Lebor Gabála


Irlanda, para os romanos Hibernia (Terra do Inverno) sufriu cinco grupos invasores, (os cessair, os partholón, os nemed, os fir bolg e os tuatha dé danann) segundo o libro, antes de que chegaran os fomorianos e finalmente os milesianos que colonizaron xa a illa de xeito permanente. Da illa partiron os scoti, tribu de irlandeses que chegou ao norte da Britania romana e deu nome a Escocia. Centrarémonos nos milesianos pola importancia que tiveron en como é a illa hoxe e pola súa orixe: Galiza.

Os milesianos, fillos de Mil, segundo relata o libro eran celtas goidélicos procedentes do noroeste da península ibérica e que derrotaron aos Tuantha Dé Danánn en dúas cruciais batallas, en Tailltiu e Druim Ligen. Pero remontémonos un pouco atrás, Breogán, destacado caudillo acababa de fundar unha cidade á que lle deu o nome de Brigantia, edificando unha torre ao fronte de ela (Torre de Breogán). Morada pracenteira e agradable, segundo se cita, ao tempo que lugar de vixía. Este mitolóxico personaxe, en recordo do cal existe na actualidade unha estatua ao pé da súa torre (chamada Torre de Hércules con posterioridade a causa doutra lenda), tivo innumerables fillos, un dos cales recibiu o nome de Ith que era así mesmo tío de Mil (de primeiro nome Golamh e neto de Breogán).

Ith, experto e destacado en coñecementos e sabedoría, nunha clara noite de inverno ollaba os catro puntos cardinais no alto da Torre de Breogán e pareceulle ver ao lonxe unha sombra parecida a unha grande illa. Ardendo en desexos de ir a coñecela foi a comentarllo aos seus irmáns, algún dos cales interpretou como nubes o visto por Ith. De todos os xeitos embarcouse até alí e entrevistouse cos nativos do lugar por medio do idioma gaélico, facendo gala da súa sabedoría no tempo que alí estivo, o cal suscitou a envexa dos Tuantha Dé Danánn que planearon a súa morte en Magh Iotha. Morto Ith, aínda que alcanzou a chegar ao barco, o seu corpo foi levado de volta e mostrado aos seus irmáns. Entón os fillos de Mil decidiron ir contra os Thuantha Dé Danánn para vengalo. Setenta e cinco barcos e cuarenta caudillos con Donn, fillo de Mil á cabeza desembarcaron en Inbher Scene a véspera do Samaín.

Isto foi o inicio da conquista, relatada con detalle no libro, pero sexa lenda, sexa tradición traspasada de xeración en xeración, ten incluso evidencia científica corroborada recentemente por Brian Sykes, xenetista de Oxford, tras analizar o ADN de 10.000 británicos, concluíndo que fai 6000 anos os habitantes do noroeste da península construíron embarcacións capaces de cruzar o océano e chegar as illas británicas, territorio xa habitado, pero que segundo as evidencias estas persoas foron asimiladas polos invasores.

Claro que quen estivera en Irlanda seguro que se deu conta das grandes similitudes con Galiza en xentes e territorio. Territorio irmán, con meteoroloxía semellante, ao gusto dos celtas que foron ocupando lugares con esas características e persoas de carácter moi parecido, con lendas e tradicións semellantes, solo temos que referirnos ao Samaín (Samhain en gaélico), idéntica tradición nos dous pobos, mesmo igual nome.

Resulta moi interesante a lectura do libro “Irish Fairy Tales” de Sinéad de Valera, muller de Éamon de Valera, líder moi importante da independencia irlandesa no século XX e que chegou a ser presidente de Irlanda. Alí atoparemos innumerables exemplos de coincidencia en canto a tradicións e lendas. Isto pode facerse extensivo as sete nacións celtas: Irlanda, Gales, Escocia, A Illa de Man, Cornualles, a Bretaña francesa e Galiza.

As relacións comerciais, sociais e culturais entre os pobos de Galiza, Irlanda e as illas Británicas datan de épocas realmente remotas. Hai testemuñas fiables de comunicacións marítimas e intercambios comerciais durante a época prehistórica e de que un comercio de estaño estaba xa funcionando no neolítico na denominada fachada atlántica. Non é pois estraño que estas antigas conexións aparezan nos manuscritos medievais irlandeses e escoceses, que segundo algúns eruditos puideran conter segmentos o restos de tradicións ou feitos históricos que tiveron lugar na época remota na que viviron as sagas recollidas nos mesmos.

Non é intención deste artigo participar no debate da orixe celta do pobo galego, feito claro para o autor, senón tentar describir e resumir o libro que da título ao escrito, fundamental para o estudo da historia irlandesa e no que tanto protagonismo adquire este recuncho do noroeste da península ibérica, alá na fisterra do mundo coñecido.


,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén
.