Mulleres maltratadas
Doulle volta á chave mentres asexaba polos vidros da porta, cacheaba algunha claridade no interior da casa, as vidreiras labradas e pintadas asemellan un labirinto de cores rechamantes; nesas baixou os ollos mentres retiraba a man da fechadura, ía botando pola aldraba do pórtico percurando abrilo o menos posíbel, somentes o oco que permita pasar o seu corpo, cólase na casa con moito tento, paseniñamente, paseniñamente, coma un felino, percura por tódolos medios que non se sinta a súa chegada. O silente é total, coa excepción dalgún automóbil que transita pola rúa, motores rachando a ausencia de sons e ruídos. Puxo os pés no recibidor decorado con gusto, unha mesiña e dúas cadeiras, ao seu carón a cómoda en madeira de caoba e en cadansúa beira dúas lampadiñas, no medio un floreiro ateigado de flores silvestres. Por riba, pendurado na parede, un espello.
Atravesou a entrada, ás escuras coma un ris de vento, andaba a tentas percurando non bater con ningún moble, foise dereito á cociña, ollou que a luz non estaba acendida, non había ninguén, a contrariedade de non atopar á dona agardando por el, descompúxose nun rictus de malfeitor, os ollos asemellaban un can da rabia coas sobrecellas arrichadas, esbabuxa, a boca torta, a escuma escorre polas pálpebras dos beizos, adoecido, coa irritación e carraxe de quen desexa facer mal a calquera custo.
De súpeto escomeza a erguer a voz, máis que alzala parecía bradar coa brusquidade e brutalidade de quen pretende infrinxir un castigo salvaxe.
Onde carallo andas, quero cear! -berra, mentres a cólera medra a medida que a muller non aparece.
Esperta, e nesas, sobresaltada da unha volta na cama e érguese sen saber o que lle agarda. Aterrorizábaa, domináballe a vontade e o ánimo por medio da violencia máis salvaxe, e tamén da máis sutil. Perseguía destruíla coma ser humano, causáballe pavor dun xeito impredecible, o medo, percibíao dun xeito constante e real, a diario, e ese mesmo pánico levábaa a unha perda de enerxía que a estaba a esgotar, física e psicoloxicamente. Agardábaa agatuñado coma un asasino, pervertido e depravado, en calquera intre, sen máis nin máis, e baixo calquera pretexto.
No primeiro andar aparece a muller, agarrada á varanda de madeira con balaústres de ferro labrado, non sabendo moi ben si falarlle ou quedar calada, si morrer ou vivir. O pánico adónase dela, impídelle botar unha fala, así era o seu día a día, dende había moitos anos, demasiados. Sen saber como, atópase na metade dos chanzos e treme coma un xunco nunha noite de vento duro, os beizos fríos coma o mármore e o sangue bulindo polas veas nunha carreira frenética que non topa chegada, presente algo do que podería acontecer, diante dese pensamento sinte terror, calquera comentario del deixábaa co medo no corpo, asústaa, sen límite algún, fica inmobilizada e illada emocionalmente.
Fanfurriñeiro, medraba a intensidade da carraxe a medida que os recursos de protección da muller minguaban e extinguen a súa defensa, turbáballe o ánimo, medo e pánico causan a morte anímica do ser humano, morte en vida por causa dun medorento. Experimenta un medre do control en proporción inversa ó derrube dela, sementando a culpabilidade do maltrato. Mil homes.
Fora unha moza fermosa, e aínda agora conservaba algo daquela fasquía, na cara resaltaban uns ollos inmensos e intelixentes, a súa fondura non tiña fin cando se pousaban outros naquela cor indefinida, tonalidades, á semellanza do arco da vella, dependía da luz que petara neles para cambiar, contaba co mirar que teñen algunhas mulleres escolleitas, esa ollada que deixa translucir os sentimentos, explica e falan máis que as palabras, ensinan e dispen o corazón, sen que o poida impedir ningunha das forzas que habita no seu corpo, por máis que o intenten, eses ollos sempre amosan o sentir da alma, marcan as sinais a traveso dun sorriso que agocha non se sabe moi ben que, as máis das veces frustración, trampa hostil que a obriga a non expresar o sentimento de rabia, o silencio, a elocuencia do silente amosa o tempo circular, voltas e máis voltas sobor de sí mesmo, a constante no tempo e na distancia: irritación, aversión e antipatía.
Aló, nas imprimeirias, el aínda tardou un pouco en amosarse como en realidade era, un ser desprezable, tan desprezable que viraba todo argumento para esnaquizala.