Na defensa de Aristóteles (e III): Belén Castellanos ou a filosofía por outros medios

Na defensa de Aristóteles (e III): Belén Castellanos ou a filosofía por outros medios

A desaparición da filosofía do ensino é un síntoma. O problema é a disolución da filosofía en si. Non é que tiveramos garantía de que ao estar no currículo iso que se daba nese horario fora filosofía. Pero si era unha oportunidade para que o fose. E, xa que logo, é unha mágoa a súa extinción na Galiza (non así noutros territorios do Estado onde se mantén como obrigatoria en 2º de Bacharelato). Mais o preocupante é a morte da filosofía como tal e que se vén predicando desde hai décadas. Quizais Auschwitz foi a escusa perfecta para certificar a súa defunción e a manipulación da frase de Adorno sobre que logo disto non tiña sentido facer poemas, foi o seu epitafio. Mais o propio Adorno, antes de domesticarse, foi quen de pensar na obra “A dialéctica da ilustración”, xunto con Horkheimer, sobre o sentido do que estaba a acontecer nos campos de exterminio.

É máis cómodo, mesmo conveniente, para Occidente deixar de pensar. E que mellor escusa que Auschwitz. E porque o xenocidio do continente americano no século XVI non provocou ese sobresalto?. A filosofía seguiu existindo como se non acontecera nada. E mesmo no Estado executor teríase desenvolto o pensamento de costas ao que estaban a facer na práctica senón chega a ser polo escolasticismo serodio da Escola de Salamanca.

Que tería acontecido senón pesase Aristóteles -a través da súa transformación tomista- na formación dos Dominicos, dun Antonio de Montesinos ou en Bartolomé de las Casas, en Francisco de Vitoria ou Francisco Suárez. É imaxinábel a súa existencia intelectual se o cartesianismo tivese varrido totalmente ao aristotelismo para colocar no seu lugar ao suxeito burgués abstracto e a súa subxectividade cazadora? Non digo que o mantemento do aristotelismo tería impedido a aniquilación dos indios senón que a carga desta tradición facía máis difícil xustificala.

Richard Rorty, un dos representantes máis significados da antifilosofía, tennos falado de que é unha cuestión de humildade, de recoñecer que este non é máis que un saber como outro calquera, e como tal non ten inconveniente en que se manteña o que el chama a conversación de occidente dentro dos límites da renuncia a tratar de aspirar á totalidade. Aspiración que moitos asocian co totalitarismo do que debemos fuxir e dos seus representantes encarnados nos xemelgos perversos que nos debuxan co tándem Hitler-Stalin e co que meten medo a quen se atreva a saírse do pensamento único. En definitiva, Occidente fala sola, é ben falada, e fala por todos pero non escoita nin recoñece o que non sexa o occidente. Do que se trata con esta renuncia á totalidade é, en resume, dar por suposto que a especie humana é o home euroamericano, e ao mesmo tempo non ter a obriga de xustificar isto. Demolido totalmente o dereito natural tomista, simplemente Occidente, e concretamente, quen manda en Occidente, se reserva para si o “xusto título” -en terminoloxía de Francisco de Vitoria- de decidir quen ten dereito a dereitos humanos e quen non.

Non quere isto dicir que se cauterice a empatía cos que sofren no mundo. Ao contrario, mesmo se explota, comeza a desenvolverse unha sensibilidade especial cara eles e mesmo cara outras especies diferentes da humana que tamén son seres sentintes. Mais do mesmo xeito que un sendo un acérrimo defensor dos cans e perseguir a quen os maltrata non se lle ocorrería pedir o seu dereito ao voto, tampouco conciben que os pobre se organicen nun partido de clase que os levase a emanciparse ou que as nacións ocupadas e intervidas se liberen do dominio estranxeiro, senón, ao contrario, se presenta a caridade como o mellor xeito de manter o status quo e se denuncia o maltrato como un risco de xerar un malestar que conduza a unha reacción popular que rache o sometemento.

Por certo, seguramente o dereito natural tomista non só era un dereito humano, era un dereito de toda a natureza, de todas as especies, e levado as súas últimas consecuencias sería quen de servir de base contra o especismo de xeito máis contundente que o baleiro posmoderno no que nos movemos. Claro que habería que revisar as xerarquías e a imputación á natureza de intereses sociais como forma de lexitimación que sosteña relacións de dominio que así se escaparían da responsabilidade da praxe humana.

Quizais todo o sostido aquí sexan simplificacións. Son cousas dos tempos que nos tocou vivir. E certo que este formato de consumo breve e rápido é un terreo complicado para facer filosofía. Mais non creo que se deba dimitir de intentalo. A ausencia da filosofía das aulas non é máis que unha batalla perdida, mais segue a haber quen continúa a dar guerra. Non debe confundirnos o feito de que os filósofos oficiais, “filósofos de garda”, que adoitan ser sacados en procesión cando toca, sexan o argumento máis categórico a prol da fin da filosofía. Hai no océano das redes sociais de abondo onde topar os contraexemplos necesarios para demostrar o contrario. Este é o caso de Belén Castellanos.

,Logo de coller unhas vacacións do facebook volve cos seus pensamentos aforísticos, breves, mais profundos e racionais, iso si, non disociados da festa, do baile, da vida.

Despois da súa retirada por un breve tempo volveu con esta cita de Deleuze: “A filosofía ten unha función que segue sendo perfectamente actual, crear conceptos. Ninguén pode facelo no seu lugar. É certo que a filosofía ha ter sempre rivais (...) Hoxe é a informática, a comunicación, a promoción comercial, quen se apropia das palabras “conceptos” e “creativo”, e estes “conceptores” forman unha raza desvergonzada que expresa o acto de vender como pensamento supremo capitalista, o pensamento da mercancía. A filosofía séntese pequena e soa ante tales potencias, pero si ha de morrer, polo menos será de risa?”.

Na Galiza descubrímola na Semana de Filosofía e seguímola desde entón con interese por saber que independentemente de que esteamos máis ou menos de acordo coas súas conclusións, coincidimos desde a Aula Castelao os que a coñecemos entón que para chegar a elas hai un honesto traballo de análise e estudo, e non hai máis intención que a que desde Aristóteles anima a este saber tan maltratado ultimamente: atopar verdade neste mundo.

O 25 de novembro mentres todo occidente denunciaba a violencia contra as mulleres, ela só deixou dito isto: “Violencia contra a muller é non escoitar a súa palabra, a súa verdade e a súa vivencia do mundo”. Quizais non faría falla poñer unha letra máis para desmontar tanta hipocrisía, e mesmo abonde para referirse a todos os demais excluídos da “conversación de occidente”, ou pode que fose preciso un longo tratado para demostrar isto. O caso é que parece que a batalla das ideas está a librarse neste espazo virtual que cada vez substitúe máis a realidade, e aquí compre atrincheirarse unha vez perdido o campo do ensino, que nunca foi o único ámbito de educación e socialización. Claro que hai que recuperar terreos, mais a filosofía é preciso defendela con todas as armas ao noso alcance porque está en xogo a máxima aspiración que pode ter a existencia: a de tratar de comprendernos uns aos outros.

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén
.