Épica das antecesoras.

Épica das antecesoras.
Introdución (ou xénese).

Convidáronme a falar do mar na poesía galega, un tema sobre o que teño reflexionado en máis dunha ocasión. Desta volta, pedíanme, tamén, que falase do mar na miña obra.

Para tratar o tema reparamos na súa presenza na obra das xeracións literarias anteriores, no tratamento do mar como espazo, tema, símbolo. O caso é que, neste país noso con tantos quilómetros de costa e tan importancia actividade pesqueira, semella que vivamos de costas ao mar, tamén no que ten que ver coa literatura. Posibelmente un dos motivos estea na pobreza conxénita das xentes do mar, que tardaron xeracións e xeracións en conseguir que os seus fillos se formasen e desen voz ás súas angueiras. Ou a necesidade de fuxir do que nos magoa.

Sexa como for, se a palabra escrita ten a capacidade de crear mundos, ten tamén a potencia necesaria para mudar as sociedades a través da descrición(/cuestionamento) do tempo en que vivimos e da incitación ao pensamento crítico. Porque a literatura forma parte da construción da sociedade, xa sexa para perpetuar os modelos impostos, xa sexa para combatelos e/ou propor alternativas. Por iso alguén cualificou a literatura como arma cargada de futuro.

E eu, como tantas e tantos de vós, preciso mudar este presente e para iso emprego as ferramentas coas que me sinto útil, séxao ou non realmente.

Por iso escribo. Por iso escribo o que escribo e como o escribo.


A épica das antecesoras.

A paisaxe é un potente motor literario, a memoria tamén. Para min sono. Especialmente a memoria das mulleres que traballan no mar. Non é alleo a esta convición o feito de ser eu descendente desas mulleres de mar, da que agardaba no porto a chegada das chalanas en días de temporal, da que abría a porta da casa para alimentar aos que non tiñan que levar á boca, da que se negou a casar a filla, malia empreñar e ser nai solteira, da que saíu ao mar para rescatar o compañeiro espido nunha balsa ao pairo, da peixeira, da que alistiu palangres, da que empacou peixe noite tras noite coas mans e o corpo no xeo…

Todo ese salitre se me meteu nos ósos e agora sáeme entre os dedos das mans. Non sei se as palabras que con el deseño dan a medida desta herdanza acumulada ou serven para restaurar a memoria de todas elas, as miñas e as doutras, esas mulleres que cargaron coas deformacións do frío e a noite, o peso dos fillos, o alcol dos mariñeiros náufragos e a pobreza das casas estreitas en que a penas había espazo para parir.

Teño para min que as mulleres do mar son as invisíbeis entre as invisíbeis. Ocultas tras as angueiras dos esforzados mariñeiros que se xogaban a vida en cada lance e en cada marea. Elas mesmas antepuxeron a vida dos homes á súa propia, abríronlles o camiño, mentres o pecharon para si mesmas. Mais se hoxe estamos aquí e enarboramos a memoria foi polos esforzos delas na casa, na rúa, na praia, no porto, no mar.

Por iso eu, que sigo aprendendo a alistir palabras, asumo a tarefa de lles dar voz, de colocalas no centro da escena, de darlles o espazo que nunca tiveron. E fágoo con orgullo e sen amedrentarme ante os estigmas que xa me apuxeron: escritora que escribe para mulleres, desde a experiencia e a memoria, autobiograficamente.

Si, escribo así, como tantos escritores (si, si, eles tamén) e tantas escritoras antes ca min. Como María Mariño naquel verso imprescindíbel: “Tiven medo de vogar,”

Mais, aviso a navegantes, a memoria non é un mapa. A memoria é materia reconstruída, por tanto verosímil, mais non sempre real. A memoria é relato elaborado polo eu poético que nos fala desde o poema. A lectora achégase, mais nunca entra definitivamente na casa da mente. E aínda que así fose, deixaría de ser literatura? Eu respondo, non.

Como escritora creo que o meu cometido é alicerzar a épica das antecesoras a través de imaxes en que reflectirnos e construírnos contra o patriarcado. Un cometido que moitas asumimos conscientes e, por iso, sen frearnos por ese estigma que acada tamén a sociedade literaria e pretende converternos en caricaturas, para así negar a potencia social do noso papel literario. Porque si, algúns nos colocan fóra da literatura, da que leva as lentes do patriarcado, pois xa comprobaron que si, que coa palabra tomamos consciencia e que cada día avanzamos na procura de derrubar esta sociedade patriarcal.