O ensino que convén á mocidade galega. As ideas pedagóxicas do Padre Sarmiento

O ensino que convén á mocidade galega. As ideas pedagóxicas do Padre Sarmiento

O Padre Sarmiento tiña unha grande preocupación polo ensino en xeral e en particular polo que recibía a mocidade galega. É ben notorio, sobre todo na última etapa da súa vida, cando chega mesmo a escribir a obriña La educación de la juventud (1768). Mais tamén é unha das teimas constantes das páxinas do Onomástico etimológico de la lengua gallega, escrito entre 1757 e 1769 e considerado por Carvalho Calero "notabilísimo ensaio". Loxicamente, e situándonos nas coordenadas do momento, a preocupación do erudito era que se obrigase a estudar o latín aos nenos galegos por medio do español e non da lingua propia, coa que resultaría máis doado. Proponse tamén espertar os galegos do seu letargo e que non abandonen a súa lingua, que considera de tanta categoría como o español ou o portugués. De igual xeito que reclama o uso do galego para os mestres de latinidade, tamén llo esixe a funcionarios e a avogados que exerzan en Galiza.

A práctica totalidade da súa obra está escrita en español e non aparece publicada en vida súa. Carecía duns destinatarios que puidesen acoller de xeito comprensivo as súas reivindicacións nun idioma xa excluído dos usos documentais e escritos. Aínda así afirma de modo categórico: "yo sólo escribo para Galicia y para sus naturales". É sintomático que estas reivindicacións se expresen xusto cando comeza a manifestarse con máis virulencia o centralismo borbónico. O seu amor a Galiza é incuestionábel e ollámolo facendo xenerosos intentos por recuperar unha lingua cada vez máis desprestixiada e marxinada. Non podemos consideralo un transgresor, mais si un adiantado para o século en que viviu. Ideoloxicamente é unha mestura de conservadorismo e espírito innovador. Conservadorismo propio do home de hábito (orde beneditina), que non somete a discusión en ningún momento os dogmas relixiosos estabelecidos. Mesmo por boca súa se reproducen moitos dos estereotipos xenófobos sobre os xudeus ou os mouros típicos da España imperial. Sen cuestionar en todo momento as dominacións imperialistas, porén, en ocasións, maniféstase con rotundidade contra as empresas bélicas que teñen por obxecto roubar as nacións, matar inocentes e espoliar as riquezas dos pobos.

No caso galego, é quen de censurar a xenofobia que se exerce en España contra os galegos, obxecto de burla e escarnio, e pon en tea de xuízo o autoodio existente (os que falan como papagaios). De acordo coa terminoloxía ao uso no momento, alude con naturalidade a Galiza como unha nación que ten no seu seo países diferenciados e ao Reino de Galiza, salientando varios trazos que nos caracterizan como feito diferencial. Como calquera bo humanista, sitúase ao lado dos oprimidos e denuncia a emigración galega a Castela en termos ben radicais como pode percibirse no seguinte fragmento:

"Comenzaron a salir a Castilla con el fin de cavar y segar las viñas y mieses ajenas. Sabe todo el mundo cuanto trabajo y sudor les cuesta el volver a su país con cuatro reales morroñosos. Y esto cuando los mismo que se los pagaron u otros no les salen al camino a hustárselos, matándolos a traición, o cuando no vuelven por muerte natural ocasionada de sus fatigas, o cuando vuelven estropeados y cargados de tercianas".

Seguramente -aínda que naceu no Bierzo e residiu boa parte da súa vida en Madrid- significou moito a súa infancia en Pontevedra até os 15 anos, igual que as viaxes por Galiza de 1745 e de 1754, feitas con grande devoción polo que o arrodeaba. O galego, o seu idioma habitual na infancia, adquiriuno nesa idade determinante da vida. A súa admiración por unha natureza tan rica e diversa e unha grande capacidade de observación, levárono a facer descubertas transcendentais e a sentir a necesidade de que se desen a coñecer sobre todo entre os propios galegos. Era, pois, un home de mil proxectos; mágoa que moitos non chegasen a materializarse.

Aínda despois de douscentos cincuenta anos resultan sorprendentes as súas ideas pedagóxicas, non tanto en canto aos contidos do que había que ensinar (que tamén), senón en canto aos modos e aos procedementos. En primeiro lugar, porque non concibe un ensino proveitoso e útil para a mocidade que non tome como referencia a viva realidade do entorno máis próximo e a lingua propia. En segundo lugar, porque considera fundamental neste eido non a asimilación de contidos en cantidade senón a actitude e a motivación como vía de aprendizaxe. Deste xeito, xulga que a violencia e a imposición son tiranía e crueldade que non conducen máis que ao retraemento e á deserción. A habilidade do ensinante debe dirixirse a espertar o interese do alumnado por saber, facéndoo con cariño e con agrado. O autoritarismo é un abuso, ademais de ser completamente inútil o ensino forzado e memorístico. Non lle doen prendas á hora de cualificar de "idiotas" aos que usan tales prácticas coa xuventude, asegurando que lles quitaría os libros e os enviaría a destripar terróns. Apela a argumentos de experiencia persoal do seguinte tipo, que moitos de nós seguramente podemos compartir a partir do vivido:

"No escribo como quien enseña, sino como quien se queja de que no le hubiesen enseñado como quisiera que hoy le enseñasen, si ya estuviese en disposición para ello. Arrepentido de lo que no sé, o no pude saber, escribo para que otros no lleguen al tiempo de arrepentirse, ya en vano, pudiendo prevenirse a los principios."

Fica claro, deste xeito, que non é o que ou o canto, senón o como se imparte o ensino. O criterio pedagóxico clave é conquistarmos nos alumnos a súa vontade e a súa afección por saber. E para saber moito -chega a dicir- pouco se necesita estudar de memoria e menos nos primeiros anos dos nenos. Non para de insistir o noso ilustrado en escorrentar eses procedementos que atormentan, ofuscan e trastornan a formación da mocidade. Para el o único exercicio de memoria san consiste en manter abertos os "sentidos exteriores", en aprender cousas materiais e concretas, que se sinalan co dedo, que se palpan e, en definitiva, que se poden experimentar. Polo demais, débese aprender só o que se entende e por medio dunha linguaxe sinxela; móstrase pouco partidario de aprender só dos libros. Cunha dose de paciencia por parte do docente e a curiosidade que caracteriza os nenos vai medio camiño andado. Do que se trata, pois, é de que o ensino non sexa tarefa tortuosa para ambas as partes, cumpríndose, daquela, a máxima de que se asumen mellor as cousas que se estudan con gusto e compracencia e mellor aínda se é por iniciativa propia.

Non se nos pode ocultar, lendo a Sarmiento, a virtualidade dun ensino partindo da realidade galega e da lingua propia. Acreditaba e moito na extensión e na fondura das potencialidades galegas, que aínda hoxe seguen sen ser exploradas debidamente. Neste sentido, a súa concepción do ensino instálase nunha visión pragmática e mesmo materialista, primando as realidades concretas sobre as abstraccións e as vaguidades. O obxectivo prioritario é o estudo das ciencias físicas e naturais no idioma propio.

Outro trazo relevante é a estima pola perspectiva historicista, que había de aplicarse tanto ás ciencias como á lingua. O seu criterio en materia de investigación etimolóxica (agás pequenas innovacións e tecnicismos), non foi aínda hoxe superado. Acreditaba firmemente na idea de que non coñecemos plenamente o significado e a verdade de algo se non sabemos a súa orixe e a súa historia. O mesmo se pode aplicar á historia dos pobos cando non se coñece debidamente como no noso caso.

En fin, só desde un talante fondamente humanista se pode ter unha concepción tan avanzada e respectuosa cara á infancia. A respecto das preguntas dos nenos -para moitos molestas e desconcertantes-, el asegura que teñen dereito a que se lles responda sempre e do mellor xeito posíbel. Mesmo ten por bo sinal que fagan preguntas, porque é unha mostra de que desexan saber. Temos que reparar que nacen da espontaneidade, do entendemento espido de toda impostura, da estreita mira dos hábitos establecidos ou dos saberes librescos.

Hoxe, nos tempos das novas tecnoloxías, dos Centros plurilingües, co babeco abraio polas pantallas (nin que non existira unha adicción enfermiza a elas) e polos idiomas estranxeiros en detrimento do noso, cobran máis actualidade estas ideas pedagóxicas. O ensino non toma como referencia o entorno nin a lingua propia. As programacións priman a cantidade e son maratonianas. A materia de Relixión ocupa espazo mesmo no Bacharelato. Os libros de texto son ferramentas tortuosas. Os contidos son reiterativos e monótonos; moitas veces nin se adaptan ás idades. O ensino memorístico non foi aínda desterrado... Todo un panorama que invita ao fracaso. Unido a un máis que previsíbel empeoramento das condicións materiais do ensino público e de interesado desprestixio da imaxe pública dos docentes.