Guimaraes: Aquí nasceu Portugal

Guimaraes: Aquí nasceu Portugal

Remata o 2012, ano no que Guimaraes, cidade da “Galiza Bracarense”, cumpriu como “Capital Europea da Cultura”. E ben dicimos o de “Galiza Bracarense” coa ansia de refacer un mapa antigo cargado de Historia en común, onde se conformou a cultura e o idioma que nos distingue. Con esta ou sen esta concesión do Parlamento Europeo, chea de pretextos turísticos, Guimaraes segue estando onde sempre estivo e coa súa Historia ás costas. Tal como presume e campa nunha torre das murallas medievais e en grandes letras: Aquí nasceu Portugal”. ¿Pero de quén naceu?

Prehistoria común, con grandes megálitos, minas de estaño, ferro e ouro...eclosión castrexa, torques e arracadas áureas, soldados lusos e galaicos con Viriato, logo, despois do paso do Letheo fronte o Décimo Xuno Bruto... na romanización compartindo ó arquitecto imperial aeminiense (de Coimbra), autor do asombroso criptopórtico desa cidade lusa, o mesmo que remarca a identidade no epígrafe ó pe da brigantina Torre de Hércules... Furando polas raíces desa Historia compartida atopamos que nos tempos de Diocleciano, no século III, a Gallaecia estaba repartida en tres conventos xurídicos: Brácara, Astúrica e Lucus... Así é que o territorio da Asturias actual, nacida de Astorga, a Maragatería, o Bierzo, León, coas terras de Tras os Montes, do Minho e máis alá do Douro, xunto coa Galiza de hoxe, debuxaban o mapa da Gallaecia romana, que máis tarde sería sueva e a temida Jalikia para os islámicos. Despois Reino de Galiza e León, repartido en condados. Xuntos en empresas de reconquista, aliados con príncipes e prelados galos, de Aquitania e Borgoña...que a partir do 1139 e por decisión de Afonso Henriques, o fillo de dona Tareixa e sobriño de dona Urraca, as fillas de Afonso VI, casadas por alianzas con borgoñóns, dende este Guimaraes inicia a Independencia portuguesa do Reino galaico leonés... Namentres a xeopolítica decide centrar as decisións e parte do Panteón Real de Compostela a León... Mudan as relacións e amplíanse as empresas de reconquista. León, encrucillada nos camiños, levará a batuta en decisións bélicas transcendentais e os prelados composteláns aproban matrimonios de comenencia e incendian o espírito ofrecendo a imaxe dun apóstolo como se dun divino Cid Campeador se tratara. No máis fondo desta Historia están as raiceiras da Gallaecia sueva, xerarquía feudal medrada cos nomes de Altamira, Trastámara, Henríquez , Soutomaior, Ulloa, Castro, Fonseca... e de tantos fidalgos campantes en escudos por Iberia adiante. Compre buscar, pasar o Miño e si acaso o Douro, tamén o Padornelo e Pedrafita para atopar o que houbo e o que se enredou entre liñaxes de Pedros, Henriques, Afonsos, Sanchos , Xoanas... Sánchez Albornoz é o autor dunha Historia de España que serviu de patrón para moitas outras, na que se escamotea e confunde o que significa a Gallaecia coa Astúrica, a que, dende Covadonga, abandeira cruzadas imperiais co lábaro da cruz, repartindo devocións galaicas por terras conquistadas.

Compostela, León, Guimaraes, Coimbra, son cidades que complementan a cuadratura do círculo desa Historia en común e que alongan a conquista a Alandalus. Mais agora aquela permanente e atractiva busca luso galaica, berciano galaica parece esvaecer, desmémbrase nun mundo que se di global. Como xa se perdeu o vencello común galaico- asturiano -leonés. O Padre Sarmiento natural de Vilafranca, que non daba puntada sen fío, sempre se refería a aquela súa terra de orixe como "a Galicia irredenta".

Vellos camiños os que de Lucus ou de Astúrica conducen a Brácara . Transitados ó longo dos tempos polo instinto de feirantes e peregrinos ofrecidos ó Santuario de Nosa Señora da Peneda, na Serra pétrea do Leboreiro, portas do Soajo e do Geréz, célebre polas vacas e touros cachenos, polos cans de raza Castro Leboreiro... por antas tradicións. Igual que os daquela banda veñen ás romarías da Franqueira ou dos Milagres de Ourense, ás Ermitas do Bolo... Santuarios cristianizando fontes, penedas, bosques... Tradicións comúns que atopamos mesmo nas incorporacións ó traxe popular: os panos ingleses de Pasley, os de Cachimir traídos das colonias polos navegantes, os aderezos imitando os da India... que eran mercados en feiras compartidas para dignificar o matriarcado e a casa.

Vella irmandade galaico portuguesa, cantada polo romántico Joao Verdes o poeta de Monçao, autor da "Verde Raia" co poema escrito en azulexo a carón do Minho: "Vendo-os assim tão pertinho,/A Galiza mailo Minho/São como dois namorados/Que o rio traz separados/Quasi desde o nascimento./Deixalos, pois, namorar/Já que os pais para casar/Lhes não dão consentimento."

Amoríos avivados no romanticismo por Murguía e Rosalía co arqueólogo José Leite de Vasconcelos. Adentrándose na obra de Camilo Castelo Branco, do historiador Alberte Sampaio, do polígrafo e arqueólogo Martíns Sarmento, do novelista e viaxeiro poveiro Eça de Queiros... relacións coidadas por Noriega Varela, Otero Pedrayo co patriarca do saudosismo, o fidalgo Teixeira de Pascoaes, sendo o seu predio de Amarante lugar de convivio para debater cuestións comúns. Amizade unida pola arqueoloxía entre López Cuevillas e Santos Júnior, Mario Cardozo... A constancia de Rodríguez Lapa, estudoso das cantigas de escarnio e maldicir galaico portuguesas. Arqueólogos e linguístas na busca e na normalización dunha cultura común: o castrexo, o romano, o altomedieval dos cristianizadores, o legado suevo, o priscilianismo, a misión de Martín Dumiense e de todos aqueles “homiños santos” que humanizaban as ribeiras sacras e o Val do Silencio, seguindo a Vía Nova que vencellaba Astúrica e Brácara cara ós portos, ós camiños do oriente tan traídos. As teimas dos reis poetas e sabios curmáns, Afonso X e o Rei Dinís, esposado coa princesa aragonesa Isabel, amiga de Compostela, santa amortallada de peregrina e á que aquela cidade lle dedica a rúa da Raíña.

Para adentrase nesta cuestión compre enxergar Guimaraes, preto das ribeiras do Ave, de Braga, de Vilanova de Famalicao, onde en Seide Camilo Castelo Branco tomou as derradeiras decisións...hoxe casa museo do escritor romántico. Mesmo preto do Porto, área que sofre a parte negativa da industrialización, a contaminación. Preto da gran Ara de Traíano, na vila das Caldas de Taipas. Monumento que pon a proba a importancia estratéxica do punto e a devoción ó emperador. Paisaxe de ancestrais tradicións na que os viñedos se enredan nos chopos e nos amieiros e baixo os que se fai festa e feira constantemente. Entre o que asoma a silueta do Castro de Briteiros e a apaixonada historia do romántico fidalgo destes predios, Martíns Sarmento, que o deu a coñecer. O edificio romántico da Fundación Martíns Sarmento de Guimaraes acolleu, mais que hoxe, estas relacións. Romanticismo arqueolóxico presidido polo emblemático coloso de Pedralva, esa gran escultura sedente, dous mil anos anterior a Paco Leiro, a que ergue un brazo ó ceo e outro á terra ... inexplicablemente levado do claustro do Museo ós accesos dun centro comercial. Todo un símbolo.

O Castelo domina Guimaraes, modelo de moitas outras enxeñerías defensivas do medievo neste occidente. Mais abaixo a capeliña románica do San Miguel, onde a tradición conta que foi bautizado Afonso Henríquez... ó seu carón o solemne Pazo dos Duques de Braganza, arquitectura do século XV... que lembra ás escocesas, rehabilitada dende o historicismo romántico, para ser cuartel, despois museo con coleccións das colonias, armamento... e mesmo punto de encontro en convivios e residencia ocasional para o Presidente da República.

O paseo levaranos á cerna da cidade murada: casiñas e casonas que conservan a dignidade da cor, dos caleados, as carpinterías ou revestidas de azulexo... enfiadas arredor da Igrexa matriz, dedicada a Santa María da Oliveira, onde conta a tradición que Afonso Henríquez plantou unha oliveira, enseña de Paz... Arquitecturas medievais complementadas na sensibilidade manuelina do XV... No centro o grande mosteiro das clarisas, o convento de San Francisco... nas aforas o dos agostiños, dedicado por dona Malfalda de Savoia, a muller de Afonso Heriquez , á mártir galega Santa Mariña, culto espallado polos conquistadores até Andalucía. Hoxe gabándose dese barroco tan a ritmo coas paisaxes... soberbia pousada nas encostas que soben ó monte sacro da Penha. Altar sobre a cidade independentista coas súas igrexas cristianizando un vello culto ás xigantescas penedas, onde conta a tradición que vivía en soidade eremítica o Santo Elías... e a onde acoden os que padecen de insomnio para coller o ritmo do sono e dos soños. As covas de Santa Catarina a quen está dedicado o monte, a do San Cristovo...

Guimaraes ten arrecendo e escintilar propio, por algo berce no que mimar o que nos identifica. Onde os galegos podemos atopar unha parte dese esfaragullado crevatestas da nosa mesma Historia. Unha Historia tamén de señores insatisfeitos e criados a servilos.