O idioma: a chave coa que abrimos o mundo

O idioma: a chave coa que abrimos o mundo

A un mes de celebrarmos o Día das Letras 2011, a Plataforma Queremos Galego propón dar o pistoletazo de saída a data tan sinalada cun acto nacional de reivindicación en favor da nosa lingua.

O acto, que terá lugar o sábado 30 de abril ás 19:30 horas na Sala Capitol de Santiago de Compostela, fará fincapé nos retrocesos que en materia lingüística sufriu o noso País nos últimos anos e na necesidade de pular por unha política lingüística que incida na normalización do galego, e non na súa abolición de facto de certos sectores onde secularmente lle estivo vetado o seu uso de pleno dereito.

Trátase, con todo, dun acto lúdico onde a presenza de intérpretes musicais (Roi Casal, Ugia Pedreira, Miro Casabella, Roberto Sobrado) e doutras personalidades da esfera cultural galega (Ernesto Chao, Manuel Rivas, Teresa Moure, Margarita Ledo, Cesáreo Sánchez, Pilar García Negro, Carlos Callón) de seguro que lle fará pasar unha xornada amena aos miles de asistentes que se prevén que asistan ao evento.

É moi necesaria a nosa presenza en actos deste tipo. Non cabe dúbida que a forza que transmitimos neles nos serve para continuarmos batallando día a día no labor que todo galego concienciado coa lingua do seu País debe facer. Así mesmo, tamén nos serve para eliminarmos os tópicos de que os que estamos na batalla da lingua somos sempre os mesmos.

Estes discursos enganadores que tentan distorsionar a realidade non son máis que unha táctica para envelenar o verdadeiro sentido sociolingüístico dunha reivindicación de algo que ninguén nos debería conceder, xa que exercermos os dereitos lingüísticos que temos como pobo con lingua de seu debería ser algo que ninguén a estas alturas discutise.

Porén, a realidade non é así, e moito menos en cernes dunha campaña electoral para as municipais en que os partidos galegófobos prometen seguir o mesmo esquema das eleccións autonómicas e seguir vendendo unha suposta liberdade lingüística que o que fai non é outra cousa que coutar a cerna das linguas minorizadas do Estado español.

Esta estratexia, que xurdiu, entre outras entidades, da FAES, fundación presidida polo ex-mandatario español José María Aznar, está sendo desenvolvida en lugares clave, e nomeadamente onde os gobernos autonómicos están en poder do Partido Popular, como é o caso de Galiza.

O seu próximo obxectivo é a derrogación das Leis de Normalización Lingüística das comunidades con lingua de seu. O candidato á alcaldía da Coruña polo Partido Popular, Carlos Negreira, xa expuxo firme e claramente a súa intención de mudar aspectos substanciais da Lei de toponimia de Galiza. Na mesma liña ideolóxica, o goberno do señor Núñez Feixóo na Galiza, nos dous anos que levamos de lexislatura, atacou cruamente o galego cunha saña que non ten máis explicación que a de facela desde a alienación e en contra do pobo que depositou o voto ao seu favor.

Neste sentido, unha vez máis, debemos tentar parar as falsidades que se espallan deliberadamente desde certos sectores profundamente anti-galeguistas e actuarmos coa firmeza e a cautela necesarias para que tanto o 30 de abril como o 17 e o 22 de maio sexan datas onde tratemos de evitar que acaben por pecharnos o galego nas Administracións locais, que é cara a onde camiñan as directrices da FAES e dos sectores máis reaccionarios de partidos políticos que todos coñecemos.

Tendo isto en conta, todos os que lle queremos ben a este País non fiquemos na casa e acudamos a defender o que é a forza do noso existir nas tres datas cruciais que temos por diante, porque como dicía o poeta nacional "o idioma é a chave coa que abrimos o mundo".