Indignación e lingua


Comezarei por puntualizar que o chamado movemento do 15-M ou dos indignados (supoño que, tamén, das indignadas; cónstame que si) é merecente de todo o meu respecto. Non por simple condescendencia ou por enganoso paternalismo, senón máis ben porque dun punto de vista -se se quixer- primario resulta difícil non concordar con reivindicacións que, máis que xustas, son unha obriga de calquera sistema que se queira chamar democrático, por matizábeis que logo poidan ser.

Pórse no lugar dunha mocidade -e duns sectores sociais xa non tan novos- constantemente esmagada polo desemprego estrutural, a precariedade, a falta de oportunidades laborais, a emigración disfarzada de mobilidade xeográfica e estadías no exterior, a temporalidade, a imposíbel equivalencia entre formación e oportunidades laborais reais... é abondo para entender situacións de terríbel frustración. E se a todo este perigoso cóctel lle xuntamos os terríbeis niveis de individualismo e desorganización, confusionismo ideolóxico e desinformación que hoxe dominan as coordenadas socio-espaciais nas que se moven estes sectores, de aquela xa podermos ir entendendo un pouco mellor por que un movemento en aparencia espontáneo, minoritario nos seus comezos, de orixes descoñecidas ou mesmo escurecidas para quen leva anos a traballar nos máis diversos movementos sociais, é quen de pór de acordo tanta xente en tan pouco tempo, mesmo desafiando o poder político e o xudicial nada menos que na xornada de reflexión previa ás eleccións municipais do pasado 22 de maio e mesmo chegar a condicionar os últimos días da campaña dos partidos políticos denominados tradicionais. Todo isto, por suposto, sen esquecer unha permanente atención mediática (mostras de simpatía e adhesión incluídas) que xa quererían para si organizacións e movementos sociais que levan anos indignados e a hábil instrumentalización do descrédito da (mal)chamada clase política ou das organizacións sindicais maioritarias.

Algo que sorprendeu, desagradou e mesmo afastou xente concreta de se achegar a este chamado movemento 15-M na súa expresión organizada en Galiza foi probabelmente, para alén doutras cuestións ou matices, a súa falta de interese -non sei se incapacidade- por procurar situarse nunhas coordenadas minimamente nacionais, galegas. Non é este o primeiro dos movementos reivindicativos de carácter estatal que chegan a Galiza nas últimas décadas e mesmo nos últimos anos. Porén, todos eles fixeron sempre un esforzo -máis ou menos formal, máis ou menos sincero- por procuraren cando menos unha certa galeguización formal. En moitos casos, movementos que tamén tiñan presenza noutros lugares do Estado ou que tiñan unha orixe non galega, acabaron funcionando no noso país cunha dinámica propia adaptada á nosa propia realidade.

O primeiro dos símbolos formais nos que a xente repara á hora de situar o compromiso da reivindicación co país no que se sitúa é, como non podía ser doutro xeito, a lingua na que a reivindicación se expresa. E acontece que o galego gañou a pulso nas últimas décadas o espazo case poderiamos dicir que monolingüe da reivindicación social, como analizaba recentemente Rodri Suárez. Dicimos ben, a pulso: porque non foi doado que o galego se convertese, por exemplo, na lingua propia do movemento antifranquista en Galiza e, por extensión, na lingua empregada para todo canto conflito social, laboral, agrario, veciñal...habería de vir co ocaso da ditadura. Foi unha batalla que tivo que dar, como non en solitario, o nacionalismo; frente ao de aquela dominio da esquerda española no sindicalismo clandestino ou na universidade, que por suposto empregaba o español como lingua de referencia e que, con argumentos moi semellantes aos de agora, non consideraba o uso do galego "unha prioridade", cando non un elemento burgués e reaccionario contrario ao internacionalismo abstracto e de manual que defendían. Porén, deuse a batalla. E gañouse.

Como é ben sabido, o noso presente vén marcado por unha aceleración sen precedentes do proceso de substitución lingüística e por un aumento exponencial do monolingüismo en español, especialmente maior canto máis urbano é o ámbito xeográfico a analizar e canto máis nova é a poboación. En facéndomos unha radiografía xeral do movemento 15-M en Galiza vemos axiña que se trata dun movemento sobre todo urbano (por outra parte a zona xeográfica do país onde se concentran os sectores da poboación que se poden ver máis identificados co que poderiamos denominar os principios e os valores deste fenómeno) composto moi maioritariamente por persoas que pola súa idade e a súa procedencia xeográfica e social xa non tiveron nin tan sequera como lingua inicial o galego. Persoas procedentes dunha extracción e dunhas coordenadas moi concretas, educadas ademais nunha determinada consideración social do galego e do propio país: abonda neste sentido con lembrar o estarrecedor informe elaborado hai uns anos polo Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega sobre a percepción da nosa lingua entre a mocidade urbana.

No meu trato diario coa xente -incluída algunha vinculada co movemento 15-M e que por vez primeira está a tomar parte dunha mobilización destas características (ou de calquera tipo)- estou a percibir a enorme vixencia e rendibilidade do prexuízo que, sobre todo no mundo urbano, asocia automaticamente uso comprometido do galego=nacionalismo=política. Nun ámbito tan brutalmente desgaleguizado como a cidade, o uso consciente e coherente co galego está asociado coa actividade política e, no mellor dos casos, coa cultural. Non é de estrañar, por tanto, que nun nivel de razoamento moi primario -sen dúbida motivado pola falta de experiencia e de formación política, mais tamén pola confusión e mesmo a profusión de discursos interesados que aproveitan a ocasión -haxa quen automaticamente rexeite o galego por o considerar abertamente unha "interferencia política". O español, pola contra, como lingua neutra que é no espazo urbano, conferiríalle ao movemento a necesaria "independencia", ao tempo que serve conscientemente como elemento homologador coa mobilización que se desenvolve en todo o Estado.

Por suposto, en todo movemento amplo hai sempre excepcións. E cónstame -e por iso precisamente quero que conste- que desde primeira hora houbo xente a propor nos diferentes acampamentos e asembleas que a lingua vehicular de comunicación e de transmisión das reivindicacións sociais fose o galego. Con diferente resultado, segundo o caso: desde aceptación xeral a forte oposición dalgúns sectores, con predominio dunha maioría (ou minoría maioritaria) a quen "o mesmo lle ten" unha lingua que outra. A fin de contas, non outra cousa é o movemento 15-M (tamén no plano da lingua) un reflexo a pequena escala da sociedade que temos.