O Courel das emocións coa voz de Novoneira no camiño

O Courel das emocións coa voz de Novoneira no camiño


Sempre é un alivio voltar ao Courel, sobre todo cando necesitamos respirar do abafo das miserias humanas, tan intensas e imperiosas hoxe. O noso agro, na agonía programada, berra aínda coa súa beleza única, e chámanos con voz desesperada. As nosas cidades arden no caos e na desesperanza, como un mar revoltado polas voces insensíbeis da corrupción e a vaidade. Así que, coa mirada acesa, para aló nos fomos, na procura desa aínda resistencia humana, pousona no sinxelo, na marabilla de sentir a grandeza da humilde flor silvestre ou a revolución da montaña pura. Co caxato para o camiño e Os Eidos do tan sentido e sempre presente Novoneira, amigo que vexo cada día e admiro con devoción: No bicarelo do bico do brelo/ canta o paxariño./ No mesmiño bicarelo do bico do brelo. Pode haber algo máis sensíbel e perfecto?

Busquei o bicarelo do bico do brelo, e vino, sentino no canto dun encendido merlo, aló polas fragas inmensas e profundas da Aldea do Mazo, resurxida no abraio dunha boa recuperación das casas que xa a broza envolvía en irreversíbel pardiñeiro. Vinas un día que ía de andada e quedei prendado, con esa lapa de misto que se acende no corazón cando nos colle o encanto. E corrín agora na compaña de Lourenzo, amigo que suspiraba por coñecer estas terras gardadas no máis íntimo do seu anceio. Produciuse a marabilla ao gozar a Aldea, a súa beleza, a súa integración na aba da montaña sagrada que baixa desde perto da aldea de Meiraos e linda, polo oeste, co río Pequeno, cantarín e salvaxe, agocho das xoias de muíños, mazos e cabanas onde as portas, esquecidas e xa esboroadas, conservan os gravados dos labregos que, no descanso do seu labor, debuxaban en arados e outras figuras que o mesmo Picasso envexaría.

A obra da Aldea foi ben acertada, pois, e había que coñecer, sentir tamén os seus, as súas artífices, que no caso, resultaron ser un home de esmerada atención e que nomeo familarmente, o Suso, pois así sóame a conto, a historia linda, e a súa compañeira, a Mari Luz, mestres, aquel, da rehabilitación, e esta da outra obra magna necesaría para completar o camiño do ou da viaxeira curiosos: a gastronomía. Cando chegamos o primeiro día, ao deixar o coche para contemplar o conxunto da Aldea e o enorme souto onde se agacha, sentimos un gorentoso cheiro a año; año asado no forno de leña onde se coce o pan, que ao pouco, catamos no fermoso comedor mirando para o souto mesto que subía apurado desde a outra banda do río Pequeno. E xa desde o salón de grande vidreira dunha das casas restauradas, líalle a Lourenzo: Ei vein os cordeiros fiar os cordallos!/Acabáronse os traballos./ Viñeron as neves. Veo a chuvia e o vento/pra quen non pode estar dentro.

Admírame sentir a beleza dunha obra feita con amor e mesmo a pesar das dificultades. Calquera proxecto as leva. Pero cando se pon corazón e sacrificio e serve para construír alegrías e satisfaccións de moita xente, a obra faise redonda, magna. Máis, agora, nesta Galiza fermosa e desprezada que se nos esvaece, e no seu corazón máis puro que simboliza O Courel, desprezado tamén e abandonado polos distintos gobernos autonómicos, sen excepción. Quero cantar isto que digo nas persoas antes nomeadas, pois é xusto e necesario dar o bico, estender a man, loar o traballo feito, pois polo menos, axudamos así a que os artífices sintan recoñecida a satisfacción do acerto. Aquí, ademais, por construír infraestruturas tan necesarias deste paraíso que dalgún xeito segue a ser o cabo do mundo. Así o podemos vivir e sentir co orgullo de saber que viaxeiros e viaxeiras de calquera lugar e nación poden contar con tales servizos.

O Courel de Savane, como así lle chamou a Seoane unha muller coa que falamos, abrangue a Aldea do Mazo. Este inmenso eido do castro de Brío, ou do monte Cido, vixías sagrados de toda a contorna (Hein d´ir a Cido i a Castro de Brío/ baixar i andar pola ourela do río), ou o misterioso e máxico souto de Mercurín, que forma o Val das Mouras, onde as penas, covas, troncos de castiñeiros e outras árbores confunden as súa formas pola caricia do mofo almofadado que todo cobre e embelece. Misterio, si, que axiña que un se mete nesas sombras e penumbras verdes, sente como unha man acariciadora, acaso a de Mercurio, o deus romano, patrón dos viaxeiros e camiñantes sensíbeis. Ou as ruínas destacadas do castelo de Carbedo, con esa potente torre redonda aberta aos perfis de montañas que van cara á devesa da Rogueira, nas que a fantasía popular ou a historia puxo o neno que foi o rei galego Afonso II, ou a dona Ildara cantada tamén por Novoneira: VENTANA de Doña Ildara/ prá banda da tara!/ Castelo de Carbedo/ sólo pra tarde no bico do penedo!

Riquísimas emocións vividas outra vez nesta viaxe de respiro, na compaña e contacto coa calor humana e amorosa e a paisaxe profunda que nos dá o ser galego. País desta filosofía nosa, fundamento de quen aínda pode sentir que goza e defende o humilde e sinxelo por ser tan grande. Lección para os corruptos e soberbos, vaidosos, aos que lle dedico esta voz poética e sabia do bardo Novoneira:

Courel dos tesos cumes que ollan de lonxe!
Eiquí síntese ben o pouco que é un home.

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.