Metamorfose: Plutocracia, Oclocracia, Cleptocracia...

Metamorfose: Plutocracia, Oclocracia, Cleptocracia...

Dun xeito ou doutro sempre voltamos á Filosofía, á sabedoría dos clásicos grecolatinos. E cando se repasan estas cousas de seminario, de cátedra, cada vez máis traspapeladas na rutina imperante, é a proba de que algo queda en nós do Humanismo. Todos conclúen que os cartos son o maior determinante do poder político e da degradación. E tampouco cómpre ser moi sabio para determinar isto, cando a cousa pode ter maior fondura. Os cartos deciden que grupos de interese dominan o proceso lexislativo, métense, furan por medio e corrompen a política que é convivencia. Sindicatos, cámaras de comercio, empresas, banqueiros... entran na partida, desraízanse, desnaturalízanse camiño dunha banda de pillabáns sen concepto de país. E por sermos seres dependentes, sociais, políticos, caemos e deixámonos arrastrar pola arroiada.

Entre a crise os gastos de campaña, derroches que leva o vento, papel mollado con rimbombantes slogan e fotos persoais, como as ridículas, cínicas e vergoñentas visitas das comitivas electorais ao bulir público, en cacería de votos. Campañas que poden non ser garantía de éxito entre xente que, fóra dos cantos de serea dos imperativos mediáticos, sabe valorar traxectorias persoais e de colectivos no mesmo decorrer dos días e a pe de acontecemento.

A campaña política xa é cousa permanente. Todo se fai de cara á galería, atácase, entremétese na intimidade das persoas. E semanas antes das eleccións, para rematar a faena e principiar outra, por si aínda queda algún inxenuo, multiplicarase as aparicións na escena pública. Entran en xogo e cósense moitas cousas guiadas pola economía.

Novamente estamos dándolle a razón a don Carlos Marx, cando ensarillando causas e efectos conclúe: "a desvalorización do mundo humano medra en razón directa da valorización do mundo das cousas" e "o poder político é simplemente o poder organizado dunha clase para oprimir a outra..." E velaí cando se toca o sacrosanto principio fundamental de toda ética ou relixión, " nunca endexamais a calquera xeito de explotación do ser humano por o mesmo ser humano".

Non teríamos máis que furar pola dialéctica da Historia e analizar o noso tempo. Sobre toda as gamas de abuso de poder. Sabíano e analizábano os gregos e os renacentistas das cidades estados. Os feitos eran semellantes e as palabras son outras: non se falaba, como hoxe de "holdings" de financiación aos partidos políticos, pero latexaban as permanentes ansias de poder coa consabida trama clientelar, prometendo prebendas ós seus sufragadores, bandullos agradecidos. Así se foi formando a "Plutocracia", o oligárquico poder dos privilexiados, dos que teñen as fontes da riqueza, da explotación, donos e señores para controlar "democraticamente" os sistemas de influencia, que son os mediáticos, hoxe tan sofisticados e de tanta incidencia. Ate adiccionar e arrastrar ó público, influír e ser capaces de mudar condutas, reconducir e alterar os resultados do lexítimo poder. Medios cada vez máis dependentes e menos libres... Botamos en menos a falla dalgún xeito de Radio Pirenaica. A esquerda segue sendo incapaz de crear medios propios. Desaparece o contraste de ideas.

Proliferan os seres incapaces de buscar o beneficio colectivo polas ansias do proveito propio, para abrir camiño, entre o minifundismo, a máis poderosos monstros que rematarán devorando a uns e a outros. Propícianse populismos anestesiantes, ao borde da enviciada Oclocracia, ou goberno do populacho adulterado, corrompido polos fanatismos, a ignorancia, a choqueirada e a desinformación. "Despotismo de tropel", capaz de calquera cousa e que campa nalgúns canais televisivos, guiados por unha sedutora aparencia, adobada entre un cóctel de inocencia, progresía, simpatía e ambigüidade, para penetrar "democraticamente" até o sofá-cama de cada casa nas horas de lecer e contribuír á malaeducación. En nome dos dereitos democráticos de reunión, chega a chamarse socialización a calquera encontro salvaxe. Perigosos síntomas da dexeneración do sistema. Camiño xa percibido en países veciños que democraticamente empoleiraron na cúpula dos seus designios a persoas de máis que "de dubidosa reputación".

A demagoxia cabalga sobre o logro da liberdade de expresión, que é maior para os que teñen e poden, que para os que non poden. Qué é máis para os que se lucran, como menor para os que non teñen ánimo de lucro. E velaí que "democraticamente", Grandola Vila Morena e canto significa, queda ensombrecida e tripada polos novísimos cabalos de Atila. Enxálzase o que convén e ocúltase o que non convén, protéxese a uns e desprotéxese a outros. Créanse modelos repudiados, esperpentízanse como paiolos aos que non conveñen, namentres que pola outra banda ennobrecen, bendicen e nimban en brillantinas ós comportamentos dos candidatos que conveñen. Nesta nova e "sui generis" democracia burguesa, a división e a confrontación está servida, a violencia tamén. Os plutócratas a través da súa economía moven os fíos, alleos á vontade popular, fan e desfan, crean redes clientelares, pagan os que seguen encarrilados as súas directrices, para uns e outros estar en débeda. Mandato imperativo e vinculante á riqueza, a ordenar o poder económico, sutilmente cosido entre leis que se interpretan "a según".

Desde os tempos gregos a plutocracia madurou en picaresca sobre a pel de touro de Iberia e da vella Europa, "modernizouse" até perpetuarse, transmitirse en herdo de pais a fillos. Agora debuxada, bosquexada desde os mesmos despachos, empresas, medios, con leis que se pregan aos designios da economía. Camiños da Cleptocracia, esa outra desviación tamén detectada polos sabios gregos, a institucionalización da corrupción, ama de cría das crises, o poder dos ladróns. Gravámenes, impostos, multas, desvío de fondos... suborno, suborno funcionarial, delito fiscal, capitalización persoal... e saraos todos os días.