O conxunto arqueolóxico da Domus do Mitreo

O conxunto arqueolóxico da Domus do Mitreo

O pasado 16 de xullo as autoridades inauguraron o extraordinario conxunto arqueolóxico da “Domus do Mitreo”, recuperado nas escavacións iniciadas o 24 de abril de 2000 para a construción dun edificio anexo ao do vicerrectorado do Campus Universitario de Lugo, destinado a un salón de actos ou Casa do Saber.

A singularidade deste xacemento está en que foi posible seguir a historia do solar nos seus dous mil anos de existencia, desde a construción da primeira casa nos últimos anos do século I a. C., ata a ampliación que debeu de facer o centurión da Legio VII Geminae, Caius Victorius Victorinus, recadador de tributos imperiais, que levantou na parte máis alta do solar un templo dedicado ao deus Mitra, unha divinidade oriental que o cristianismo asimilou con Xesucristo, o terceiro que aparece na península Ibérica e un dos máis occidentais, a súa destrución en parte debido á construción da muralla cara ao 270 d. de C, e posterior destrución do Mitreo unha vez oficializado o cristianismo como relixión oficial do Imperio. É tamén moi interesante ver a cimentación da muralla e o revoque do paramento interior con morteiro de cal.

A potencia arqueolóxica do xacemento, uns oito metros, permitiu recuperar varias estancias da casa, algunhas con vistosas pinturas, varios miles de pezas, non só de época romana, senón tamén da Idade Media, Moderna e Contemporánea, desde fragmentos de vidro, cerámica de diversos tipos, obxectos de óso, mármore e bronce, conchas de ostras, moedas, os ósos de diversos animais, entre os que se atopa pola súa rareza nestas latitudes, dous dromedarios destinados a transporte, un dos cales morreu de enfermidade na casa.

Colaboración entre administracións


Desde un primeiro momento tanto a Universidade como a Xunta e o Concello, conscientes da importancia do descubrimento, no ano 2006 asinaron un convenio de colaboración entre as tres administracións para reformar o primitivo proxecto da construción, que houbo que adecuar á nova situación, para conseguir a axeitada musealización do atopado.

É certo que en Lugo, non sabemos por que, é todo moi lento, e o que estaba previsto inaugurar no verán do ano 2009, abriuse con dous anos de atraso, trece anos despois do inicio das escavacións. Pero o máis rechamante é que durante o mes de xullo abriuse todos os días de luns a venres pola mañá, no de agosto só os sábados e domingos, e en setembro volveuse ao horario de xullo, grazas á desinteresada colaboración do arqueólogo que dirixiu as escavacións Celso Rodríguez Cao que atende aos visitantes cunha explicación asequible e rigorosa.

Nestes dous meses foron varios centos os visitantes que puideron admirar o conxunto, aínda que antes de se facer as obras de musealización xa o viron especialistas de varias universidades españolas e estranxeiras atraídos polas noticias que se ían coñecendo, así como grupos de lucenses interesados pola historia da súa cidade.

Paralelamente varios equipos de investigadores de diferentes universidades comezaron a catalogación e o estudo dos materiais atopados, de cuxos resultados se deu a coñecer un avance na publicación “A Domus do Mitreo” (2011), na que participaron Raquel Casal García, Fernando Acuña Castroviejo, Celso Rodríguez Cao, Jaime Alvar Ezquerra, Santiago Ferrer Sierra, Manuel Xusto Rodríguez, Enrique José Alcorta Irastorza, Carmelo Fernández Ibáñez, Luís Cordeiro Maañón, Soraya Paz Rodríguez, Alicia Colmenero Fernández e o autor deste artigo.

Pola súa banda a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, editou un folleto de divulgación en versións en galego, español e inglés, pouco manexable polo seu tamaño, que contén algúns erros que é de esperar que se corrixan en futuras edicións, e que se puxo á venda a 3 euros moito antes de que se abrise ao público a musealización.

,Pechado por falta de persoal

No 2010 montouse unha pequena exposición que espertou tamén gran interese entre os lucenses como un anticipo do que sería a futura musealización, cuxo proxecto museográfico fora sacado a concurso pola Consellería de Cultura e Deporte o 21 de setembro de 2007. Dada a entidade dos materiais, tanto en número como diversidade, sería conveniente que se ampliase a exposición no propio xacemento, o mesmo que a información que se ofrece nas pantallas manuais. É posible que a Universidade monte unha exposición permanente na que se faga unha historia do solar a través de restos de diversas épocas, que poden ser desde cerámicas romanas, ata fragmentos de pezas esculturadas desbotadas no obradoiro da catedral románica, sepulturas medievais, moedas desde o século I ata Franco, ou café que foi enterrado na época do estraperlo.

Pero pasado este mes pechásese ao público porque non se formalizou o convenio entre a Universidade e o Concello para atender a súa regular apertura. Son destas cousas estrañas que ocorren non se sabe moi ben a razón, porque o persoal para atender a instalación xa se sabía que era necesario, e aínda que estamos en época de penuria económica habería que ter previsto o diñeiro para atender esta demanda.

De todos os xeitos congratularse deste novo nicho cultural que recomendo que visiten os lectores curiosos e con ganas de coñecer o noso pasado.