O artista existe porque o mundo non é perfecto

O artista existe porque o mundo non é perfecto

Aínda hai xente que se escandaliza diante dun cadro e queren pór cancelas á creatividade do artista, chamando provocación á mensaxe. A polémica sobre a exposición Casus belli. Refutación do contexto, ven a dicir que a arte segue sendo un campo de excepcionalidade, que non hai normalidade plena entre arte e vida cotiá.

Non estaba na miña mente, nas colaboracións para este portal, facer crítica de arte ou comentarios sobre exposicións concretas. Pero a visita á exposición Casus belli. Refutación do contexto, que neste abril abriu no Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela, levoume a pensar na recepción da obra de arte pola sociedade, é dicir, cando a arte se pon en contacto coa cidadanía. Pensando en que este podería ser o tema para a miña colaboración de abril, xurde a polémica cunha das obras expostas: O Cristo das Rías Baixas, do pontevedrés Manuel Moldes.

A polémica xa nos di claramente que a recepción da obra de arte vai máis alá das pretensións ou apreciacións que poderiamos denominar como puramente estéticas, pois entran en xogo outros xuízos e valores que nada teñen que ver coa estética e si coa ideoloxía e forma de ver e entender o mundo. A obra de arte aínda se xulga por valores morais ou doutro tipo e non só por cuestións que puidésemos relacionar coa apreciación estética, tamén por cuestións culturais, pois a mirada constrúese nun contexto cultural determinado.

O cadro da polémica, que representa un crucificado nu e boca abaixo, ten escandalizado algúns sectores da sociedade e dándolle unha publicidade ao artista que, teño as miñas dúbidas, quixera así exactamente. Seguro que algúns destes que se sentiron feridos, ou cualificaron a exposición de ferir sensibilidades, non visitaron a exposición, tan só aproveitan o feito para xerar polémica e mostrar a súa ideoloxía trentina contra todo aquilo que sae do "normal", do que eles entenden por normal e entenden que ten que ser normal tamén para os demais, porque os valores "normais" son os que transmitiron selectivamente unha elite dominante sobre unha sociedade inxusta, e aquí pesa moito o herdado da dictadura.

Aínda que o que quer transmitir o artista con este cadro non teña importancia á hora de levantar a polémica, quero dicir que obras como esta conforman ou definen o que entendemos por cultura galega hoxe, unha obra que pretende transmitir unha mensaxe con formas do seu tempo e elementos culturais do seu contexto local.

Podemos partir da idea de que a experiencia estética non é algo totalmente independente, senón que está relacionada coas interpretacións cognitivas e co contexto social. Dise que a obra non está rematada até que chega ao público, onde o goce da mesma é entendido como interpretación. Pero temos que entender tamén que o pracer polo inmediato ten levado a intentos de disolver todo pensamento crítico na arte.
As tan traídas e levadas vangardas non lograron vincular totalmente a experiencia estética, perdida a aura da obra de arte, coa práctica cotiá, polo que o método de apropiación non sempre funciona e, moitas veces, non se entende o carácter da obra, permanecendo ese contexto enigmático da mesma, polo tanto distante e incomprensible, mantendo esa fenda entre arte e sociedade.

Hai artistas que pretenden que o espectador teña un shock diante da obra. Pero podemos pensar que esas intencións moitas veces reforzan as actitudes acríticas, de rexeitamento. Os intentos de recepción moitas veces non van máis alá de orquestradas actuacións mediáticas, de simples chamadas de atención. Moitas das preguntas que pode xerar unha obra teñen poucas respostas e a suposta intencionalidade social queda no aire, esquecendo que o que fai a unha obra interesante é a súa capacidade de comprensión e de emocionar. Pero si, moitas veces a obra de arte choca cun contexto ideolóxico oposto que imposibilita calquera crítica pousada e chama blasfemia a todo aquilo que non entra no seu cinismo puritano, mais isto pasa aquí, pasa en Francia ou nos Emiratos Árabes, como vimos esta semana na prensa.

Podemos preguntarnos se a obra de arte ten un maior valor artístico cando moralmente é correcta? É o Cristo das Rías Baixas unha obra defectuosa ou é a sociedade a que ten defectos?

Mais cando pensaba nesta colaboración non pensaba ir exactamente por este camiño. Entrei na exposición e o Cristo non foi a obra que máis me chamou a atención, como tampouco outra polémica de Simón Pacheco, que parece dialogar coa primeira desde a parede que está en fronte. A min o primeiro que realmente me chamou a atención foi a intervención de Jorge Barbi, unha obra da que non quedaba documentación nos arquivos e que fora exposta nunha exposición de Atlántica en Baiona xa na década dos pasados oitenta. Esta obra levoume de súpeto a miña infancia, ao remate dos veráns cando a seca se estende sobre os campos, entón tíñamos que ir ao monte cos ensiños a xuntar ghasto, que é como na miña zona lle chaman, habería que dicir xa chamaban, á folla de piñeiro. Nese tempo seco aproveitábase para traer para a casa carros ou feixes de ghasto para, no inverno, poder acender mellor o lume, cando acender o lume era o primeiro que había que facer nunha casa labrega, unha casa que non tiña lume aceso era unha casa que non tiña vida.

Non sinto morriña por eses tempos, pero forman parte da miña memoria. E isto lévame a preguntar se nestes momentos de desterritorialización, destrución e abandono do rural, poden os artistas chamar a atención sobre o mesmo. Se pode a arte aportar testemuño do proceso de desmemorización, sendo un posible lugar onde ancorar as nosas identidades. Pero moito me temo que iso ten que ir acompañado dun coñecemento máis profundo desa realidade, dese sistema cultural agora en aniquilamento.

Pensamos que a arte pode contribuír ao exercicio da cidadanía, que pode sinalar estereotipos que están na sociedade, criticar certos estereotipos sociais, denunciar feitos, axudar a crear imaxes que axuden na construción dunha cosmovisión. Poño un par de exemplos: a americana, de orixe vitnamita, Dinh Q. Le, denuncia as campañas turísticas do Vietnam para atraer americanos con bonitas fotos das praias de My Lay, sen ningunha referencia ás matanzas que nesta aldea fixeron as tropas americanas en 1968; o palestino Ashraf Fawakhrys pinta burros e máis burros porque quer falar aos seus compatriotas de que hai que ser obstinados e pacientes.

Os debates sobre a recepción da obra de arte son tamén debates sobre o sistema artístico e sobre a sociedade mesma. A arte é un acto reflexivo, pero para reflexionar sobre nós mesmos. Quen dixo isto acertou.