Do pesimismo para a acción

Do pesimismo para a acción

Sería estúpido negar que colle forza nestes tempos a tentación de ficarmos na calor do laio compartido, o risco de paralizármonos presos dun contexto profundamente hostil, no que semellan derrubarse ilusións e desaparecer voces e espazos que, dun ou doutro xeito, sentimos nosos. A realidade que vivimos non convida máis que ao pesimismo, e por máis que sabemos que dese pesimismo debe xurdir coraxe para reaxir e para actuar, é sinxelo comprender o medre da desesperanza. Na sociedade e tamén en nós.

O chamado mundo da cultura non escapa a esa certa depresión colectiva que sentimos. Se cadra, nalgúns aspectos, aínda a vive e padece con maior intensidade, por ser un dos sectores máis castigados -desde a demagoxia neoliberal da "austeridade" e os recortes aplicados en función dela- pola crise económica. Confírmase o sabido: do 78 a hoxe a percepción da cultura non mudou de gasto a investimento, de luxo prescindíbel a nutrinte social básico. Tampouco, ollo, entre boa parte do que se supón é o noso campo ideolóxico. Unha cousa son os lemas e outra as conviccións e as praxes.

Non teño dúbida de que, por moito que os verdugos sexan do equipo contrario, no propio -creadores, xestores, políticos- temos cometido erros graves nestas décadas. É vantaxista dicilo hoxe, mais nesa lista están, ao meu parecer, a cegueira polo fulgor do espectáculo e o macroevento, a aposta desde o ámbito público polo artista estrela e mediático, o abandono político -desprezo silencioso, en moitos casos- do asociacionismo, da cultura popular e da cultura de base (que aproveitaron outros de maneira folclorizante, si, e tamén moi rendíbel e útil para os seus intereses).

Con todo, é obvio que a Administración autonómica foi a peza clave no retroceso vivido: a colonización -pódese dicir hoxe tal cousa?- avanzou no campo da cultura e da lingua, ao igual que avanzou e avanza de forma gravísima na base económica e financeira do país. Mais non todo é fenómeno recente imputábel a Feijoo: Ana Iglesias demostraba hai uns cantos anos, no seu Falar galego: no veo por que, a perigosidade potencial dos resultados da política lingüística experimentada durante a época Fraga e anteriores, sen que a preocupación cundise excesivamente nas nosas ringleiras.

Hoxe o discurso españolista na Galiza radicalizouse, si, mais en boa medida porque o campo estaba sementado. O que antes resultaba politicamente incorrecto pode prender agora, sen moita elaboración, nunha parte desta sociedade que a novísima dereita -no termo de M. Barreiro- quere á súa imaxe e semellanza: cínica e nihilista. Da política cultural deses anos, de por parte, xa temos falado en artigos anteriores. Aposta papanatas polo de fóra, turismo e identidade folclorizada, silencio e invisibilidade -social e mediática- para a creación de noso.

E porén...

Sen cairmos nos lemas dos gurús de a perrín e medio (la crisis es una oportunidad para cambiar e demais sandeces) si diremos, contodo, que a crise e o contexto político obrigan, no campo cultural e lingüístico, a repensar moitos modos e maneiras. Algúns seguramente para ben.

Moitos e moitas de nós -se algunha vez non o fixemos- volveremos darlle valor central á batalla das ideas e non só aos resultados inmediatos, sen contrapoñer por iso unha e outra cousa. Moitos e moitas de nós venceremos os prexuízos e formarémonos -como fai a dereita desde hai décadas- para sermos quen de trasladar as nosas ideas da mellor maneira, facéndoas centrais e compartidas por veciños e veciñas. Moitos e moitas de nós apostaremos por actuar desde asociacións de veciños, comisións de festas, clubes deportivos e demais espazos colectivos normais, e compartiremos neles as nosas propostas desde a nosa orientación, sen paternalismos e axudando a rachar prexuízos. Moitos e moitas de nós esforzarémonos en non caír en sectarismos e caricaturizacións similares aos que padecemos decote por sermos o que somos e militarmos onde militamos, e tentaremos non ver inimigos onde só hai puntos de vista diferentes, ou boas intencións, ou raiba sen canle que non nos atopou no camiño (e será que non nos presentamos correctamente?) para se organizar (coñezo unha canta dentro do 11M, crédeme). Moitos e moitas, tamén, compartiremos e apoiaremos o esforzo e o traballo de cada concelleiro e concelleira, de cada cargo público do BNG, e tentaremos analizar os porqués dos resultados eleitorais onde gañamos (sen clixés e sen apriorismos, por favor) e onde retrocedemos, reafirmándonos orgullosos na pertenza a unha organización na que todos e todas somos iguais: militantes e alcaldes, deputados e responsábeis locais.

Non é fácil conxugar a raiba polo que detectamos e padecemos co infrutuoso da maioría dos nosos esforzos. Porén, non queda outro camiño. Non queda máis que traballarmos, como facemos, por actuar organizada e colectivamente por unha saída que supoña máis democracia, máis liberdade e máis benestar para os pobos e as maiorías sociais. Na Galiza, pois, por unha saída construída desde os valores e as ideas nacionalistas.

E nesta aposta, no que nos queda por diante, a cultura e a lingua deben ser elementos básicos, como non podía ser doutra maneira. Precisamos da creación, da identidade e do compromiso, do talento e da beleza, da emoción e da memoria, para facer máis habitábel e máis noso o camiño por andar. Moitas persoas e colectivos do campo (socio)cultural sábeno tamén, e están nesa liña que parte do local, da proximidade, do contacto humano, do valor da experiencia, do coñecemento e a autoestima polo propio. Da consciencia do que supón facer cultura na Galiza, e do seu carácter fondamente político. É esa a cultura que hoxe máis nos interesa e pola que debemos, desde os nosos espazos de influencia, apostar.