“Meixón Frío” e “As Frieiras”: pouco, ou nada a ver coa friaxe

“Meixón Frío” e “As Frieiras”: pouco, ou nada a ver coa friaxe

Os axentes metereolóxicos, pola súa condición efímera e temporal non teñen poder de criar toponimia.

Hai unha chea de lugares que locen o nome de MEIXÓN ou MAIXÓN FRIO, outros chámanse simplesmente, O MEIXÓN, e ainda temos os correspondentes portugueses de MESAO FRIO.

Os toponimistas que lemos, concordan en que nos atopamos diante de topónimos de orixe pastoril.

Para explicar a primeira parte do topónimo, ou sexa, O MEIXÓN, entenden que a palabra procede dun latino MANSIONE, que se especializou para designar as modestas construccións dos pegureiros.

A segunda parte do topónimo, pola súa evidencia non precisa de moita explicación: eran FRIOS porque non se podía acender lume nen ter fogar quente.

As escritas medievais mallan na mesma idea, pois descríbennos como, “Meison frido” ou “Mansion frígido”, en documentos dos anos 981 e 1059 respeitivamente.

Esta teoría, de se tratar de acobillos pastorís onde non se pode facer lume, choca bastante coa nosa experiencia en semellantes casos.

No noso País temos o caso das PALLOZAS DO CEBREIRO, que a pesares de estar cubertas de palla, ofrecen un magnífico e agarimoso lar quente para animais e persoas.

Pouco lle aquecerían a estas orixinais construccións o apelativo de FRIAS, pois escoan quentura e agarimo por donquer.

Nunha viaxe que fixemos polas terras da Mancha, na festa do azafrán de Consuegra, tivemos oportunidade de entrar nun “CHOZO”, ou rustiquísimo acubillo, feito de pólas e palla que utilizaban, en tempos, os pastores manchegos. A pesares da súa rusticidade o primeiro que sentíamos ao entrar era o calorciño dunha fogueira onde se quentaban os pastores ao tempo que facían o xantar.

Entendemos que non pode haber un albergue pastoril, por moi elememtal que sexa, onde non se poida facer un lume para se agarimar a xente, para asar unas costelas ou quentar o caldo.

A nosa metodoloxía materialista, e o sentidiño, levounos a pensar que, a despeito dos escritos medievais, a orixe do nome de FRIO, neste contexto, non pode deberse á frialdade!

Que friaxe especial pode haber no MEIXON FRIO compostelán, que non haxa na ben viciña cidade santiaguesa?

Haberá unha especial ruín temperatura no que hoxe é a Rúa do Meixón Frio en Redondela con relación á Vilavella?

Que dicer da FRIEIRA nas mornas terras da CORTEGADA miñota, onde non coñecen a neve?

Depois de moitas pesquisas e de moito tempo empregado nelas, chegamos á conclusión que os meixóns non era FRIOS, senón, FRÍVOLOS.

A palabra latina FRIVOLUS ten significados un pouco pexorativos, semellantes a : inconcluso, de pouca monta, lixeiro e fútil.

Na nosa opinión estánse referindo a instalacións pastorís interinas, ou de escasa entidade; se cadra, curros feitos con varas, paus e demais materiais lixeiros; ou poderían ser construcción temporais, só vixentes nunha época do ano; pensemos nos “vaqueiros de alzada” asturiáns, que se aproveitan só sos pastos do verán.

Así entenderíamos o nome de VILARIÑO FRIO nas alturas do monte Medo.

Sería no inicio, un vilar FRÍVOLO, ou sexa , temporário e informal, que co paso do tempo acabou fixando a poboación.

Valerá para explicar o nome da vila luguesa de FRIOL ,millor que do antropónimo FERREOLI, como procedente dun pequeno curro FRÍVULOLO?

En definitiva,nada de frescura, e todo de FRÍVOLO!

Tamén non nos conformamos coa explicación que se da para a palabra MEIXÓN, como procedente da latina MANSIONE.

Parécenos pomposo demais que os humildes albergues dos pegureiros traian o seu nome de tan solemne verba.

Preferimos derivala dun MANDUCATORIO latino, que deu en “manxadoira”, “manxoeira” ou “menxedeira” dependendo dos lugares da Terra.

Aquí estarían retratados os montes do MEIXUEIRO en Vigo ou do MENSUEIRO en Soutelo de Montes.

Tamén nos tenta en derivar o nome dun antigo *MISCION > MEIXÓN , ou sexa unha mixtura de rebaños e pastores, atendendo á antiga costume que había de xuntar o gando para pacer xunto.

Pensemos na sonada MESTA castellana, que ameixoaba todo o gando lanar de Castela. O “ganado mostrenco” era o GANATUS MIXTURENICO, o mixturado,sen casa, nen fogar.

Os pegureiros do Cebreiro pastoreban os rebaños xuntos, e cando voltaban para cadansúa corte, encamiñaban aos animais co dito, XEBRA, XEBRA! ou sexa: SEPARA, SEPARA!

Esta palabra tamén explicaría o nome de MEIXÓN que se lle da ao xarabal da angula cuxo remuiño fica á vista como unha especie de “comichura”ou “conmistura”.

Acaeceríalle ben o nome ao lugar da AMEIXOADA, no Abelendo de Moaña, que debería o seu nome a unha antiquísima *MISCIONATA do gando do arredor.

Ao fin, entendemos que un MEIXÓN FRIO, estáse referindo: ou ben, a un curro moi de elemental; de varas e pólas, ou senón á consideración do lugar como de pastos temporários, ou tamén como un sitio de mixtura de gando de diferentes proprietários.

As terras das FRIEIRAS ourensás, amén da FRIEIRA galego-portuguesa do Miño deberían o seu nome non ao frio ( que tamén corre) senón ás “malladas FRIVOLARIAS”, ou pascigos temporeiros,onde os pastores xuntaban o seu gando.

Esa mesma orixe terías as vilas casteláns e aragonesas que locen o nome de FRÍAS, aludindo a unha supostas “MAJADAS FRIVOLAS”.

Ao fin se tudo o que contamos é certo, ensínanos que na toponimia debemos ter varias cautelas:

1º) Os axentes metereolóxicos pola sua condición efímera non deben crear topónimos; así , o lugar chamado de PENA QUENTE,cuxo sentido literal é bastante absurdo; il non será mais acaído entendelo como unha PENA CADENTE ( que cae,cabaleira,empinada)?

2º) Nen sempre os escritos medievais atinan na súa interpretación.

Ou ben os escribas daquela xa perderan o significado primordial , ou a saber os copistas deles, o que puideron alterar os orixinais!

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén
.