Desde o labirinto a Rosalía

Desde o labirinto a Rosalía

Estes días anda a presentar Francisco Rodríguez o seu libro Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria. Malia o importante suceso que supón para a cultura galega, poucas destas presentacións en cidades e vilas contaron nin van contar co debido eco dos medios de comunicacións de masas. Mais han contar coa axuda de todos nós, das asociacións culturais de base, de entidades pedagóxicas, organizacións sindicais de profesorado, organizacións xuvenís... Da mellor maneira posíbel para facermos chegar a figura e a obra rosalianas até o último curruncho da nosa patria.

O pasado 4 de marzo comezou a singradura na cidade de Ferrol. No Salón de actos da Fundación Caixa Galicia, ateigado de público, tivemos ocasión de lembrar como estudos tan monumentais como o de Francisco Rodríguez sobre Rosalía non nacen senón dun esforzo perseverante de moitos anos e de moita dedicación na vida dunha persoa. Considereime afortunado dobremente, en primeiro lugar por poder compartir o proceso de elaboración do libro editado pola AS-PG, lendo os capítulos a medida que ían sendo redactados, xunto con outras persoas, sen haber lugar á reserva e ao pudor de dar a coñecer antes de publicar, cousa que é de agradecer. Tamén tiven a sorte de coñecer de primeira man nos últimos trinta anos as preocupacións constantes e os descubrimentos de Francisco Rodríguez sobre a obra e a figura de Rosalía. Coido que todos os que o coñecemos un pouco saberemos valorar ese labor iniciado nos anos setenta e que agora ten unha feliz culminación nesta obra publicada a pouco de conmemorarmos o 125º aniversario da súa morte.

Non pode entenderse, desde logo, sen recoñecermos o traballo rigoroso previo de análise minuciosa e comentario dos textos rosalianos, un labor practicamente consumado na década dos setenta. A comezos dos anos oitenta, concretamente no curso 1980-81, tiven a sorte de coñecer no Instituto de Bacharelato da Estrada un xeito novo de vivir a literatura a través dos seus comentarios literarios, dun xeito especial sobre poemas de Rosalía. Era un enfoque directo, intensivo, que daba prioridade ao coñecemento centrado nos textos básicos ou máis representativos. De aí partía a motivación principal para aproximármonos logo pola nosa conta a outros aspectos máis secundarios, a aspectos biográficos, históricos, a outras obras e a outros autores. Lembro fundamentalmente de Cantares gallegos Castellanos de Castilla, A gaita gallega, de Follas novas, Xan, ¡Soia!, Tembra un neno no húmido pórtico, Pelouro que roda... entre outros.

Naqueles duros comezos dos anos oitenta, moitos de nós, formabamos unha grea de mozos e mozas inadaptados e condenados a vagar, perdidos no labirinto da vida. Grazas á aquela toma de conciencia a través da literatura galega, moi especialmente de Rosalía, conseguimos saír da confusión e recoñecérmonos como galegos. Non en balde, na propia lapela do libro faise referencia a ese "labor docente de impacto moi positivo". A partir de aí viría o noso interese polos outros clásicos do Rexurdimento, por autores do século XX como Cabanillas, Castelao, os membros do Grupo Nós, Blanco Amor, etc.

No mesmo 1980, conmemorando o centenario da publicación de Follas novas, Francisco Rodríguez publica en A Nosa Terra (nº 106) un sintético e contundente artigo, que pon de manifesto unha comprensión avanzada do significado do noso clásico por excelencia: "Rosalía: cen anos de resistencia contra da hipocrisía burguesa". Unha mensaxe tan nidia, insistimos, só é posíbel tras "unha exhaustiva e reiterada lectura e análise dos poemas", xunto a moitas intervencións públicas en actos de todo tipo, conferencias, algunhas en sitios insospeitados, no medio do monte, como di el na introdución ao libro.

Por aquelas datas, intuímos tamén que descubrindo a Rosalía era posíbel descubrirmos un xeito de ser rosaliano, onde non quedaba lugar para a simplificación en ningún eido da vida nin no máis íntimo nin no ideolóxico. En Rosalía estaba todo, un universo complexo que ía desde o social ao máis particular, que nos permitía abrirnos á comprensión de moitos conflitos que aínda desacougan ao ser humano. Mais, por riba de todo, estaba o exemplo, a actitude de rebeldía e de transgresión dunha muller que expresaba case todo o imaxinábel desde a lingua dos oprimidos e para a pervivencia da patria. Que chegaba -como puidemos ir descubrindo pouco a pouco- até a beira dos abismos, dos misterios e do inefábel....

A partir do ano 1983, o labor investigador de Francisco Rodríguez, sustentado en fondas conviccións, vai dar o salto cualitativo definitivo: a necesidade de contrastar con datos extrínsecos e contextualizadores o que xa era unha interpretación avanzada do sentido da obra rosaliana. Un traballo cheo de entusiasmo -tamén de dificultades, segundo lembramos-, de tenacidade, que deu como resultado a súa tese de doutoramento, publicada como Análise sociolóxica da obra de Rosalía de Castro en 1988, tamén pola AS-PG. Foron moitas as horas de empeño nas que o autor analizou os materiais (xornais, revistas) de máis dunha ducia de arquivos e hemerotecas en Galiza e no resto do Estado. O tribunal presidido por Carvalho Calero e composto por Pilar Vázquez Cuesta, Claude Henri Poullain, Xosé Ramón Barreiro e Anxo Tarrío foi unánime ao salientar o importante acontecemento cultural que representaba este fito renovador nos estudos rosalianos. Supoñía, como nós dixemos tamén, devolvernos ao camiño da imaxe real de Rosalía, podendo establecermos un antes e un despois desta peza clave da historiografía literaria galega.

Naquel momento sinalamos que estudos desta dimensión só son posíbeis en quen dispón non só dunha metodoloxía axeitada, senón tamén dunha sólida e interdisciplinar formación (historia, economía, filosofía, psicoanálise...). En moitos casos cubrindo carencias, indo ás fontes máis directas, como no terreo histórico en que se constata o escasamente estudados que están algúns fenómenos da historia de Galiza. Francisco Rodríguez xa daquela denunciaba nesta obra que a historiografía galega non se tivese ocupado en condicións de ordenar o interesante debate sobre causas e consecuencias da emigración no século XIX con ampla presenza na prensa da época, e que daría para un amplo volume.

No momento da súa publicación, Pilar García Negro, nun artigo titulado "Rosalía de Castro na visión de Francisco Rodríguez" (A Nosa Terra, nº 370) sintetizaba os principais méritos e aportes daquel estudo: 1) a presentación dunha panorámica histórica crucial en que se desenvolve a vida de Rosalía e contextualiza a xénese da súa obra; 2) a consideración da novelística de Rosalía (inxustamente marxinada e deostada por outros críticos) como fundamental para entendermos o seu pensamento; 3) a proclamación sen ambigüidades do feminismo rosaliano; 4) a profundidade con que se estudan os poemarios e nomeadamente as partes máis herméticas de Follas novas e En las orillas del Sar; 5) a necesaria aclaración, lonxe de simplificacións, da dualidade lingüística e do proceso de enterramento e beatificación post mortem. Curiosamente a autora facía unha reflexión sintomática a raíz do desinterese das esferas académicas polo estudo da nosa literatura, sinalando que era a primeira tese sobre Rosalía realizada por un galego e defendida na Universidade galega.

O libro que hoxe nos ocupa é unha reinterpretación máis profunda, con ampliación das achegas contextualizadoras, de análise e interpretación. Sen dúbida é o estudo máis completo -non só no plano cuantitativo (máis de setecentas páxinas)- e profundo dedicado a Rosalía. Conta cunha aleccionante introdución (A descuberta dunha nova Rosalía) e cun suxestivo colofón no capítulo 10 (Rosalía, lirio na rocha). Neste último revélanse aspectos sorprendentes e pouco coñecidos até o de agora, moitos deles tirados da correspondencia do casal Rosalía-Murguía e que constitúen parte substancial do que o estudoso denominaría "unha biografía profunda".

Unha alternativa, para o público interesado polas perspectivas máis biográficas, pode ser comezar a lectura por este mesmo capítulo 10 que ilustra moi ben moitas claves para entender a Rosalía. A parte historiográfica na que se analiza o período de case cincuenta anos que vai de 1837 a 1885 e mesmo máis alá (referíndose ao proceso de asimilación posterior á morte), resulta fundamental para a contextualización da obra de Rosalía e diríamos tamén para entender ben o noso século XIX. Na análise das obras mantense un enfoque semellante que parte da xénese da obra, analiza a estrutura externa e interna na procura do seu sentido e compleméntase coa función e vida social da obra mesma.

Lembro que a finais de 1988, a pouco de publicarse a tese de doutoramento de Francisco Rodríguez a que antes nos referimos, comentábase con sorpresa desde o xornal La Voz de Galicia o éxito dun libro como este que conseguira instalarse en cabeza no ranking de máis vendidos. Con certa ironía atribuíase á "existencia dun público incondicional que ten este profesor de literatura inmerso e protagonista da voráxine do nacionalismo galego contemporáneo".

Pois da mesma maneira que procedemos daquela, ante a pasividade do mundo oficial, o silenciamento e a manipulación, procedamos agora alentando a difusión desta peza clave na obra colectiva de recuperarmos a Rosalía para o pobo galego e para recoñecérmonos nela como galegos e galegas.