Galicia onte: luz que hoxe agoniza

Galicia onte: luz que hoxe agoniza

Do Galicia Hoxe en papel queda o que conservemos na memoria despois de tantas e afanosas páxinas escritas na lingua de noso con esmero e xeneroxidade. Case nada. Quedan, por exemplo, as míticas entrevistas dos luns realizadas por Manuel Vidal Villaverde, das que xurdiron algunhas frases brillantes, como esta de Francisco Pillado (A Coruña, 1941), "Mais a ética e a estética da dereita e de certa esquerda española está moi próxima a ideoloxía de Millán-Astray", ou estoutra de María Xosé Queizán (Vigo, 1939), "No referente á ideoloxía, moitas escritoras fan textos machistas que ignoran a opresión das mulleres. Que algo sexa escrito por unha muller non garante que sexa feminista. Non é cuestión de corpos, senón de coñecementos e mentalidades."

E ficará tamén no recordo a Revista das Letras, coordinada por Antón Lopo, coa colaboración de Montse Dopico. Neste suplemento apareceron textos, entre outros, de Igor Lugrís (Melide, 1971) -"Igual que pensarmos/ que existir é/ lembrar distancias/ e falar silencios"-, de Calros Solla (Pontevedra, 1971) -"Nun destes "amores de porta", o mozo tansmitiulle á namorada a súa intención de facer as Américas e, ao tempo, rogoulle que lle gardara ausencia.Tornaría e casarían. Na Galiza daquel tempo, emigrábase por necesidade, mais tamén por moda ou aborrecemento... (A namorada suicida)-, ou do colectivo As redes escarlata, con poemas, entre outros, de Chus pato (Ourense, 1955) -"Pero é o Nilo e unha imaxina os templos as cheas e os limos tan fértiles e o comezo da escrita e os cultivos. Quizais eles estean tamén fartos dos oasis. E unha imaxina os templos.Pero o río é un río que baixa a cachón; un dos ríos dunha nación afastada, tumultuosa."-, Anxo Angueira (Manselle, 1961) -"Año preto de ladra, cabuxa pecadenta,/ año ó forno, pascual, quero o óso das chucas./ Milady, per piacere, non zurriche na mesa."-, Alberte Momán (Ferrol, 1976) -"e nesta última copa/ consagramos a palabra/ o camiño iniciado por esta divindade/ sangue e sentimento/ que non sexa separada/polo corpo e a historia"-, Antón Dobao (Lugo, 1963) -"Non volveremos pasar medo./Así teñamos que nos desfacer dos coches, das casas/ e dos televisores, borralo todo"- ou do propio Darío Xohan Cabana (Terra Chá, 1952) -" Fume gris oufegante recubriu toda a patria,/ e o verdor dos carballos, camarada, e o cantar dos paxaros,/ negra son e barruzo e oquedades e silencio"-.

E conservaremos, por suposto, os artigos semanais de Xosé Manuel Beiras (Santiago, 1936) -"A eficiencia mídese polo cálculo contábel de custes e beneficios. Mais a actividade produtiva das empresas non só xera beneficios -que se aproprian elas- cando dan cubertos os custes internos da empresa -que pagan elas asimesmo. Tamén xera custes externos que non figuran no cálculo contábel das empresas. O esgotamento dos recursos naturais é un exemplo. A contaminación do meio ambiente ou o destrago dos ecosistemas son outros. Mais que as empresas non calculen como custes, nen como perdas patrimoniais, a extinción de recursos, a contaminación nen o destrago ecolóxico non impide que o sexan. Para quén, logo? Para a sociedade, para o común cidadán -para o patrimonio da humanidade, que non é privativo de empresa ningunha.

Dese xeito, carganselle á sociedade, á cidadanía, os custes externos das actividades produtivas das empresas -os custes sociais, culturais e meioambientais. Os que son remediábeis, págaos o erario público -cos cartos de todos. Os irremediábeis, destruen o patrimonio común das xeracións actuais e futuras. Na situación presente, chegan a pór en
perigo a supervivencia futura da especie humana e do proprio "planeta azul". Velaí a irracionalidade social da lóxica do mercado rexido pola racionalidade do lucro individual. Velaí o problema que só pode ser resolto coa visión que contempla ás sociedades humáns integradas na biosfera e dependentes dos ecosistemas que a articulan e manteñen viva en equilibrio. E que antepón preservalos a calquer cálculo económico lucrativo que os destrúa." (S.O.S. O Courel III. As alternativas-) e aqueloutros de Fernán-Vello (Cospeito, 1958), sempre atento á realidade política e social internacional, ao mundo do libro, ás autoras e autores que, dalgún xeito, captaron o seu interese. Medos Romero é unha. Enmma Couceiro, outra. Rexina Vega, outra máis. Tamén Ferrín. Sobre este último escribiu Fernán-Vello, na nosa opinión, un dos máis fermosos artigos. Afirmar, entre outras cousas, que o de Celanova "é un planeta literario en si mesmo, un mestre radical da beleza, creador dunha linguaxe de gran poder simbólico e material", parécenos, non só un modo de dicir extraordinario -é Fernán-Vello un perfecto esteta-, mais certeiro. Atinado. Realista. Porque a realidade é que, como o articulista afirmaba nese artigo, "Se Ferrín fose francés ou alemán, ou británico, poñamos por caso, a súa figura ocuparía hoxe, xunto cos máis grandes, o centro artístico-literario do noso tempo e sería recoñecido en toda a parte."

Nós diremos máis: a tribo dos "Afrikaces" que nos goberna expresa con cada actuación irresponsábel, coma esta de permitir que desapareza o Galicia Hoxe, un estraño e enfermizo desexo "autocida", determinado, por unha banda, pola preocupación de Feijoo na propia proxección fóra de Galicia e, pola outra, polo desexo de negar o carácter nacional do galego, ao que pretende recluír nun "folklorismo exótico" que, segundo el pensa ,"en secreta intimidade", facilitará a subordinación do noso idioma ao castelán. Deste xeito, coma quen non quere a cousa, fíxose defensor do bilingüismo e impediu a visibilización da nosa historia, algo que aumentará o "desafecto" e a indiferenza existentes ao respecto da lingua por parte dun numeroso sector da cidadanía galega.

En todo caso, redundar na idea da carencia de amor pola lingua e pola cultura de Galicia, non é o que quereríamos facer neste artigo. Consideramos sabido de todas as persoas, con certa conciencia nacional, que isto é demasiado evidente, que, como argumento, está ben, mais dá toda a impresión, vista a penosa situación actual, que unicamente serve dende un punto de vista endocéntrico e isto, cómpre telo claro, non produce ningún avance. A percepción do discurso nacionalista é, moitas veces, negativa, na medida en que nos consideran sectarios/as, fechados/as, endogámicos/as, románticos/as trasnoitados/as e, se cadra tamén, porque non dicilo, "plastas".

De manifestación en manifestación, para alzarmos a voz na procura de xustiza política ou social, levamos anos, e, sinceramente, a cousa non mellora. Tiñamos un decreto, asinado por Fraga e consensuado pola clase política galega, que, ademais de non se cumprir, supuxo a perda de miles de falantes, pois non se conseguiu prestixiar o idioma, nin normalizalo, é dicir, o galego non chegou a ser o que debería: a lingua dos filmes, da prensa escrita, da televisión ou da radio, das farmacias, dos supermercados etc.

Foi un decreto do que se falou, principalmente, no ensino, un espazo importantísimo de difusión no que, tristemente, apenas se difundiu, a pesar de se considerar "polémico" por atribuírlle un certo carácter "perseguidor", aínda que non perseguiu nada, nin puxo en xaque a ninguén, na medida en que un amplo sector do profesorado o incumpriu co silencio cómplice do claustro de profesores/as. Así é que, temos de admitir unha porcentaxe de derrota, non pola derrogación do decreto en si mesmo, mais porque, durante a súa vixencia, non serviu tampouco para apoiar a visibilización do galego nos medios de comunicación que, aparte do ensino, constitúen unha canle esencial para o devandito prestixio e normalización. Talvez por esta razón, xornais como La voz de Galicia, Atlántico Diario ou La opinión, escritos en castelán, percibiron, e perciben, subsidios da Xunta que ninguén, ou prácticamente ninguén, aparte do nacionalismo e do independentismo, cuestiona. E todo isto, sen contarmos con que tampouco é imprescindíbel o coñecemento do galego para aquelas persoas de fóra que veñen vivir aquí...

Daquela, se prestamos atención ao que sucedeu coa prensa en galego -eis a desaparición de A Nosa Terra, A Peneira, Vieiros e, finalmente, Galicia Hoxe-, ou coas axudas para editarmos libros, a conclusión faise evidente: a lingua galega malvive á intemperie. Que é o que sucede entón neste país? E que non sabemos comunicar o beneficio común que suporía para Galicia un proxecto nacional? Obviamente non sabemos. Algo falla na base. Así é que a necesidade dunha análise crítica e autocrítica faise imprescindíbel.

Ante unha cidadanía dormida, o labor é difícil. Porén, tampouco podemos pasar moitos anos máis ancorados/as na estratexia de propaganda e denuncia. Como cando de educar se trata, partamos dos coñecementos previos, isto é, do que aqueles e aquelas que queremos "espertar" saben de Galicia, da súa historia e da súa literatura. Realmente coñecen algo da Revolta dos Irmandiños? Leron a outros/as autores/as, aparte dos clásicos como Castelao, Cunqueiro ou Blanco Amor, por citarmos algúns nomes?

Entón, tendo conta de todo o que está a acontecer, parécenos que a inmensa maioría da sociedade galega vive atenta, sobre todo, á "realidade ficiticia" española televisada, eis a causa da indiferenza ante a perda paulatina da idiosincrasia nacional, pois o que ocupa o seu tempo de lecer é aquilo que produce certa satisfacción e, obviamente, se esta é inmediata, mellor. Isto sucede na meirande parte dos países. De todos modos, nós debemos ter presente que nin nas nación con Estado existe unha soberanía plena dado o control que exerce o poder económico, sustentado nesa sociedade do espectáculo que tanto e tan facilmente consegue entreter e, consecuentemente, distraer a atención do que si importa. Así é que o posibilismo político é unha tentación fácil na que non deberiamos caer, pois non suporía o realmente desexábel: unha aprendizaxe significativa.

Daquela, se esta é a realidade na que vive inmersa a maioría da poboación, como afirmábamos enriba, non sería máis atinado combatila e construír alternativas á marxe do sistema capitalista, para poder facer visíbel a tensión implícita, que seguir como estamos, sendo asoballados/as e aceptando esmola ao participarmos no xogo da política sistémica? E xa que estamos furgando na ferida, preguntémonos, por exemplo, se tendemos, en máis ocasións das desexábeis, ao egocentrismo personalista na política e se isto é unha das causas, ocultas no subconsciente, que nos fai incapaces de cedermos para entendérmonos entre nós. Preguntémonos tamén se cremos que estamos nunha posición de superioridade ética e nos deixamos levar pola soberbia intelectual ou política, ou se fomos, nalgunha ocasión, fríos/as e distantes coas persoas que se interesaron, minimamente, polo noso discurso, facendo uso da arrogancia...

Formulamos estas cuestión porque cremos que unha das causas do ancoramento podería ser, por exemplo, a existencia dunha certa atomización, e iso sen caermos no fetiche da unidade, que prexudica o funcionamento de determinadas accións que deberían levarse a cabo conxuntamente. Causa Galiza é un bo exemplo de unidade positiva, non baseada no control nin no dirixismo político. Asumamos entón a parte de responsabilidade que, ao noso modo de ver, nos corresponde. Sexamos realistas. Cómpre saír fóra do nicho, abrir os ollos e mirar todo con certa distancia para sermos quen de recoñecer que a existencia de prexuízos herdados nas bases separa aquilo que debería ficar unido, e, isto, guste ou non, rematará por estragalo todo. Para que non aconteza tal cousa, sería desexábel ceder, insistimos, nalgúns aspectos e chegar a acordos mínimos ao respecto da difusión do noso ideario político, pois, de pouco ha valer a brillantez dun proxecto que nunca poida ser levado a cabo. De pouco servirán entón, os manifestos lidos por poetas diante de persoas xa concienciadas. De ben pouco. Ese tipo de actos, sen dúbida emocionantes, acadaron, a día de hoxe, un importante carácter simbólico para nós que é, malia que nos doa, inversamente proporcional á indiferenza con que é percibido dende fóra do noso ámbito. Algo así só tería sentido e efectividade, nunha comunidade sensiblizada co problema que nos ocupa que, neste momento, é, sobre todo, a cuestión da lingua, dado o acoso que recibe o idioma galego por parte da Xunta de Galiza, cuxa cabeza visíbel, Feijoo, ha pasar aos anais da historia coma un execrábel lingüicida político. Nin máis, nin menos.

A cousa está clara -e insistiremos nisto porque é necesario facelo, malia que se saiba de vello-, ninguén pode amar o que non coñece, así é que o "desafecto" existente, ao respecto do galego na nosa sociedade tristemente dormida -por non dicir outra cousa- deriva do descoñecemento. Sábese, por exemplo, moito máis do Père Noël que de O Apalpador. Leuse, preferentemente El País, El Mundo o La voz de Galicia, ao tempo que se ignorou o Galicia Hoxe, A Peneira, A Nosa Terra, Vieiros e o Novas da Galiza -o único xornal galego en papel que sobrevive-. Prefírese a fondue a unha cunca de caldo. Parece máis "chic", como comer sushi ou beber soda que tomar empanada ou sifón. Son cousas dos/das "alleados/as". Sentir o propio como algo inferior, por percibilo burdo. Pouco fino. Isto é así, guste ou non, na medida en que deste xeito fomos educados/as, mirando sempre para España, Europa e Estados Unidos, colocándonos por debaixo.

Talvez por esa razón, pola educación alienante recibida, para os/as colonizados/as, todo o de fóra é mellor, ten máis interese, está mellor pensado, organizado, distribuído, presentado e, xa que logo, ofertado. A causa da presunta imperfección, nin se busca seriamente -non interesa-, nin se quere analizar, pois iso implicaría recoñecer o propio complexo e tamén, porque non dicilo, a ausencia de creatividade para xerar algo propio.

Daquela, o que fan continuamente estes "galegos/as accidentais" é acusar de falta de perspectiva, principalmente, e, xa que logo, de escasa visión para os negocios. De non querermos copiar daqueles países que si saben "venderse" e, en consecuencia, poden ofrecer produtos interesantes. Mercancía necesaria. Así é que afirman, por exemplo, que posuímos materias primas que non temos nin idea de vender. En resumo, para que nos entendamos, parécellles que tendemos, en exceso, ao folklore, isto é, que somos antimodernos/as, algo ben preocupante, na medida en que resulta imprescindíbel mudar o concepto actual do que é a modernidade en tanto que leva implícita o fluír eléctrico dunha sociedade líquida, descomprometida, egoísta, vaidosa, prepotente e moi moi obediente.

Daquela, visto o panorama, urxe unha reflexión diferente da habitual que derive, en consecuencia, como xa indicamos máis arriba, en accións distintas, á marxe do sistema, e, talvez por iso mesmo, máis complicadas na medida en que han esixir moita máis xenerosidade e implicación da nosa parte. Así é que, ao noso modo de ver, deixar a un lado as diferenzas ideolóxicas que, a pesar de seren interesantes, nos levan por camiños ben infrutuosos, sería un bo comezo. Poñámonos, por favor, de acordo en algo, abandonemos a moqueta política e cultural, saiamos á rúa, non só para manifestar a nosa raiba, senón tamén para entregar parte do noso tempo e traballo -do que tantas veces nos gusta presumir- e fagamos algo de xeito desinteresado, gratuitamente.

Se nos quitan subvencións, se nos deixan á intemperie económica e cultural, xeremos nós algo propio, sen necesidade de apoios políticos oficiais. Independicémonos. Non deberiamos ter medo de ser libres porque, ao fin e ao cabo, é difícil que nos poñamos peor do que xa estamos. Reflexionemos sobre o caso da prensa en galego, analicemos a debilidade que implica a dependencia económica, pois, por moito que, en principio, pareza permitir unha visibilidade maior da lingua e, por ende, da cultura, queda claramente demostrado que é esta unha visibilidade ficticia, na medida en que, en primeiro lugar, é unicamente observada polo conxunto nacionalista ou independentista, e, en segundo lugar, ten unha capacidade de permanencia conxuntural, en tanto que depende obxectivamente, das concesións do Goberno en cuestión que, como se ve no caso do actual, non sempre está polo labor de favorecer e difundir unha idea de nación que só acepta dende un punto de vista burocrático politicamente correcto.

Se a lingua estivese normalizada, e con ela a cultura, non habería estes problemas e non teriamos que mirar de poñer cartos do noso peto, pois o propio Goberno faríao, como o está a facer con outros medios de comunicación en castelán, tal é o caso de Atlántico Diario e La Voz de Galicia, como xa dixemos. Porque eles si e nós non? Pois, entre outras cousas, porque vivimos nunha nación sen Estado e, como moi ben dixo a poeta María do Cebreiro, "as nación sen estado teñen vento". Nós temos aquí instalado un furacán permanente e, polo que se ve, quere arrasar con todo. Levarnos por diante. Non podemos permitilo.

Daquela, para evitarmos a debacle, deberíamos tomar nota do que levan facendo tantos anos as persoas que traballan arreo, e desinteresadamente, no xornal mensual Novas da Galiza, cuxo único sustento é un impagábel capital humano que, convencido da necesidade de preservar a comunidade nacional, ofrece parte do seu tempo para sacar adiante este proxecto que, a día de hoxe, e malia os atrancos vividos, continúa a súa andaina en liberdade. Feijoo non poderá quitar nada aos xornalistas e colaboradores/as do Novas da Galiza porque nada lle pediron e, consecuentemente, non dependen en absoluto dos seus designios.

Con esta breve análise, non se pretende deixar caer, en ningún caso, que as subvencións sexan algo reprochábel. Unicamente se intenta transmitir a necesidade de buscarmos outras vías máis seguras para nós nestes momentos, dada a política lingüística dun Goberno que non ten pensado apoiarnos en nada. Pedimos entón o abandono do personalismo excesivo e, xa que logo, do egocentrismo e da vaidade, de certo, improdutivos. Solicitamos apoio para o labor de difusión cultural dos Centros Sociais. Reclamamos, en suma, a creación dun soporte económico propio, independente da Xunta. Nin máis, nin menos.