabaleiros do pasado: Oca na Estrada, Mariñán en Bergondo, Sistallo en Cospeito... ou a Casa Grande coa finca Galea en Alfoz, auténtico Museo da Auga, das tecnoloxías hidráulicas, estrebilladas pola sabedoría dese noso novo Mago Merlín que é Emilio Méndez.

Sorprendentes fontes aldeáns, como a da "Durmiñona" nas Ermidas do Bolo..., a decimonónica e parisina fonte en ferro fundido de Diana Cazadora da Praza do Campo de Betanzos. Fontes con pilón e canos no camiño ou na praza, enseñas da ilustración e da xenerosidade municipal, para logo pendurarlle o insulto de "auga non potable".

A arquitectura da fonte é escaparate do saber hidráulico, coroada de símbolos ou escudos, gabando un tempo, unha casa ou unha cidade. Resumo de saberes de zahorís, de poceiros, de enxeñeiros de canles e arquetas pra muíños, batáns, para fábricas programadas por ilustrados, serradoiros con xigantescas norias dando voltas... un universo que deixamos perder.

... E sempre, nunha ou noutra banda de nós a auga a bater, para seguir soñando.