Música Infantil made in Galiza

Música Infantil made in Galiza

A música non é unha simple asociación de sons e palabras, é moito máis que iso, a música transmite sentimentos por quenes a compoñen e provoca emocións a quenes a escoitan.

O sector da música infantil en galego experimentou unha profunda transformación e crecemento nos últimos anos; a proliferación de proxectos musicais destinados ao público infantil é unha constante na música galega.

Despois da pegada iniciada por literatos adicando as súas liñas aos máis novos, continua o traballo emprendido por moitos músicos que entenderon a música infantil como centro de interese para os seus proxectos musicais.

Os nenos forxan a súa personalidade e gostos en base á relación que manteñen co medio que lles rodea e con todos aqueles factores que interveñen na súa aprendizaxe.

A música xoga un papel moi importante na vida dos máis cativos; provoca grandes beneficios no seu desenvolvemento integral á vez que lles aporta unha actividade lúdica e constructiva.

A aprendizaxe da música é moi importante nos nenos, pois conviven con ela desde ben pequenos, os cantos de berce dende a lactancia acompañan o despertar sensorial. A música desperta emocións, favorece a socialización e o desenvolvemento, en definitiva, a música está ligada a nós desde os nosos primeiros días e, actualmente incluso asegúrannos que pode influir durante a xestación.

As primeiras creacións

No ano 1996 foi a primeira vez que un grupo galego cunha ampla experiencia nas actuacións en directo ante público infantil e xuvenil gravaba na nosa lingua coa calidade dun disco para adultos no que se combinaban os ritmos tradicionais cos de máis actualidade.

Canta connosco! da compañía de teatro pontevedresa Migallas é un disco pensado para os nenos .Dende a música tradicional ata o rock pasando polo regaee, o rap, a cumbia, o pasodobre, a canción africana ou a anaina enchoupan de diversidade cada nota do traballo.

Jose Luís Rivas Cruz, Mini xunto ao seu compañeiro de batalla Baldomero Igrexas Dobarrio, Mero teñen un papel fundamental na recollida e difusión da música tradicional posto que coa súa labor garanten a supervivencia da tradición oral galega. Xuntos publicaron, un dos primeiros traballos de recopilación de folklore de nadal no ano 1999 no que coordinaron a recolla dos cantos por parte de diversos colexios galegos e que plasmaron nun disco libro ao que chamaron A carón dá escola.

O grupo de música infantil Mamá Cabrá apostou firmemente pola música infantil. Dende o seu namecemento no ano 2000 e con sesis traballos editados, apostan pola música en galego para nenos ate os dez anos. No seu repertorio atopamos pezas de composición propia , adaptacións de poemas e pezas tradicionais.

Para asistir a un concerto de Mamá Cabra é preciso estar ben esperto e deixar a vergoña na casa pois farannos imitar os xestos, facer acompañamentos rítmicos sinxelos ou repetir un pequeno retrouso.

O grupo Na Virada achegan en discos como Rolada das cantigas ou Solaina (acompañado dun libro) adaptacións de poemas de autores coma Neira Vilas, Manuel María ou Uxío Novoneyra destinados aos máis novos, canda a letras de inspiración popular.

A tradición contemporánea

Propostas tradicionais cun aire renovado e contemporáneo que viaxan desde o pasado aos novos tempos. Achegar a tradición aos máis novos dunha maneira lúdica e didáctica axuda a entendela como unha cuestións fundamental e natural nas xeracións de nenos que precederon aos tempos nos que vivimos.

Desto sabe moi ben a Asociación de Gaiteiros Galegos que leva editados tres traballos nesta liña: O Quiquirikí. Cantos de Nadal (2006), Pelo Gato 24 (2008) e 13 Lúas (2009)

Quiquirikí. Cantos de Nadal
editado no 2006 trátase dun documento audiovisual onde se reflexan diferentes aspectos culturais, tradicionais e antropolóxicos do nadal en Galiza. Ten un claro interese docente e está principalmente dirixido aos alumnos do ensino primario. Producido artísticamente por Magoia Bodega e Paulo Nogueira.

Pelo Gato 24 editado no 2008 recolle dúas das lerias máis importantes d@s cativ@s: as cantigas e os xogos; pretende dar a coñecer e dilvulgar entre o público infantil as cantigas que a tradición oral foi quen de transportar ata os nosos días. Baixo a produción e dirección musical de Magoia Bodega e Paulo Nogueira.

13 Lúas
editado no ano 2009 é unha viaxe no tempo, unha viaxe de doce meses con cadansúa canción, co ciclo do ano como fondo da escena. As lúas que compoñen o ciclo do ano, ou os doce meses do calendario; as lúas que dende tempos ancestrais foron guía da vida; as lúas que puxeron data aos traballos e tamén ás festas; as lúas que levan aparelladas unha fonda tradición cultural que chega ate os nosos días e agora queremos lembrar.

Servando e Contradança edita discos coma Som voltas, sons tradicionais de Galicia e Portugal. Para cantar e bailar (2008), un libro-CD de Luís Prego no que se lles ensina aos máis novos a danzar pezas tradicionais dun xeito entretido e didáctico.

Adonairare de Vilaboa gravou o CD Coplas de estrelas (2009), unha selección de temas tradicionais para unha edición que fixo o Centro Superior de Investigación Científicas e a Universidade de Vigo con ocasión do Ano da Astronomía.

Asociación Socio-Pedagóxica Galega
editou Cancións para Antía, do grupo Fol do vento, para contribuír "á galeguización do espazo vital da infancia", no que se inclúen unidades didácticas para diferentes idades.

As editoras

O proceso de creación e produción péchase coa súa edición e distribución. As editoras xogan un papel importante; a súa aposta debe ser clara e comprometida para dar continuidade ao proceso.

Kalandraka ven de editar recentemente o libro-disco Tic Tac de Pablo Díaz. Este multinstrumentista e cantante é músico do equipo de animación á lectura da editorial. Consciente das carencias do galego entre os máis pequenos aposta por un repertorio con moitas cancións de composición propia que combina con melodías tradicionais e composicións para a ocasión. Nas letras atopamos moito vocabulario en galego próximo ao entorno dos máis pequenos que segundo o autor estase a perder pola falta de uso.

Pero Kalandraka tamén ofrece para os máis pequenos unha colección de ópera para ser aprendida en galego ; entre os seus títulos atópanse O elixir do amor, Turandot, Áida, A frauta máxica, O barbeiro de Sevilla, Porgy and Bess e Orfeo e Euridice.

OQO co seu selo Qson ten editadas dúas propostas musicais para os nenos. Contos en cantos (2008), un disco no que Almudena Janeiro transforma en doce cancións outros tantos contos publicados por esta editora. Un traballo pensado como complemento didáctico para incentivar a lectura, que vai dirixido a nenos e nenas entre 3 e 7 anos.

A nena e o grilo (2010),
da mesma editora, é un traballo de Magín Blanco ilustrado por Iván Prieto no que todas as cancións son composicións propias do autor e no que colaboran destacados músicos do panorama folk galego. Un traballo producido por Uxía Senlle que consta de 13 cancións infantís nas que se tratan temáticas diversas.

PAI (Produccións Musicais Inxeniosas), con sede en Mañufe (Gondomar), é unha editora que conta con un dos estudios de gravación máis importantes de Galicia, Casa de Tolos. Capitaneado por Segundo Grandío, PAI edita todo tipo de música, non só infantil, pero grazas ao completo equipo de traballo do que dispoñen se adentraron na música infantil cos seguintes traballos, ademais de colaborar en outros como os xa mencionados Quiquiriqui, ou Pelogato24.

Meniños cantores editado no 2005 é un traballo pioneiro realizado con colexios de Galicia e norte de Portugal. A iniciativa xurdiu da colaboración entre a organización educativa Ponte... nas ondas e os estudios Casa de Tolos. A presentación por parte das escolas integrantes do colectivo Ponte... nas ondas da candidatura ao Patrimonio Oral e Inmaterial Galego-Portugués ante a Unesco foi a chispa que prendeu esta iniciativa. O traballo consiste nunha exploración do patrimonio musical común a Galicia e Portugal, así como unha pequena ollada a un futuro posible.

Operación Can é un traballo impulsado pola UPAFGA (Unión de Protectoras de Animais Federadas de Galicia) e naceu co obxectivo de estimular á xente máis nova, empregando a música como medio, da necesidade de coidar o noso entorno e medio ambiente e moi especialmente aos animais e as plantas. Para elo, qué mellor que facer un concurso musical e que os propios rapaces fixeran unha canción orixinal cantada en galego. O premio era a gravación dun disco coas mellores cancións e os propios rapaces elixirían as cancións mediante os seus correos electrónicos.

Outros

Hai diversas iniciativas destinadas aos máis pequenos ademáis das propostas anteriormente, como a iniciativa de Antón Seonae en Lambón. Cancións para os croques (2004), unha colección de temas artellados arredor deste marisco. Cabe destacar tamén o traballo de Manuel Rico Verea, dirixido fumdamentalmente a educadores, con títulos coma Vente vindo, ven cantando. Cancioneiro escolar galego (1997), ou Arrolín arrolán (1994), que inclúen diferentes indicacións didácticas, entre outras inicativas. Tamén grupos de teatro coma Berrobambán inclúen cancións nas súas obras destinadas aos máis novos. Outro interesante traballo está nestes momentos en marcha, o proxecto Azou, que pretende crear un grupo virtual arredor de temas compostos por Marcos Payno, que ten como destinatario un público preadolescente, e baseándose en boa medida o oco deixado polo Xabarín Club no campo da música.

Futuro esperanzador

Desde o ventre materno as primeiras músicas que escoitamos, os primeiros sons cos que nos relacionamos de pícaros, eses que non olvidamos na vida, eses que son compañeiros de xogos, de aloumiños no berce das nosas nais, determinarán o noso criterio á hora de escoller como adultos a música que queremos consumir (góstame moito empregar esta palabra coa música, pois da a sensación de aproveitamento, de satisfacción) e faranos se dúbida máis críticos na escolla e na valoración da mesma.

Por outro lado, é importante que os cativos escoiten esta música que fala da súa cultura, da súa lingua, e á vez é unha maneira de garantir que estes fermosos compases non fiquen no esquecemento. A música é un patrimonio tan importante como a arquitectura ou os monumentos pero cunha particularidade, precisa coidarse moito máis para non perdelos. Por iso desde todos os ámbitos da cultura, sexan concertos, obras teatrais, recitais... non esquezamos este anaco do noso patrimonio, tan rico e fermoso, e que tanto precisamos.

Hai creatividade, novas fornadas de xente comprometida con proxectos claros e con gañas de facer cousas...preséntase un futuro esperanzador para a música infantil made in Galiza.