LABACOLLA: Entre o mito e o sal groso

LABACOLLA: Entre o mito e o sal groso

No suxestivo libro de Elixio Quintas Rivas, titulado “Lingua galega, niveis primitivos” na chamada 86 e no contexto de explicazón dos topónimos NABIA e NEIBÓ, atopamos o que podemos chamar o estado da cuestión, e non resistimos a tentazón de transcribilo ao pé da letra, velaí:

“Compre falarmos aquí de Labacolla ou *Nabacolla, que son polo menos, dous regueiros na prov.da Coruña; un ben coñecido a poucos kms. de Santiago. No N. de Portugal cítase un regueiro Lavacolhos. O prof. Diaz e Diaz da Univ. de Santiago, non hai moito demostrou que, a narración xurdida por mor de prácticas lustrais en Labacolla de Santiago, e mesmo as prácticas en sí, xa desde o Códice Calixtino( sec.XII), non pasan de ser unha invención etiolóxica antiga. Causante do étimo popular irreal: *Lava colea (polo real Lavacolla) = Lava méntula.

Trátase dunha ant. nava colla, coma en Port.nava collos ou sexa “nava ou regueiro dos coios”,……….”

Aínda, apoiando esta teoría, atopamos en Portugal o regueiro chamado de LAVASEIXOS, con claro significado.

Tamén é certo que podería ser que ese LAVA- incial fose orixinalmente un LEVA- , dun orixe latino de, LEVO, co sentido de alisar ou pulir; e así LEVACOLLA sería un regueiro que pule, lima e arredonda as pedras, facéndoas COIOS.

O Códice establece que :... nun río chamado de LAVACOLLA (lavamentula dicitur), debido a que nun lugar boscoso, a duas millas de Santiago, os peregrinos galos, por amor ao Apóstolo, tiraban a roupa que adoitaban lavar, e non só as suas partes (mentulas suas), senón toda a suxeira do seu corpo.

Tamén nos vén á mente a posibilidade de que a palabra “lavamentula”, nada teña a ver coas partes pudendas, e non sexa máis que un diminutivo do latin “lavamentum”; que tería aquí o significado de, “pequeno lavadeiro” ou “bañiño”.

Ocurriría aquí o mesmo que a confusión na traducción dos Evanxeos, “é máis difícil que un rico entre no reino dos ceos ca que un CAMELO entre polo ollo dunha agulla”.

Se nos esquecemos de pensar no ruminante do deserto e a surrealista figura do pobre animal tentando de pasar polo ollo dunha agulla, e reparamos en que CAMELO é un diminutivo de CAMUS, que significa “corda”, a pasaxe cobra toda a sua lóxica: “que unha corda ou cordel entre polo ollo dunha agulla”.

No caso que nos ocupa debemos tirar todo tipo de “sal groso” nas intencións do autor , e entender MENTULA como un derivado de MENTUM, que significa “barba” ou “queixo” e a traducción do pedazo sería algo así como:

….nun rio que dista da cidade do Santo Iacobo duas millas está un boscoso lugar chamado o bañiño (lavamentula), perto do que, os peligríns galos,non só lavaban as suas barbas (mentulas),senón a suxeira das outras partes do seu corpo, ademais de tirar a sua roupa e lavala por amor ao Apóstolo….”

Todo entraría dentro das costumes máis lóxicas de hixiene e educación.

Pensemos que os peligríns eran cuase todos homes,e xa imaxinades coas barbas que chegarían ao fin do camiño.

Para presentarse ante o Apóstolo, que cousa mais normal que levar a roupa limpa e as barbas ou rasuradas ou lavadiñas!

A hixiene das partes íntimas non ten valor social e por tanto non merece ser destacado polo autor do texto; en todo caso xa vai incluída na expresión “… a suxeira das outras partes do seu corpo….”

Entendemos pois, que no lugar ise faría as veces dunha barbaría e dunha lavandaría, ambas necesarias para os homes presentarse decentemente na Catedral.

Non deberíamos deixar de fora que todo procedese dun LEVAMENTUM, no sentido de “descanso”; nese caso a nosa LEVAMENTULA sería nen mais nen menos que un “descansiño”, xa aos pés da cidade ansiada.

Aínda fica unha dúbida de se o lugar era o Lavacolla de hoxe, pois o Códice fala de estar a duas millas da cidade; realmente está a duas léguas, uns 10 kms.

Habería outro lavadeiro ou bañiño a uns tres kms ,un pouco antes do Monte do Gozo?

Sería cousa de investigar.

Ao fin, LAVACOLLA un novo equívoco que engadir aos varios que suporta a lenda xacobea:

O Santo dos Croques que se vende como onde petan os estudantes coa sua cachola para adquirir sabiduría cando a sua orixe está nos “croques” ou caracois do enrolado cabelo do mestre Mateu.

O Monte do Gozo, pola alegría dos pelegríns cando enxergaban as torres da catedral ,cando na realidade era o Monte do Gouxo ,ou sexa, do penedo.

E agora LABACOLLA de cuxo nome suspeitamos que nada ten a ver coa sal grosa de que se quere arrodear.

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén