Mulleres na salgadura


Construcións que se dividían en catro partes: vivenda, almacén, e outras dúas para a elaboración do peixe, contando tamén cun taller de ebanistería para a confección das embalaxes.

Teitume de tella do país a dúas augas, fachada de pedra de cantaría á vista. Os cuartos adicados o traballo administrativo, corredor o medio: un adicado a traballo da contabilidade e pagamento dos xornais. Estancia amoblada austeramente: mesa do escribinte con cadeira e libros de contas acomodados nun alzadeiro. Á outra man o despacho do dono da industria, con mesa e varias cadeiras, alzadeiro, pinturas dos pataches e bergantíns, alí levábanse os asuntos importantes que non debían pasar por mans alleas, negocios da salgadura e o seu transporte.

Detrás das grandes portas pintadas cunha mestura de almagre e graxa de sardiña, traballaban moitas mulleres e ben poucos homes.

Encartadas polo peso das patelas de peixe, cos mulidos enterrados nos panos da cabeza, escorría a auga polas chambras e as saias, pingando no chan de lousas.

Traballando no medio da salmoira, neses inmensos lagares que ollamos á xente de agora sen ser conscentes do que aló aconteceu e das penurias que pasaron, entre o arrecendo do peixe e a humidade, espichadoras e estibadoras fechadas desde a mañá á noite, traballando por un miserento xornal que daba para ben pouco. Obrigadas a gardar silencio, tiñan que saír adiante; en moitos dos casos soas, abaixadas e maltratadas.

O encargado non consentía traballar cos zocos postos, pois dicía que se esmagaba e estragábase moito peixe, polo que descalzas, o contacto co peixe amolecido facía poñer os pés noutro lugar.

Coa pel callada nas salmoiras non sentían as friaxes das invernías nin a quentura do verán ao atravesar o empedrado das rúas quentes coma o lume, ou arrefriadas coma a neve, nin tampouco os cachos de arames do taller de ebanistería que entortaban ao seu paso coma fíos de atar as redes, sen tan sequera facer a máis leve ferida nin asomo de sangue.

Mulleres de idade indefinida, endexamais se lle escoitou un laído dos tempos que lle cadrara vivir, coas lembranzas da vida sen infancia, sen xogos, sen escola, somentes rodeada de traballo, sen santo nin solto, traballando dende o abrente ó solpor escravizadas na salgadura e máis na casa.