“Eloxio das fronteiras”... á deshumanización e á explotación

“Eloxio das fronteiras”... á deshumanización e á explotación

Mesmo despois da raia do Máis Alá imaxinamos un paraíso sen fronteiras. Todo ten o seu límite, contos e lendas baséanse neso e houbo quixotes saídos de nai que se botaron cara adiante, a buscar Jaujas e trastornaron o rumbo, outros desnortaron, perdéronse e non retornaron a súa Itaca. A intelixencia aguillóanos a saír e a aprender a non perderse. Os ricos van voando onde queren, os pobres fano en pateiras . E nesa ansia de fender fronteiras físicas e psíquicas a cultura ofrece o seu caderno de bitácora para non petar no mesmo petón.

Servimos sobre a mesa o debate arredor do monoculturalismo ou o desarraigo multiculturalista, o sinfronteirismo co salvoconduto das franquías, os lobbies político financieiros, as multinacionais ou ben o humanismo que non debe confundirse con canto comporta o paternalismo de enviciada intimidación dun considerado superior.

Nesta esquina verde esquecida, a do limes ou do Limia, o río do esquecemento, un vello sabio do Carballiño, de profesión corticeiro, dicía que os males no mundo comezaron cando se tenderon pontes, moitas das que se dicía foron erguidas nunha noite polo Demo sobre caudalosos ríos. Algúns outros vellos,os de hoxe, xa máis resabidos, feitos a patrón do consumo, bótanlle as culpas dos males ás pontes internáuticas. Uns e outros saben que o que une tamén desune. E velaí para semellantes diatribas esta parte do humanismo que é o que estamos facendo, a Filosofía.

Enxergar, aprender o que sirve e temos que recoller, defender e ofrecer, por exemplo aquel principio básico: endexamais á explotación dun ser humano por outro ser humano. E arredor disto todos os mandamentos, constitucións, leis e dereitos humanos , entre os que está a liberdade e os que nos levan a vixiar as fronteiras que sinalan o que hai que coidar, respostas culturais, tradicións, idioma, a distinción, os particulares aportes ao universo. Aínda que hoxe nesta sociedade global , “on line”, enguedellada no “sans frontiéres” ou no “citizen of the world”, a defensa da leira tribal soe un tanto arcaica. Sirva o que lembraba Verdi , que “retornar ao antigo será progreso”, non hai un paso adiante sen o seu referente paso atrás e por medio o linde. Coincidimos en que, entre un débil e un máis forte, necesariamente compre esa raia da fronteira que recoñeza dereitos. E xa non digamos entre a soberanía dunha colectividade, quizais entre o esperpento do inxenuo pobo asoballado e os sofisticados xeitos do supermercadeo capitalista, onde producen uns para aducir a consumir a todos os demais. E sobre todo a raía de termo entre esoutros imperialismos que ofrecen respostas atoleiradas baseadas en fanatismos relixiosos. A fronteira é defensiva e ofensiva, protexe a paz ou provoca a guerra, humilla ou libera, une ou separa...

Rousamos arredor de “Eloxio das fronteiras”, o título dunha sisuda conferencia e libro do francés, filósofo marxista e compañeiro do “Che”, Regis Debrai, experto en transmisión cultural, en medioloxía. Foguete de luminosas ideas pro mundo de hoxe, onde o que realmente somos é o qué e o como transmitimos.

O pelexo de calquera animal, a monda, a casca dun froito , a cortiza dunha árbore actúa como filtro entre o interno e o externo...e cando compre usamos bisturí, o coitelo, o fouciño pra separar. A fronteira é a pel das sociedades, a pasaxe reguladora. Aínda que compre asomar, entreabrir portas e botar fora da cuncha, saír de Itaca, pra asumir a ambivalencia das fronteiras, aprendendo a dar e recibir por amabas as dúas partes, a separarse de tribalismos prehistóricos e prepotentes paternalismos que aínda levamos prendidos, como o daquel vello sabio do Carballiño. Aprender a previr o traxecto que hai entre o etnocosmos, a aldea global e o labirinto do petulante tecnocosmos multinacional.

Os dogmatismos non son máis que ama de cría da irracionalidade e dos fanatismos. Deus dogmatiza, delimita o Paraíso; Rómulo colleu o arado marcou os límites e coutou Roma, de seguido ditou normas... O arbitrio supremo impón o arbitrario, tratados, anexiones, excisións... e por medio as fronteiras. Un mundo sofisticadamente “democrático” ebrio do abuso do poder, evasores, negociantes sen fronteiras, materializan un novo negocio de construción de grandes murallas, complementadas con concertinas, cámaras de vixilancia, sensores térmicos, os gardas, as armas...e pra desafialos a noite , túneles e arriscadas artimañas. A fronteira é outra cousa.

Ao ser humano, dende o nacemento, incentívaselle o concepto do limítrofe do “outro”, algo imposto pola mesma natureza, as liñas serven para delimitar, como os números, as cores... entón os cartos... e todo é relativo a algo, o un ao outro. Facemos de todo dialéctica, dividimos entre anxos e demos, bos e malos, sacro e profano, civilizados e bárbaros... Os templos teñen o seu adro sacro e neles consagramos tal couto á necesidade dun deus e duns espíritos ou fantasmas; a casa protéxese do exterior... Entramos, confirmámonos e saímos dunha comunidade baixo rituais e símbolos que marcan. Apampamos e cegamos en poñerlle principio e fin a todo, ao mesmo universo... Sentimos morriña nacional, da propiedade, dos marcos e dos fitos que separan a terra e o tempo. E velaí as loitas castrexas, parroquiais, feudais, políticas, civís, por salvar leiras. Herdos sobre os que se montan liortas fronteirizas, futuros imperfectos. As cicatrices das guerras usaranse tamén como lindeiros.

A raia actúa de defensa, de resistencia fronte ao medo á disolución nunha concentración parcelaria, a esvaer na internacional das franquías, na uniformización , a estar fora de cobertura, para non sucumbir ante a Lei do máis forte, en novos xeitos de imperio, nun sinfronteirismo de labia pero con pasaporte VIP e tarxetas black, que loxicamente segregan a bile de reaccións. A metáfora da fronteira ideolóxica, fronte aos abusos sintetízase nos versos de Nicolás Guillén, “...Al corazón del amigo /abre la muralla/ Al veneno y al puñal/cierra la muralla.... Alcemos una muralla/juntando todas la manos/los negros, sus manos negras/los blancos, sus blancas manos .../ A idea de fronteira muda co tempo e sempre haberá unha ultima fronteira e un paso franco á ética.

E tanto “prohibido el paso”, “propiedade privada”, e tantos ismos como tantos egos. Hoxe - e mañá máis- a sutiliza dos medios fende as fronteiras ideolóxicas da mesma casa, viola e penetra e todo se somete ao mercantilismo. O desarraigo esvaece os coloríns do globo terráqueo. A economía globalízase, a política provincialízase no peor senso...o río revolto.

O esperanto non movía a economía e o idioma - que é compañeiro dos imperios - fai que se impoña o inglés ou globish, neoloxismo proposto polos técnicos de IBM, fronte ao alemán, ruso, chino... Todo está determinado polos lobbies político-financieiros. Edulcórase a ilusión ideal do país único, paraíso, “sen fronteiras” un xeito da Xerusalén celeste, sen tribos, ditatorial, dunha única relixión .... E velaí o menos malo : a perfección da imperfecta democracia . Non contan as fronteiras para o quentamento global, o fica, as avespas asiáticas, os ciberataques, os paraísos fiscais, o narcotráfico, os evasores.... e outras pragas de aduaneiros sen fronteiras. O mapa é unha proxección mental, a fronteira é cuestión ética, coa que rematamos facendo castelo.

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén
.