Feinmann e a "Crítica da razón imperial"

Feinmann e a "Crítica da razón imperial"

O pasado domingo 19 comezaba a publicarse conxuntamente co xornal Pagina 12 o coleccionable "Crítica de la razón imperial" da autoría de José Pablo Feinmann (JPF). Se o xornal "Pagina 12" xa é unha publicación singular, este xeito de divulgar a filosofía e o pensamento político entre as masas é unha actitude inédita entre os intelectuais actuais, quen na maioría dos países prefiren manterse repregados sobre os seus inútiles labores académicos, alimentando un status que se vería ameazado si se "baixan" a empregar esa linguaxe coloquial e un formato tan "vulgar". Non é que non houbera filósofos que se usaran a fala do "home da rúa", que os houbo, como Ortega y Gasset, que mesmo fixeron diso unha marca distintiva e castiza co que imprimir un cuño "nacional" ao pensamento abstracto; mais nunca se chegou a ese nivel divulgativo conservando ao mesmo tempo o rigor científico.

Quizais para comprender a especificidade Feinmann habería que contextualizalo en Arxentina, nun país que tocou fondo, e que finalmente tivo que deixar de mirarse nos espellos do primeiro mundo para verse tal como era, e recoñecerse a si propia. Os tópicos poden valer para anticipar que os arxentinos sabían moito de psicanálise e de filosofía francesa, pero tamén hai que lembrar que ignoraban moito sobre si mesmos. Era unha ignorancia atrevida, unha ignorancia suicida que fixo que fose posible que desapareceran diante dos seus ollos máis de 22.000 persoas, pois esa ignorancia que alegaban como escusa era horrendamente útil para seguir a vivir de ilusións. E ao fin o "realismo periférico" de Menen levounos ao desastre, mesmo á fame e remataron asumindo que non podían vivir máis tempo de costas a si mesmos e precisaban saber como chegaran a onde chegaron para tratar de buscar como saír do burato no que se atopaban.

Compre lembrar que Feinmann xa no 1982 con "Filosofía y nación" tomara postura pola necesidade de estudar e analizar o que el ambiciosa e atrevidamente chamou "pensamento arxentino". Cando no 93 o entrevista Raquel Angel para o indispensable libro "Rebeldes y Domesticados" aclara: "un pensamento é unha toma de conciencia". Denuncia o que chama pensamentos de "segunda man" porque fan que os arxentinos, atentos a última moda nas correntes filosóficas europeas, rematen sempre chegando tarde pois a ausencia de pensamento autónomo fai que mentres se transcriben as copias, os orixinais xa mudaron ("cando teño as respostas, xa trocaron as preguntas"). Mais tamén, como pensar a posmodernidade igual en arxentina que en EEUU? Di "Non imos a modernizarnos nin imos entrar no capitalismo terciario, porque a modernización require, esencialmente, o atraso duns países en beneficio do adianto doutros". Isto, dito antes do "corralito" a xeito de profecía.


,JPF topouse co "suxeito mediático" como el chama, e logo de anos negándose a ver a TV e despotricar contra o lixo que vomitaba, recolleu o envite que lle lanzaron e púxose a levar a cabo un programa de televisión de filosofía. Algo que por definición parecía imposible, se ben xa o intentaran outros, mais o escaso éxito destes antecedentes non persuadiu a este intelectual.

El atopou cun medio que trataba de lograr que o espectador fose un mero receptáculo pasivo. Non se fixo a TV para provocar no televidente que exercera ningunha outra actividade que non fose asimilar o que se lle ofertaba. Por iso era complexo un proxecto no que o obxectivo era fomentar que o espectador pensase. Que o espectador actuase.

Na súa 1ª Temporada de "Filosofía aquí y ahora", e grande parte da 2ª, abordou figuras relevantes da historia do pensamento universal, máis comeza a prestar atención aos autores locais que xa viñan sendo citados por coincidencias ou referencias cos anteriores. Entra pouco a pouco no que el chama a filosofía latinoamericana. Na terceira temporada vai máis alá e chega a facer capítulos como "O 30 e a metafísica do tango".

,
Xa no seu programa “Cine con texto” metía dente á cultura popular audiovisual para diseccionala desde a perspectiva filosófica, e falar de Cine, era tanto como falar da cultura norteamericana que estaba a colonizar de xeito acrítico as nosas vidas. Ese pobo peculiar que é o arxentino, no que nas seccións do xornal, ademais de deporte, economía ou sociedade, atopamos a de psicoloxía, parece que consegue erguer cabeza a medida que “toma conciencia” de si, isto é, canto mellor se coñece. Nese labor non é pouco o esforzo de JPF, quen xa dedicara unha enciclopedia a estudar ese misterioso fenómeno que é o peronismo (“Filosofía política de una obstinación argentina”) á que contou con 130 fascículos. Non imos caer na contradición de promover aquí unha corrente de seguidores de JPF, senón a necesidade de que haxa JPFs galegos. Se celebramos esta nova andaina do seu labor intelectual non é só polo contido dos seus textos que son moi intelixentes e suxestivos (aínda que poidamos discrepar nalgúns aspectos) é por envexa san do labor que realiza para beneficio do seu país pois ben seguro -sen caer no idealismo- que o noso tería avanzado bastante se labores como as da Aula Castelao e de profesores exemplares como Ramón Regueira Varela tivesen tido o apoio e seguimento necesario cando se botaron a falar daquela -a comezos dos 80- do “pensamento galego”. Agora que por primeira vez aparece o “pensamento galego” no currículo (non imos aquí comentar como se conseguiu) o problema é: quen se atreve a dalo (coa selectividade aí enriba)?, con que materiais se conta?, máis sobre todo, que prexuízos temos que vencer entre o propio profesorado de filosofía para que non se rían dun cando se lle propón semellante tarefa? Aquí non hai “Pagina 12” nin unha televisión pública educativa. É certo que hai xente que voluntaristamente vén facendo grandes cousas, mais aínda queda moito que andar e JPF non o vai facer o camiño por nós, pero seguro que nos ilumina para mellor albiscar que carreiros percorrer. Benvida pois a súa “Crítica da razón imperial” que agardemos poder consultar en breve na web.