Lermos, un dereito inalienábel

Lermos, un dereito inalienábel

Hai xa uns días que comezaron os actos públicos relacionados coas celebracións do libro e a lectura, que culminarán o 23 de abril, Día internacional do libro, cando as rúas se enchan de librarías promocionando os libros como un obxecto que ese día podemos comprar máis barato; tamén nos centros escolares haberá actividades ad hoc e as diferentes administracións farán a súa campaña, nesta ocasión cos ollos, e o corazón, postos nas eleccións do 22 de maio. Trátase, en definitiva, de mostrar á sociedade en xeral e ao público lector en particular, os libros como un elemento importante, case imprescindíbel, nas nosas vidas e no proceso formativo, tanto que mesmo os indicadores de rendemento escolar teñen un dos piares de análise na capacidade lectora do alumnado, sen obviar que hoxe en día o subsistema educativo non é o medio de formación exclusivo que o sistema proporciona e de que existen outro tipo de intervencións que o complementan, tendo presente, ademais que nun contexto social en que o que se fomenta e o que esixe o mercado laboral é a formación para toda a vida, responsabilidade que o capitalismo trasladou ao propio individuo, é necesario pór en marcha medidas que permitan o acceso á cultura sen restricións, mais alá das declaracións de intencións, nun proceso sen exclusións por razóns de lingua ou orixe.

Non podemos esquecer que a competencia lectora é unha das competencias básicas na aprendizaxe educativa, variable relacionada co éxito escolar e económico futuro e xa que na sociedade do coñecemento é imprescindíbel aprender ao longo de toda a vida, é evidente que se require un dominio eficaz da lectura.

Igualdade nas posibilidades de acceso á cultura


Ao contrastar as cifras de poboación alfabetizada coa de libros lidos por habitante, vemos que existe unha disfunción importante, porque quen sabe ler non o fai, ou polo menos non o fai nas porcentaxes consideradas desexábeis. Alén diso, as posibilidades de acceso á cultura non son iguais para todos os cidadáns. O medio onde se habita condiciona, e moito, esas posibilidades pois as infraestruturas culturais soen concentrarse nos medios mais urbanos, en detrimento do medio rural. Isto é dobremente prexudicial nunha sociedade como a galega, sometida a un conflito lingüístico secular, e a unha falta de normalidade cultural importante e onde o factor do asentamento poboacional condiciona as posibilidades de acceso á lectura, tanto á tradicional lectura de libros canto á lectura electrónica que apunta con vigor e na que o sistema cultural galego é francamente deficitario.

Téñense citado moitas veces os modelos nórdicos que conseguen, por exemplo, que tres de cada catro adolescentes finlandeses de 15 anos lean todos os días polo mero pracer de o facer, nun contexto no que é imposíbel desligar a implicación dos pais e as nais, da familia, no éxito educativo, e, xa que se aprende por imitación, os fillos e fillas observan como os seus pais e nais son ávidos lectores de xornais e libros, e frecuentemente van con eles ás accesibles bibliotecas nos seus horarios libres. As familias finlandesas teñen unhas actitudes cara ao subsistema escolar e a aprendizaxe que condicionan o seu funcionamento. Os pais e as nais finlandeses cren que a familia ten máis responsabilidade que a escola da educación dos fillos e das fillas.

Por que non sucede o mesmo na Galiza? Talvez unha das razóns, entre moitas outras, estea en que se parte dunha concepción errónea do que significa saber ler. Porque non chega con ensinar a ler. É preciso consolidar os hábitos lectores a nivel escolar mais tamén resulta imprescindíbel crear as condicións socias para que a lectura sexa ao mesmo tempo fonte de formación e de pracer.

Poucas veces se ten en conta o feito de que un lector comeza a formarse como tal aínda antes de aprender a ler, no entorno en que se desenvolven os primeiros anos de infancia, que a lectura é unha aprendizaxe social e que naqueles fogares onde non se le ou onde a lectura é unha actividade marxinal, unha actividade pouco aprezada e que non é sentida como realmente necesaria, dificilmente se poden producir lectores pois resulta erróneo pensar que o proceso de aprendizado da lectura remata coa finalización do proceso alfabetizador, sen contemplar que o proceso lector é un proceso evolutivo que non se aprende dunha vez para sempre.

Por que ler?

Hoxe en día hai persoas que se preguntan, para que ler ou escribir se nos podemos comunicar por teléfono ou ver a televisión? Se produtoras de cinema nos ofrecen versións de calquera obra literaria? Se podemos escoitar un poemario na voz do seu autor ou autora mentres paseamos. Nesa mesma lóxica hai persoas que prevén o fin da escritura e dos libros tal como hoxe os coñecemos para seren substituídos por novas formas de comunicación nas que predomina a imaxe e a lingua oral. Poderosos dispositivos ofrece xa o mercado para poder actuar como espectadores dun libro en vez de como actores-lectores.

Mais iso non é, aínda, o problema, e, sendo probábel que no presente inmediato o obxecto, e o concepto, libro sexa diferente do que hoxe coñecemos, ninguén discute que a lectura, sexa de texto, de imaxes ou mixta, seguirá tendo unha importancia fundamental no proceso de desenvolvemento e maduración persoal, un vehículo para o aprendizado, para o desenvolvemento da intelixencia, para a adquisición de cultura e para a educación da vontade.

No momento actual en que a nosa sociedade está retrocedendo en dereitos logrados con grande esforzo ao longo dos derradeiros cen anos é a hora de dar un paso á fronte e considerar a lectura como un dereito social que forma parte do estatuto de cidadán dunha sociedade democrática porque abre as portas para o acceso á cultura en xeral, porque nos permitirá gozar do patrimonio material e inmaterial e nos fará conscientes da necesidade da súa conservación. E aínda máis, porque nos fará comprender os motivos e as causas das desigualdades sociais.

Para avanzarmos neste obxectivo non é suficiente con campañas anuais de fomento da lectura. Son precisos tempo e investimentos. O tempo témolo. E os investimentos? Os investimentos destínanse a rescatar bancos e a raptar países, nun novo sistema feudal en que os señores se resgardan detrás das murallas do IBEX35 e os vasalos fan cola ás portas do INEM. Só usando plenamente dese dereito poderemos tirar o veo aos deseñadores de consignas, como dicía recentemente Xavier Vence, que nos transmiten a idea de que os recortes son "reformas", a liquidación das caixas é "reforzamento do sistema financeiro". E nós, que somos?

Remato salientando unha idea que me parece importante: se o dereito a unha educación de calidade é incuestionable, saber ler, poderse servir do escrito de maneira produtiva , é igualmente un dereito inalienable da persoa.

E na Galiza, ese dereito pasa por poder exercitalo en galego.