O fútbol é así


O pasado seis de novembro, acompañando a alumnado de Bacharelato do IES Concepción Arenal, asistimos no Teatro Xofre de Ferrol á representación teatral O fútbol é así. A actividade, programada dentro do ciclo Teatro con G pola Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística e o Concello, estaba destinada aos Centros escolares da comarca (segundo ciclo de ESO e Bacharelato). Esta nova produción da compañía Obras Públicas, escrita e dirixida por Xosé Prieto, protagonízana unicamente os actores Leandro Lamas e Mos. Chama a atención, primeiramente, que un elenco tan reducido de actores, desenvolvan sucesivamente, con grande habelencia por certo, un conxunto de papeis que xiran en torno aos afeccionados, aos xogadores e aos comentaristas ou xornalistas deportivos.

Poderíase dicir que a obra encaixa perfectamente dentro do que ultimamente cabe denominar proposta da austeridade ou minimalismo. En calquera caso, é unha boa mostra de que se poden realizar excelentes montaxes teatrais sen grandes escenarios realistas nin malgasto de recursos escenográficos. Abonda cun texto interesante, un pouco de xenio, a asunción do personaxe e dos seus acenos fundamentais, algo de música ben seleccionada…; o demais xa o provoca a suxestión e xa o completa o espectador. Nesta obra, as escenas sucédense diante ou detrás (onde tamén mudan de vestiario os actores) dunha barra ou mostrador de non máis de tres metros cadrados, cun banco anexo e algunha lenda, insignificante para o caso. O vestiario tamén é elemental, aínda que non irrelevante. Alternan a camiseta e o calzón con cores da selección coas gabardinas dos reporteiros.

Precisamente, o crítico que comenta o paso da obra pola cidade de Pontevedra (Pazo da Cultura, 16/11/2012), párase a salientar esta particularidade da representación: “Con su anterior trabajo, “Life is a paripé”, Obras Públicas fue finalista de los prestigiosos premios Max y con su nueva obra “O fútbol é así” han demostrado que una buena historia funciona sin necesidad de grandes escenografías”. Unha mímica moi esmerada e ben acompasada aos ritmos musicais, seleccionados acertadamente, completan o espectáculo.

O fútbol é así é unha recreación burlesca de toda a teatralidade que rodea o espectáculo futbolístico, ao tempo que é unha ridiculización dalgúns dos defectos dunha sociedade que se deixa arrastrar de xeito gregario, infantil e irracional. O desenvolvemento escénico da obra vainos poñendo diante de situacións que, sen deixar de ser tópicas, resultan de grande efectividade dramática en liñas xerais, á hora de situar as funcionalidades e os engados do fenómeno futbolístico. Así, dous enfebrecidos amantes do fútbol, son caricaturizados pola desaforada paixón que manifestan o día que xoga a selección, chegando mesmo a exteriorizárense afectos entre homes e achegamentos desinhibidos, que non se producen en circunstancias normais. Alén disto, non fai falta reparar moito para albiscarmos que o fútbol está cheo de acenos propios das relacións sexuais, sobre todo desde unha óptica da ostentación machista. A mestura de desafogo “afectivo” e puerilidade, compleméntase coa violencia xestual e verbal: “vese que é marica, que non hai collóns”, “había que matalo”, “que non sente as cores da selección”... Para estes afeccionados, asemade, o fútbol é case unha relixión ou unha válvula de escape á presión de problemas persoais, familiares e sociais.

A retransmisión da final a dúo, e con fondo musical, pon en solfa a trivialidade da linguaxe estereotipada do xornalismo deportivo, cunha verborrea, raiante no ridículo, tal e como se recolle no vídeo promocional da compañía: “Hai un campo, moita herba, hai un arbitro, xogadores e un balón...” “Alá vai o balón” (bis), “Vese que é redondo, por iso non para, móvese en todas as direccións...”

Non podía faltar, nun momento posterior da obra, a estrela, a figura futbolística recoñecida mundialmente. O personaxe é Ramón “o heroe da selección”, ateigado de narcisismo e adulado por todos os afeccionados. No contrapunto, xorde o antiheroe, Vicente, que encarna o drama, case hamletiano, do eterno suplente. É precisamente nesta parte e cara ao final cando a representación perde folgo e carga crítica, en vez de conducir os espectadores a momentos climáticos álxidos. A parodia e a sátira non entran a saco, mellor dito, case nin amosan, a turbulenta e inevitábel relación entre fútbol e política. É como se houbese medo a “lixarse” nun terreo embarrado que podería supoñer atrancos e censuras á hora de conseguir levar a cabo o programa de representacións. Esta autocensura mesmo é perceptíbel cando Obras Públicas, no seu blog (http://ofutboleasi.blogspot.com/) describe o espectáculo como sesenta minutos de música e teatro con xornalistas, afección e xogadores: “unha historia baseada en feitos inventados que ben puideron ter ocorrido na fase final dun mundial no que xogaba unha selección vestida de vermello”.

Efectivamente, trátase da “roja”. Mais non existiu por parte do autor da obra a máis mínima intención de censurar a utilización das xestas da selección como mascarón de proa dun patrioteirismo español. Seguramente, con algún cadro ao respecto, a obra gañaría en contundencia e efectividade artística. Toda a descarada instrumentalización en favor da idea dunha España “grande y libre” que rodea os eventos da selección, se prestaría a un fenomenal espectáculo teatral: os berros “¡Yo soy español, español, español!” dos ultras afeccionados á bandeiriña “roja y gualda”, as pantallas colocadas polos Concellos en prazas públicas, malgastando diñeiro público, o paseo triunfal da copa,... E aínda ficarían na recámara moitas outras situacións dramáticas con posibilidades de recreación. Adestradores histriónicos, presidentes “afogados polas débedas”, adolescentes que comentan a actualidade deportiva como auténticos papagaios ... O fútbol serve mesmo para atenuar os efectos da crise ou para solapala. Lembremos como, “ por pura casualidade”, o rescate a España se anunciou coincidindo cun partido importante da selección. Unha cousa compensa a outra!

Mentres tanto, os amantes do deporte galego, que cren na posibilidade e necesidade dunhas seleccións propias que compitan internacionalmente, teñen que agardar tempos mellores ou conformarse con actos simbólicos. E, aínda que sexa simbolicamente, cómpre saber que Siareir@s galeg@s prepara un encontro internacional entre a selección galega e a de Kurdistán, que terá lugar, salvo imprevisto de última hora, o 29 de decembro en Pontevedra.