De renuncias e contradicións

De renuncias e contradicións

Que todos nós estamos cheos de contradicións non se lle escapa a ninguén. O problema é cando queremos facer das nosas contradicións, persoais ou grupais, alicerces dunha ideoloxía compartida por moitos compañeiros e compañeiras.

Non sei se estou a ser correcto ao dicir contradición no lugar de renuncia xa que para un nacionalista galego a defensa da lingua non pode ser unha contradición, mais senón se fai visíbel por medo a perder o colchón electoral pasa a ser unha renuncia (e bastante perigosa na miña opinión). Mais as contradicións ou renuncias non só ocorren coa defensa da lingua, ou coa normalización do galego vía español, aí temos as loas á II República Española ou a xustificación da intervención militar en Libia ou a petición da intervención en máis países (Siria, por exemplo).

Nin é o meu cometido facer exposición de purismo ideolóxico nin de dogmatismo xa que tento non facer uso de ningunha delas e, moito menos, dar leccións a ninguén xa que non son a persoa máis axeitada para tal fin. Simplemente, procuro non caer nas contradicións que outros presentan e tentar entender como se pode presumir de modernidade, de "antidogmatismo", de aperturismo, de estar ao pé da rúa, de saber o que quere a sociedade de hoxe...e iso ter unha tradución en renuncias ou contradiciócos cos principios básicos que o nacionalismo sempre defendeu como, por exemplo, o antimperialismo.

Nesas contradicións ou renuncias que sinalei no primeiro parágrafo permitídeme que me centre nunha soa: o espectáculo de glorificación e exaltación da II República Española que vivimos nesta última semana. Malfadadamente, a contradición non parte dos sectores da esquerda española (que tamén podería ser) senón que parte de persoas e sectores que se denominan nacionalistas galegos. Semella que aínda hai quen cre que na carta de presentación dun nacionalista debería figurar que no seu maxín non entra a monarquía e aposta por unha república.

Evidentemente, a monarquía non pasa dun simple anacronismo histórico, un refugallo político. Mais é verdade que un réxime republicano, sendo condición necesaria, non é tampouco o garante do dereito de autodeterminación. Exemplos temos de repúblicas presidencialistas, centralistas, autoritarias, teocráticas...

Os galegos, afeitos a ver como se terxiversa e oculta a nosa historia, tamén temos que andar con ollo cando analizamos a II República Española xa que na chamada "recuperación da memoria histórica" hai unha perspectiva españolista, de glorificación acrítica da II República mais tamén unha nacionalista, que parte de recuperarmos o inapreciábel labor de todos aqueles galegos e galegas que loitaron, sufriron e morreron pola República porque, como ben dixo Castelao, "loitaban tamén pola liberdade da Galiza".

Mais se as loas á II República se contrapoñen coas propias verbas que Castelao deitou no Sempre en Galiza non lles falta tempo aos seus defensores para che colocar os nada cariñosos apelativos de "sectario", "dogmático" ou de vivir ancorado no pasado xa que "persoas que morreron hai séculos non poden comprender os problemas dos nosos días". Si, Castelao e outros clásicos convértense en figuras de múseo ou autores de libros que engalanan algún andel da casa xa que se segue a ter a concepción centrípeta de que o nacionalismo comezou cando un cubre unha ficha e/ou comezou a falar galego (se se conseguiu, claro). Aínda así, gustaríame que os defensores da II República me explicasen como se interpretan as seguintes palabras de Castelao:

"Cando estaban en pé as institucións da nosa República era doado crer que, pouco a pouco, se irían corrixindo os erros en que caera ao constituírse, mais agora que a vemos morta non queremos que resucite (...) Para nós non hai mais que unha república viábel, a que se basee no libre consentimento das nacionalidades que integran Hespaña. Nós damos por ben mortas a primeira e a segunda República, e agardamos pola terceira. Esta terceira República será federal se é que quer ser definitiva".

Asemade, se nos detiveramos na concepción do federalismo de Castelao (ao que se agarran moitos galeguistas (?) que parecen proliferar ultimamente) observamos como está ben lonxe daquel que, incluso a día de hoxe, defende a esquerda española que se reclama federalista. Castelao entende que a solución federal debe partir do exercicio de autodeterminación das nacións que integran o Estado e da plena soberanía de Galiza, á que debe recoñecérselle o dereito á independencia e, por tanto, "a separarse cando lle conviñer".

Coido que só lendo a Castelao, lendo o Sempre en Galiza, xa deberiamos ser quen de rematar coas contradicións e coas loas acríticas á II República. Deste xeito, só desde unha lectura interesada e babeca, desde a terxiversación do escrito polo patriota de Rianxo e a búsqueda interesada de que o río galego conflúa en augas da república española se pode seguir a caer na contradición. Pois xa o dicía novamente o sempre actual Castelao: "Eu dígovos que os galegos só imporemos respecto cando se nos considere capaces de tronzar os vínculos que nos xonguen a Hespaña e cando nós mesmos aprendamos a vivir con absoluta independencia dos hespañois"

Así, nesa demorada búsqueda que fan algúns "modernos nacionalistas" do aperturismo, de saber o que quere a sociedade e do "vivir no día de hoxe" non pode valer todo, non pode ser a tradución de renuncias, contradicións e a descafeinización dos principios do nacionalismo galego. Ser nacionalista non pode ser como as modas de tempada onde chegada determinada altura cambiamos de prendas segundo mellor cremos que nos acaen ou máis miradas imos atraer. Lamentabelmente, hai moito fashion-victim.