Historia e mito
Aínda que ninguén poida poñer seriamente en dúbida que a Historia é unha ciencia -por canto procura a explicación certa do pasado e se vale para iso dunha metodoloxía apropiada, sobre a base de fontes fidedignas-, sen embargo é certo que o correspondente léxico científico, non é que non exista, senón que se deixa de lado con frecuencia, provocando que os seus alicerces se debiliten. O motivo principal (sen tomar en conta a ignorancia) non é outro que a interferencia ideolóxica na Historia, o propósito de valerse dela en debates extra-históricos.
Con isto non pretendo elevar ao historiador por riba do ben e do mal, pretendendo encerralo no seu castelo de almasí. Ademais de ser absurdo e innecesario tratar de disimular as conviccións políticas de todos e cada un de nós (tácitas ou expresas), é imprescindible que a Historia teña utilidade social. Máxime cando se dá a afortunada circunstancia de que as loitas emancipadoras teñen ao seu favor a razón histórica, polo que lles abonda coa simple veracidade. Demostrar a existencia nacional de Galicia só esixe o esforzo de sacar á luz a Historia. Son os apoloxistas do dominio, a explotación e a inxustiza os que se ven forzados á manipulación histórica, pois queren xustificar o inxustificable, e é entón cando o léxico se deforma.
Un dos conceptos que se esgrimen profusamente no combate historicista sen o mínimo rigor é o de mito, dándolle un uso de arma arroxadiza; sempre e exclusivamente contra a Historia de Galicia. Todo acontecemento relevante con carga identitaria recibe a pauliña de mito: é mito o celtismo, o Monte Medulio, o reino suevo, Pardo de Cela, os Irmandiños, supoño que tamén os Mártires de Carral; ¿e porqué non o Partido Galeguista e Castelao?.
Apréciese en cambio a sutileza de que nunca se arromban nas sentinas do mito episodios da Historia de España como os iberos, nin (por suposto!) Viriato ou Numancia, nin moito menos o reino visigodo, ou as Comunidades de Castela e os seus tres mártires. Nunca ninguén ousou chamarlle mito a don Pelayo ou a Guzmán el Bueno. O mito acabará sendo, como a morriña, unha marca galega: Galicia, terra meiga e mítica.
Cómpre axustarse ao rexistro en que nos situamos ao tratar un tema histórico, saber cando estamos a facer Historia e cando simplemente falamos de historias. No segundo escenario vale todo, pero no primeiro débense depurar os campos semánticos, so pena de non nos entendermos. Nunha sinxela procura por dicionarios de acceso doado, comprobamos que a palabra 'mito' carga o seu significado no relato fabuloso, sexa este preferentemente sobre deuses, heroes ou orixes dun pobo ou da Humanidade (p. ex. o mito de Prometeo), ou unha exposición alegórica (o da caverna, de Platón); sempre é representación de algo enteiramente irreal, produto da imaxinación, sen fundamento perceptible. Nun nivel de maior concreción terminolóxica, considérase que o mito se elabora nun estadio proto-histórico e afecta ao mundo abstracto das esencias.
Cun matiz diferente, cabe atribuír esa categoría a unha persoa ou suceso reais que se rodean de extraordinaria estima en razón da súa especial transcendencia, mais neste sentido o mito non ten por que ser obxecto de ataque, xa que non é a súa veracidade histórica o que se cuestiona, senón o valor que posteriormente se lle adxudica, o cal é algo subxectivo.
Por tanto, os acontecementos históricos non son mitos. Non existe un mito do celtismo, nin é mítico o reino suevo. Cousa ben distinta é que o tratamento histórico de tal ou cal momento sexa acertado ou non, como pode acontecer que un diagnóstico médico, sen deixar por iso de ser científico, sexa equivocado. A teoría cósmica tolemaica (froito dunha paciente observación) era científica, malia ter sido logo desprazada pola da gravitación universal. O de Urano sostendo a Terra, ese é un mito cosmolóxico. Un mito céltico é o de Breogán descubrindo Irlanda desde a Torre; podemos cualificar de mítica a conversión do rei suevo Carriarico por obra das reliquias, e naturalmente que o é a vitoriosa aparición de Santiago nunha batalla contra os mouros.
Entre Mito e Historia existe unha fonda e longa relación, na medida en que ambos serviron para dar explicación ao pasado, pero son completamente diferentes: a Historia atense á realidade e quere serlle escrupulosamente fiel; o mito pasa por riba dela para situarse no territorio da sacralidade, ata o punto de a verdadeira historia facerse irrecoñecible no mito detrás do cal se agacha. A separación é tan patente que non reclama ningunha batalla para poñer a cada un no seu sitio. ¿Alguén se quere parar hoxe a combater o mito da arca de Noé?.
Por iso carece de sentido pretender combater a Historia con campañas anti-mito. Tan absurdo como socavar a relixión coa ciencia. Son dous campos paralelos ata o infinito. E da mesma maneira que cada quen ten dereito ás súas íntimas crenzas, cada pobo ten dereito aos seus mitos. A princesiña do conto de Castelao morreu de amor... malia sabermos todos que foi dunha enchente de cereixas; e en Compostela está o sartego de Santiago... aínda que no sexa certo. Trátase da dobre verdade de que falaba Averroes no século XII: depende do nivel en que nos movamos. A procura da certeza correspóndelle á Historia, pero o mito fai unha interpretación alegórica, e tamén forma parte do patrimonio cultural dun pobo.
O imprescindible traballo de crítica histórica non se fai botando man de tópicos máis ou menos eruditos, senón mediante a achega dos datos que nos proporciona a traballosa investigación das fontes.
Por outra parte, os supostos mitos da Historia de Galicia son inocuos, e (como todo o nacionalismo galego en xeral) contribúen ao proxecto democrático e humanista da dignificación nacional. Non son responsables de ningún sufrimento humano, pois nunca foron alimento de odios, chovinismo nin fanatismo.
Os combatentes anti-mito farían un traballo moi útil dedicándose a rebater os dominantes ideoloxemas historiográficos españois e europeos, e non só porque así contribuirían á clarificación histórica, senón tamén (e sobre todo) porque eses mitos si que serviron e serven para xustificar e dotar de base innúmeros proxectos catastróficos de espolios, xenocidios, agresións e inxustizas. Aí os tales mitos úsanse como armas de destrución masiva, mais os combatentes anti-mito non asoman por ningunha parte.
E non vaian crer que cumpren a función crítica que tamén demanda a Historia de Galicia. Todo o contrario; o seu é un traballo en negativo, que só logra confundir e enturbar o coñecemento do noso pasado.